Turismo activo, cultura e gastronomía para disfrutar do outono en Sar

Uxía López Rodríguez
Uxía López ROIS / LA VOZ

SANTIAGO

Manuel Pérez rexenta coa súa muller a casa de turismo rural Fogar do Selmo, especializada en cocido con porco celta
Manuel Pérez rexenta coa súa muller a casa de turismo rural Fogar do Selmo, especializada en cocido con porco celta MERCE ARES

A casa de turismo rural Fogar do Selmo, en Rois, é referente polo seu cocido elaborado con porco celta

25 nov 2021 . Actualizado a las 05:05 h.

A comarca do Sar é un lugar moi recomendable para unha visita, sexa no tempo que sexa, e é ideal para unha escapada de outono na que, como sinalan dende o departamento de Turismo do Concello de Padrón, natureza e turismo activo sobresaen sobre o resto de recursos, moitos dos que están dispoñibles todo o ano, como os de índole cultural.

As cores, a luz e os olores de espazos como o paseo fluvial da desembocadura do río Sar no Ulla, a área recreativa do Santiaguiño do Monte ou o Xardín Botánico Artístico converten estes lugares en parada obrigada en Padrón, aos que hai que sumar outros espazos naturais dos concellos veciños: Rois e Dodro. Na capital do Sar, ademais, o turismo activo depara actividades como o rafting en augas do río Ulla.

Rois e Dodro destacan, pola súa banda, polas rutas, no caso do primeiro de tipo natural, coa das Penicias ou a do Castro Lupario. Dodro suma aos sendeiros naturais outros de índole cultural, como a de Os días olvidados, que percorre os lugares vitais do seu gran poeta, Eusebio Lorenzo Baleirón. Do mesmo xeito, a ruta Pensa nao leva ao camiñante polos espazos literarios da obra do escritor e veciño de Manselle Anxo Angueira.

En Dodro, ademais é un bo momento para visitar os petróglifos de Bouza Abadín, que acaban de ser obxecto dunha actuación de limpeza que os pon en valor e os dá a coñecer.

En Rois é recomendable a visita á casa de turismo rural Fogar do Selmo, que o reúne todo para unha escapada de outono ou para unha parada en calquera momento do ano. Está na aldea de Casal de Poño, na parroquia de Urdilde, e destaca polo seu aloxamento nunha antiga casa familiar de aldea, pero tamén pola súa gastronomía e máis neste tempo xa que o seu prato forte é o cocido elaborado con produtos da casa.

Entre eles destaca o porco celta, especie que crían na casa, a tenreira cachena e a galiña de Mos, que tamén teñen na súa horta. Non faltan tampouco o repolo e os grelos cultivados de lado da casa. «Antes da pandemia servíamos máis de 4.000 cocidos en tempada», conta Manuel Pérez, que xunto coa súa muller Ana María Tomé rexentan Fogar do Selmo dende o ano 2006. Esa tempada vai, aproximadamente, dende finais de setembro ata abril, cando nas fins de semana xa non hai moitas veces mesa para comer o cocido.

«Hai días que temos que rexeitar reservas», di o titular da casa. Explica, ademais, que o verán pasado foi excelente, «a tope de reserva de habitacións e comidas familiares», de modo que fala de que «posiblemente esteamos recuperando con creces o ritmo de antes, pero facía falla porque levabamos un tempo aletargados».

Nese espertar ten que ver a súa oferta rural e a súa gastronomía, todo elo a un paso literal de Santiago pola autovía e doutros destinos de praia. «Esta zona é ideal polo ben comunicada que está», conta Manuel Pérez. Tamén axuda a cociña, de modo que o cocido de Fogar do Selmo xa é coñecido e recoñecido.

«Intentamos que sexa todo o caseiro posible; dá traballo pero ten a súa recompensa. Doutra maneira non poderíamos servir o cocido que servimos nin ao prezo que o facemos». Así, ter carne da casa implica criar os seus propios porcos celtas, de modo que nestes momentos ten arredor de 80 exemplares, comendo libremente nunha carballeira centenaria. E implica, ademais, cultivar o seu propio millo e encher dous hórreos, conta Manuel Pérez.

Fogar do Selmo ten dous empregados fixos, aos que suma os extra para as fins de semana.