Cantigas e Agarimos inicia os actos do centenario con talleres e tres actuacións

La Voz

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O Auditorio de Galicia acollerá o sábado a proposta «100 anos de Agarimos»

28 oct 2021 . Actualizado a las 04:55 h.

Sábado • Desde ás 16.30 horas • Auditorio de Galicia • Gratis previa reserva • Hai cen anos que Cantigas e Agarimos se subiu por primeira vez a un escenario. Fíxoo como coro e será este o que teña protagonismo na primeira cita coa que a agrupación folclórica festexe o seu centenario. Será este sábado, a partir das 16.30 horas, no Auditorio de Galicia. Pero non estará só sobre as táboas nin haberá unicamente música. A proposta, baixo o nome de «100 anos de Agarimos», tamén incluirá obradoiros e unha charla. «É o pistoletazo de saída, tamén continuaremos ao longo do 2022», asegurou a vicepresidenta da agrupación folclórica compostelá, Amparo Pérez Díaz, quen quixo agradecer a familias enteiras que ao longo destes anos pasaron por Cantigas.

As actividades comezarán ás 16.30 horas cun obradoiro de pandeireta e outro de baile. Ás 18.15 horas seguiralle unha charla sobre o traxe tradicional galego e, para rematar, a partir das 19.30 horas, actuarán o coro e instrumental de Cantigas e Agarimos, OCT Ultreia e as pandeireteiras de Brincadeira. Segundo apuntou Brais Esperante, xestor deste evento, tamén haberá unha exposición de fotografías e poderase presenciar a creación en vivo dun mural conmemorativo. Polo momento, engadiu, hai entradas dispoñibles, que se poden retirar en Entradium ata mañá ás 12.30 horas. Desde o colectivo lembraron que está aberto a todo o público.

Esta primeira actividade de celebración do centenario, que proseguirá durante o 2022 debido a que a pandemia condicionou as propostas, foi presentada nun acto co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e co concelleiro de Educación de Santiago, Rubén Prol. García resaltou que Cantigas e Agarimos é un referente na preservación e recuperación da tradición cultural. Pola súa banda, Prol incidiu na defensa do patrimonio inmaterial por parte da agrupación.