Fernández Leiceaga: «Sempre me gustou a literatura. Escribir non foi vocación tardía, senón unha decisión tardía»

La Voz

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O economista e político publica a súa segunda novela de intriga, «Baixo as alas de abril»

15 oct 2021 . Actualizado a las 04:55 h.

O comisario Miguel Santos creado por Xoaquín Fernández Leiceaga volve seis anos despois. Se en Agosto de memoria e morte (2015) estaba nos últimos anos do franquismo, agora trasládase á Compostela de 1989 despois dun atentado contra un cuartel da Garda Civil con «Baixo as alas de abril». O economista e político presentou onte esta segunda novela en Couceiro.

-Segunda novela e, de novo, de intriga policial.

-É un xénero que me gusta moito. Leo moita novela policial nos seus distintos subxéneros. A súa estrutura, a súa lóxica, facilita a miña escritura, contar historias. Ademais, é unha oportunidade para enfrontarse a cuestións que están xusto no límite da sociedade, problemas que ten que tratar a policía que significan transgresións da lei, que me interesan especialmente. Por iso emprego este xénero.

-Por que o ano 89? Como xorde toda esta trama?

-1989 é o ano de Tiananmen, no que cae o muro de Berlín, morre Jomeini... En España é a tregua de ETA e as negociacións de Arxel, pero en Galicia, ao mesmo tempo, houbo un gromo dun movemento violento armado na propia liña de ETA, que felizmente non tivo moita continuidade, pero que crea un contexto onde eu imaxino unha historia. Isto non é un ensaio, nin un documental, senón unha trama literaria que bebe da realidade. Como é máis próximo, hai unha maior esixencia de verosimilitude no que contas, porque moitos de nós vivimos esa época. Iso eleva o nivel de esixencia para ser capaz de que as cousas que contas sexan cribles, verosímiles, aínda que non son reais.

-Está ambientada en Santiago, inspirouse en persoas reais para algún dos protagonistas?

-Non. Aparecen no fondo, na paisaxe, persoas que son reais porque eran importantes naquel momento, pero non formando parte de trama. Na historia o que fixen foi transformar lembranzas, recordos, en materia literaria que tratei coa creatividade e imaxinación que se lle supón a un escritor. Nese sentido, é un traballo que non ten intención de representar a realidade, senón de recreala. Intento que sexa verosímil, pero non un documental.

-Na súa faceta de economista, ten escrito ensaios, que o levou a cambiar os números por tramas de ficción?

-Esta novela naceu no confinamento, onde estiven ocupado na miña actividade naquel momento -que era a política-, pero era de xeito virtual, entón, ao estar na casa, tiñas tempo. Así que decidín dedicalo a unha das miñas paixóns, que é a literatura. Foi unha forma de continuar unha experiencia que para min fora moi satisfactoria, como foi a da redacción da primeira novela. Nos ensaios tes que someterte á lóxica da realidade, son os datos e a súa interpretación, hai unha disciplina; na novela non é que non haxa disciplina, pero as regras son máis fluídas. Ser capaz de crear permíteche deixar voar a imaxinación de forma máis libre. Naquel momento estaba pendente de saír o ensaio «O país de porvir» e tratábase de compensar o esforzo de disciplina do ensaio, entón pensei: ‘pois vamos a facer algo literario’. Foi unha forma de evadirse do confinamento.

-Seguirá o comisario Santos?

-Teño algunha idea para que poida seguir, un par de cousas. Pero tamén teño algunha idea para tramas diferentes. Ademais, teño que ver o que pasa con esta novela.

-O de escribir novela, vocación de neno ou tardía?

-Sempre me gustou a literatura, estiven a punto de orientarme pola filoloxía, pero, ao final, tomei outro camiño; pero nunca o abandonei de todo, a escritura gústame. Non foi unha vocación tardía, senón unha decisión tardía.