João Paulo Borges Coelho: «O marisco e a lingua son pontes que unen Mozambique e Galicia»

j. gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

O escritor africano presentou en Santiago a súa última obra narrativa, a décimosegunda en vinte anos de carreira literaria

08 nov 2021 . Actualizado a las 23:51 h.

«O marisco e a lingua son pontes que unen Mozambique e Galicia. Xa coñecía Santiago, pasei como camiñante coa miña muller uns anos atrás, e estivemos tamén pola costa para coñecer mellor este lugar magnífico», manifestaba João Paulo Borges Coelho no Museo do Pobo Galego, onde fixo o lanzamento de Museu da Revolução, a súa última narración, de 484 páxinas. É a súa duodécima obra de ficción en dúas décadas de carreira literaria, pola que conseguiu varios recoñecementos no seu país, Mozambique, e en Portugal; e a maiores ten unha importante obra ensaística.

João Paulo naceu en Beira, e coñece ben a actividade de empresas galegas relacionadas coa pesca nesa cidade costeira mozambicana: «Nós temos sobretodo camarón; non hai  bivalvos como aqui», afirma. «Estou moi contento en Santiago, que é unha cidade belísima, porque significa chegar a un lugar onde se dá unha especie de recoñecemento a través da lingua. Podemos cada un falar a nosa lingua e percibir os uns aos outros, iso é importante. É a mesma sensación que tiven no Brasil: a lingua parece distinta, mas é un vehículo que une as persoas. Tamén vexo Galicia moi parecida ao Norte de Portugal, de onde ven a miña familia paterna», acrecenta Borges Coelho.

Estivo acompañado de Zeferino Coelho, da editora Caminho de Lisboa, que publica o libro; e do profesor Elías Torres, de Filoloxía, onde tamén falou co alumnado e foi presentado por Felisa Rodríguez Prado, a especialista en literaturas africanas de lingua portuguesa da USC. Museu da Revolução «foi un grande investimento de traballo, e emocional». Antes de Santiago presentou a obra en Lisboa, e despois no Porto.