A biblioteca Ánxel Casal reforza as actividades para ser punto de encontro

m. g. iglesias SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

O centro suma 44.700 usuarios tras medrar un 4,3 % desde o ano 2019

22 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un espazo de encontro onde poder formarse, aprender, compartir experiencias e relacionarse. Esa é o obxectivo que persegue a biblioteca pública compostelá Ánxel Casal desde a súa posta en marcha no ano 2008. Para alcanzar ese obxectivo non só busca conformar unha boa colección de libros, revistas e audiovisuais -á que os propios usuarios poden achegar as súas suxestións-, senón que programa actividades para todos os públicos. Unhas propostas que nas últimas semanas gañan peso segundo o vai permitindo a situación sanitaria. Ademais, ceden as súas instalacións para que outras entidades desenvolvan alí as súas propostas, unha cuestión que tomou relevancia no actual contexto sanitario, cando acolleu, por exemplo, presentacións de publicacións de librarías da cidade.

O centro bibliotecario xestionado pola Xunta retomou recentemente os clubs de lectura presenciais, xa que se desenvolveron en liña debido ás restricións, ademais de recuperar as aulas de maiores para as persoas que superan os 55 anos, o obradoiro de iniciación á historia da Filosofía e a aula tecnolóxica para os maiores. Tamén prevén no vindeiro mes que volvan as visitas guiadas para coñecer os recunchos das instalacións situadas en Xoán XXIII, así como os seus servizos. Todo iso sen esquecer as propostas destinadas ao público máis novo, con contacontos e obradoiros, entre outras. «O que queremos é que todos os composteláns poidan atopar algo que lle interese e o que necesiten de formación, información e ocio», destaca o director do centro, Jesús Torres, precisando que están pechando a programación da recta final do ano e prevén que, de media, haxa máis dunha actividade diaria.

Un 45,7 % da poboación

A biblioteca Ánxel Casal segue na súa senda de crecemento e acada as 44.742 persoas usuarias inscritas, segundo os datos máis recentes, que supoñen 1.851 máis que no 2019. «Coa pandemia volveu a lectura», resalta o director do centro. Estas cifras representan unha elevada porcentaxe da poboación da cidade, xa que os inscritos suporían o 45,7 % do padrón de Santiago. Iso si, aínda que a maior parte son veciños e veciñas de Santiago, o director explica que tamén esperta interese entre alumnado da USC.

Unha viaxe de máis dun século para buscar o xermolo do servizo público

Santiago conta con biblioteca pública desde 1955 por orde ministerial, xa que ata ese entón só se dispoñía de bibliotecas especializadas e universitarias. Porén, a súa orixe pode remontarse ata 1916, canso se crea a Sección Popular da Biblioteca Universitaria, base da Biblioteca da Real Sociedade Económica de Amigos do País. A biblioteca funcionou no actual IES Rosalía. En 1945, segundo explican desde a Consellería de Cultura, a Sociedade trasladouse ao edificio que hoxe acolle Filosofía, e once anos máis tarde, ao inmoble cedido pola Caixa de Aforros e Monte de Piedade na praza de Salvador Parga. O novo local inaugurase en 1957 con 10.584 volumes e 1.791 folletos. Na década dos 90, transfírese a xestión á comunidade autónoma e búscase un novo local. Será no ano 2008 cando se inaugurou a sede actual da biblioteca Ánxel Casal, que supuxo pasar dun espazo de 310 metros cadrados a outro de máis de 5.000; de ningún ordenador de uso público a 53; e de sete traballadores a 35. Tamén medraron de xeito considerable os usos, pasando de 8.992 visitantes a 161.876. Foi significativo, así mesmo, o aumento de préstamos, que pasou dun millar a máis de 73.475. Tamén incorporou as actividades culturais.

Dispón dunha colección formada por máis de 150.400 títulos

A colección da biblioteca pública de Santiago conta nestes momentos con máis de 150.400 documentos, a súa maior parte -118.977- son libros, seguido por 21.440 audiovisuais e 6.438 revistas, ao que lle hai que engadir outro tipo de títulos xa en números moito máis reducido. Esta colección medrou de xeito notable nos últimos anos. De feito, case se duplicaron os recursos desde a súa apertura, cando contaba con 79.000 títulos para prestar aos usuarios. No último lustro incorporou preto de 8.000, xa que no 2016 había 142.846 títulos dispoñibles.

O que mudou pouco ao longo dos anos, segundo indicou o director da Ánxel Casal, é o perfil do lector. «Son na maioría mulleres adultas, pero tamén os nenos e nenas levan moitos libros», asegurou. No caso das persoas superlectoras deste ano, nalgún caso superan a media diaria dun título que levaron para a casa. En canto aos máis solicitados, Jesús Torres, apuntou que se trata na súa maior parte das novidades editoriais do momento.

Música, contacontos e visitas guiadas para festexar o día dos centros bibliotecarios

Despois do ano pasado ter que suspender as actividades previstas polo Día das Bibliotecas, que se conmemora o día 24 de outubro, nesta edición o centro público compostelán dependente da Consellería de Cultura programou cinco días con actividades orientadas especialmente ao público familiar, que empezaron este mércores cun obradoiro e que onte tivo como protagonista a música de Pakolas e o seu espectáculo Ramona Órbita, a dona do tempo. «Fixemos un esforzo especial este ano tras suspender as actividades no 2020», asegura o director, Jesús Torres, subliñando que o público ten desexo de participar nas actividades. «Nunca desapareceron as ganas de acudir», engade, apuntando que, en momentos de restricións de capacidade no salón de actos, houbo xente que tivo que quedar fóra.

Hoxe venres hai xornada de portas abertas con visita guiada extraordinaria aos espazos menos coñecidos da biblioteca, así como a entrega de lotes de libros aos usuarios que máis títulos levaron para a súa casa ao longo do ano. Despois, ás 18.30 horas, terá lugar o contacontos O chineiro da tía María, a cargo de Xandobela, para público familiar. É unha proposta na que se mesturan a narración, as pinturas en grandes lenzos e a música. Mañá sábado desenvolverase unha nova sesión de narración oral a cargo de Vero Rilo (12.30 horas). O peche será o luns, ás 11.30 horas, con Tecendo soños, un obradoiro destinado a bebés a cargo de EmanaArte para aprender arrolos de tradición oral e xogar coas crianzas ao tempo que se realiza estimulación sensorial. Ademais, durante todo o mes, hai a mostra bibliográfica infantil, Historias de biblioteca.

«Escape room» virtual

Precisamente, no Día das Bibliotecas, o domingo, a Ánxel Casal porá en marcha un escape room virtual, de xeito que a través da Rede o público poderá coñecer os espazos, servizos así como o persoal que traballa no centro. O xogo, que foi creado por Mónica Insua, vai quedar despois pendurado na web.

Á marxe das propostas do Día das Bibliotecas, o vindeiro día 30, o centro festexará o Samaín cun espectáculo de narración oral a cargo de Ánxeles Goás. Tamén se poden atopar catro mostras nas súas dependencias.