Luís Soto: «Unir a música galega á de Mozart busca que nos sintamos orgullosos do noso»

Montse García Iglesias
montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

O proxecto inclúe tamén un libro de Fina Casalderrey traendo o compositor a Galicia

14 dic 2021 . Actualizado a las 00:35 h.

Todo empezou cunha frauta de madeira de finais do século XIX que o músico Luís Soto atopou nun anticuario hai anos. Aí está o cerne do proxecto Mozart á galega, que une os cuartetos do compositor austríaco para frauta e trío de cordas coas músicas tradicionais galegas. Esta fusión que xa puido escoitarse en recitais, acaba de ver agora a luz nun disco. Pero a iniciativa non se queda só no eido musical, senón que se xungue coa literatura a través do relato de misterio e aventura de Fina Casalderrey O xenio da Cidade do Sal (Xerais), que aborda a figura do compositor traendo á Galicia a través do Camiño do Santiago. O libro-cedé será presentado este mércores 15, na Biblioteca Ánxel Casal, ás 19.30 horas.

 

 

«Os cuartetos de Mozart están sobregravados por todos os frautistas e eu necesitaba unha razón a maiores de ter unha frauta singular. Aí foi cando decidín engadirlle a música tradicional, que foi arranxada por Alfonso Morán en canto ás peticións de carácter, tempo e tonalidade dos cuartetos», explica Luís Soto, músico da Real Filharmonía de Galicia. A iso engadiulle un elemento máis: gravar o disco na igrexa de San Pedro Fiz do Hospital (O Incio) —«a única igrexa en mármore da Península Ibérica e cunha sonoridade incrible»—. Nese momento, relata o frautista, «vin que había unha historia detrás, que semellaba que, dalgún xeito, Mozart xa chegara a Galicia». Así que decidiu contactar coa escritora Fina Casalderrey para «ver se vía a maneira de traer a Mozart aquí, pero contado para a rapazada, para que os máis cativos coñeceran a súa obra, que é singular e excepcional, e tamén para que coñeceran a música tradicional galega».

O resultado do cedé é que os cuartetos para frauta e corda de Mozart conviven co Alalá das Mariñas, Teño un amor en Rianxo, E pousa, pousa, pousa, así como A Carolina. «Ao final, demostra que a música tradicional e a de Mozart teñen a característica máis importante da música, que é que sexa boa en si mesma», explica Luís Soto, que incide en que os temas galegos que inclúen «reflicten a altísima calidade da nosa música tradicional. O que escoite o disco verá que hai unha perfecta continuidade entre un cuarteto de Mozart e as cancións galegas. [...] Calquera delas é un exemplo do alto nivel que temos en Galicia».

 

 

 

 

Pero, por que unir a música tradicional galega a Mozart? «Hai poucos días saía unha enquisa na que se dicía que o 80 % dos xóvenes non coñece ningunha música que se faga en Galicia. Isto en si é un problema posto que non coñecer a música ou a literatura, no fondo, é non coñecer o noso país. Vivimos nun mundo globalizado onde o máis forte impón a súa literatura, o seu cine, a súa música. Entón, temos que abrir ocos que nos fagan sentir orgullosos do noso. E iso é o que humildemente busca demostrar este compendio, esa unión da música tradicional á de Mozart», responde Luís Soto, que agradece a Xerais a implicación no proxecto, que reúne a literatura de Fina Casalderrey, as ilustracións de Xosé Cobas e a música. «A nosa música tradicional está ‘elevada' —non quero dicir a palabra pero si a uso para que se entenda— ao nivel da mellor. Con isto calquera poderá ver que o noso está a altura do mellor que poida vir de fóra», conclúe.

Mozart á galega naceu hai dous anos. Agora, despois das presentacións do libro-cedé, Luís Soto prevé levalo aos colexios e seguir cos recitais. E o proxecto pode ir máis alá, apunta, incorporando outros compositores e escritores. Este frautista sempre se preocupou por divulgar a música entre a rapazada e por iso tamén formou xunto aos seus dous fillos o Trío do Acivro. «Divulgar a escoita da música e a lectura é algo fundamental para a formación de calquera individuo», resalta.