O espectador será o eixo das dúas novas producións do CDG para abrir o 2022

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Cedida

Inician os ensaios de «A peste» e «Ás oito da tarde, cando morren as nais»

04 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un clásico da literatura universal e dramaturxia galega contemporánea cun nexo de unión: o espectador. Esa é a aposta do Centro Dramático Galego (CDG), a compañía teatral da Xunta de Galicia, para as súas dúas novas montaxes propias que chegarán no primeiro semestre do 2022. Trátase de A peste, unha adaptación da obra de Albert Camus, baixo a dirección de Cándido Pazó, que se estreará o 20 de xaneiro; e de Ás oito da tarde, cando morren as nais, escrita por AveLina Pérez e dirixida por Marta Pazos. Neste caso, chegará aos escenarios a partir do 14 de abril.

«No 2021 queriamos falar de fronteiras e agora a idea era centrarnos no espectador e nos valores da sociedade. Por un lado, o texto de AveLina Pérez coloca ao público no centro; é un xogo no que o público está asistindo a un espectáculo e o rebenta, e aí aparecen as contradicións e as pequenas miserias humanas. Pola súa parte, A peste sitúanos ante unha situación externa á que somos alleos, pero despois vamos pasando a ser protagonistas», explica o director da compañía pública, Fran Núñez.

Os ensaios para estas dúas novas producións xa están en marcha. No caso de A peste, que reúne un elenco conformado por quince intérpretes, comezaron esta semana e desenvolverase sen interrupción ata a súa estrea. Xa con anterioridade, a finais de novembro, comezaron a traballar para Ás oito da tarde, cando morren as nais. Agora están inmersos na primeira fase de ensaios de catro semanas e despois retomaranse un mes antes da estrea en abril. «Van ser dúas viaxes. A de A peste polas miserias humanas, pola nosa propia historia; e a outra con texto de AveLina Pérez polo pensamento do público durante un espectáculo e os nosos propios conflitos», afirma Fran Núñez. O director do CDG incide en que a obra dirixida por Cándido Pazó destaca pola potencia narrativa: «É ver a novela de Camus en pé. É magnética, atraínte». Pola súa banda, a dirixida por Marta Pazos constitúe «unha comedia visualmente preciosa, cun nivel de enerxía brutal».

Os directores das dúas novas producións xa traballaron en máis ocasións coa compañía pública galega —Cándido Pazó xa estivo con outras tres pezas e Marta Pazos con unha—. «Deste xeito hai continuidade histórica no CDG», afirmou Fran Núñez.

A compañía prevé dous formatos de exhibición

O CDG apostará por dous formatos de exhibición distintos para as dúas pezas que ofrecerá durante o primeiro semestre do 2022. No caso de A peste estará oito semanas no Salón Teatro e non fará xira. Iso si, mobilizará o público para que se achegue ata Santiago. Pola súa parte, Ás oito da tarde, cando morren as nais, ademais de representarse na sede da compañía pública, ofrecerá un percorrido por catro lugares aos que non é habitual que se acheguen os espectáculos da compañía pública. Tamén haberá intercambio coa lusofonía, resalta o director do CDG, que estes días está de xira en Uruguai e Arxentina coa produción que abriu o 2021, O charco de Ulises. Ademais, Serva me, servabo te representouse en Estambul.

Marta Pazos: «Será unha peza moi divertida e irónica. Quedará moi plástica»

O texto gañador do Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais 2018, Ás oito da tarde, cando morren as nais, de AveLina Pérez, chegará ás táboas da man de Marta Pazos. «Vai ser unha peza moi divertida e moi irónica porque a escrita de AveLina tamén o é. [...] Vai quedar algo moi plástico, e a combinación co texto será explosiva», asegura a directora, que actualmente ten en escena unha produción co Centro Dramático Nacional, Comedia sin título, de García Lorca, que se pode ver no teatro María Guerrero de Madrid ata o 26 deste mes. Precisamente, Pazos resalta a ligazón entre as dúas pezas: «Forman un díptico porque as dúas falan do público en direccións diferentes. En Comedia sin título é o artista o que está increpando ao público, dicíndolle que ten que espertar; atenta contra o teatro burgués. Pola súa parte, o texto de AveLina atenta contra o público burgués». Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Esperante, Davide González, Alba Loureiro, María Llanderas e Toni Salgado conforman o elenco desta montaxe. «É unha tarde de teatro na que o público interrompe constantemente a unha actriz que está facendo unha función e eles non paran de falar», detalla sobre a peza Marta Pazos, que engade que é bonito regresar ao CDG con dramaturxia contemporánea.

Cándido Pazó: «A intención é que a peza sexa como ler desde o teatro a Camus»

«Todo vai moi ben», asegura Cándido Pazó tras as dúas primeiras xornadas de ensaios de A peste. El non só se encarga da dirección, senón que tamén fixo a adaptación. O seu obxectivo foi que a peza «sexa como ler desde o teatro a Camus e facelo do xeito que para min se debe facer o teatro, que é directo, fluído e onde o espectador sinta que a relación con el sexa viva en todo momento». Evaristo Calvo, César Cambeiro, Nacho Castaño, Xurxo Cortázar, Salvador del Río, Casilda García, Paku Granxa, Luís Iglesia, Tone Martínez, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Santi Prego, María Roja, Santiago Romay e Carlos Sante compoñen o elenco dunha montaxe que durará dúas horas e vinte minutos. Na adaptación, Pazó explica que non só tivo en conta a parte argumental de A peste, senón tamén a reflexiva para que «a xente recoñecera desde o teatro a Camus e a súa obra». Engade que ao falar de pandemia, o espectador relacionará a obra co que está sucedendo agora, buscou que non se perdera a referencia orixinal da novela. O resultado será unha peza na que «o texto e a palabra van estar en primeira liña», e na que tamén introducirá o humor. Ademais, «o espectador vai sentir que hai unha relación moi directa con el, porque hai partes onde os intérpretes falan co público».