Xesús Fraga, en Santiago: «Fun completamente fiel á información e ás miñas lembranzas»

La Voz

SANTIAGO

Paco Rodríguez

O gañador do Premio Nacional de Narrativa debullou en Numax a súa obra «Virtudes (e misterios)»

11 nov 2021 . Actualizado a las 04:55 h.

«É un camiño de emocións; é difícil emocionar e este texto consígueo». Así se referiu a escritora Marilar Aleixandre á novela «Virtudes (e misterios)», do escritor e xornalista Xesús Fraga, onte na libraría Numax. Era a presentación en Santiago da obra gañadora do Premio Nacional de Narrativa 2021, que agora pasa a ter algún menos misterio para os que escoitaron as verbas do autor debullando as claves desta historia familiar en torno á emigración a Londres na conversa que mantivo con Marilar Aleixandre.

Se algo tivo claro Xesús Fraga, segundo sinalou, foi que ía «ser completamente fiel ás informacións que me chegaban e ás miñas lembranzas, aínda sabendo que as lembranzas poden ser unha pequena ficción porque nós somos artefactos narrativos». Ademais, pensou que o mellor xeito de «facerlle servizo» á esa historia da súa avoa Virtudes que serve de fío condutor era «optar por non agochar». Aínda que as protagonistas son mulleres e xira en torno á emigración, explicou que nunca sentou pensando niso senón que o seu obxectivo era contar a «historia da miña familia [...] É a de miña avoa e a de miña nai, é irrenunciable».

Durante a hora de conversa entre o escritor e xornalista de La Voz de Galicia, Xesús Fraga, e Marilar Aleixandre en Numax foron repasando desde o papel social das mulleres, e o que supón de romper estereotipos a figura da súa avoa Virtudes, á todo o significado da emigración e as súas consecuencias.