O Gaiás, unha aula de arte e cultura

M. G. Iglesias SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

ROCIO CIBES

Uns 50.000 estudantes participaron nas propostas didácticas desde o 2014

02 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Preto de 50.000 estudantes de centros de ensino de toda Galicia participaron desde o 2014 no programa educativo e didáctico que desenvolve a Cidade da Cultura, que deste xeito se converte nunha ferramenta pedagóxica na docencia achegando a cultura, a arte e o patrimonio ao alumnado de Primaria, ESO, Bacharelato e FP. Desde este setembro, o Gaiás volve a converterse de novo nunha gran aula recibindo visitas presenciais do alumnado despois de que desenvolvese de xeito pioneiro iniciativas didácticas por videoconferencia durante o exercicio pasado debido ás restricións impostas pola pandemia.

O programa didáctico ofrece ao longo deste curso escolar visitas comentadas ao conxunto da Cidade da Cultura, con contido arquitectónico; ás exposicións do Museo Centro Gaiás, que permiten abordar cuestións vinculadas a cada unha das mostras -neste momento está Galicia futura-; e á contorna natural do monte Gaiás para achegar coñecementos medioambientais. Todas elas son gratuítas e desenvolvidas polos guías especializados da Fundación Cidade Cultura, que articula este programa a través do Servizo de Educación, Mediación e Atención ao Visitante.

Só no 2019, xusto antes da pandemia que obrigou a mudar o programa, foron máis de 14.000 os estudantes atendidos distribuídos en 640 grupos de visita. Ao longo destes sete anos de funcionamento, a exposición máis percorrida polos centros de ensino foi Castelao maxistral, que espertou o interese de máis 9.000 estudantes, segundo os datos facilitados desde a Cidade da Cultura. Desde este setembro, o alumnado pode achegarse a contidos culturais pero tamén do ámbito científico a través da exposición Galicia futura, para a que está aberto o período para solicitar quendas de visita por parte dos centros de ensino, que poden optar por acudir de xeito presencial ou facelas a través de videoconferencia.

Precisamente, o servizo en liña que desde o Gaiás puxeron en marcha o ano pasado levando as súas exposicións ás aulas a través de Internet contou cunha boa acollida por parte dos centros. Foron máis de 11.000 estudantes ao longo do curso escolar 20-21 que percorreron desde os seus pupitres as mostras Galicia, de Nós a nós, As miradas de Isaac, Os brancos segredos do seu ventre e Faraón. Rei de Exipto. Esta iniciativa ofreceu aos centros unha alternativa ás saídas escolares programadas nun momento no que estas se viron limitadas polas medidas de contención da pandemia da covid-19. Cando se puxeron en marcha, desde o Gaiás destacaran que a ferramenta posibilitara que alumnado que habitualmente non acudía ás visitas presenciais debido á distancia que os separaba de Santiago, se sumaron a este proxecto por videoconferencia, que permite tamén a interacción do alumnado cos propios guías.

Un percorrido para coñecer a Galicia que vén

 

 

Como será a Galicia de mañá ou mellor dito esa que xa empeza a ser. Esa é a resposta que poderán obter o alumnado participante nas visitas guiadas á mostra Galicia futura. Neste primeiro trimestre do curso, o programa didáctico do Museo Gaiás centra a súa oferta na visita a esta mostra. Tanto se pode escoller na modalidade en liña como presencial, permitindo en ambos casos o diálogo cos especialistas.

Estas visitas guiadas para estudantado de diferentes niveis desenvólvense ata o 21 de decembro de martes a venres, excepto os festivos. Hai quendas ás 10.00 e ás 12.30 horas. No caso da visita presencial, os grupos poden estar formados por un máximo de 20 persoas. Os centros interesados en participar poden consultar información e reservar quendas a través de cidadedacultura.gal ou do correo electrónico visitasdidacticas@cidadedacultura.org.

A exposición Galicia futura une arte e ciencia, permitindo coñecer avances que se están desenvolvendo en Galicia desde diferentes ámbitos. Na exposición participan nomes como Marta Pazos, Oliver Laxe, Estíbaliz Espinosa e Rubén Balsa. Esta mostra pecha a triloxía impulsada pola Xunta que comezou con Galicia, un relato do mundo e seguiu con Galicia, de Nós a nós.

O CGAC, o CDG e o Museo das Peregrinacións ofrecen visitas para centros escolares

 

 

Á oferta da Cidade da Cultura para centros escolares engádeselle a de outras entidades dependentes da Xunta de Galicia. Este é o caso do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). A partir do próximo día 13 ofrece visitas guiadas presenciais para centros de martes a venres de 11.00 a 13.00 horas, cunha duración distinta segundo a idade. Xa antes, a partir do luns, o museo activa as sesións didácticas en liña. No caso de Educación Primaria denomínase «Descubrindo a arte contemporánea», mentres que para os curso de ESO e Bacharelato a proposta é «O CGAC e a súa colección». En todos os casos, as actividades son de balde e hai que enviar a solicitude a cgac.educacion@xunta.gal.

Pola súa banda, o Centro Dramático Galego (CDG) ten previsto ofrecer unha nova edición do seu programa «Os segredos do Salón Teatro. Visitas en liña ao corazón do teatro», dirixido a centros educativos de Primaria e de Secundaria en toda Galicia. A través desta proposta pode facerse un percorrido virtual e guiado polo escenario, o peite, os camerinos e a cabina de control, entre outros espazos.

Por último, o Museo das Peregrinacións e de Santiago ofrece visitas didácticas baixo demanda dos propios centros.