Orquestra de Malabares, Luiz Caracol e Albert Pla alzan o pano do festival Maré en Santiago

La Voz

SANTIAGO

cedida

A cita programa máis de trinta actividades ata o domingo en diferentes espazos composteláns

23 sep 2021 . Actualizado a las 04:55 h.

Orquestra de Malabares, espectáculo conxunto da Banda Municipal de Música de Santiago xunto con Pistacatro, abrirá hoxe ás 19.00 horas na praza da Quintana as actuacións musicais da segunda edición do festival Maré en Santiago, que se celebra ata o domingo e que permitirá gozar de dúas estreas mundiais e oito en Galicia. Nesta ocasión non se cinguirán as actividades a un único espazo, como ocorrera o ano pasado, senón que se espallará ao longo da cidade.

O relevo de Orquestra de Malabares tomárao ás 20.00 horas, no Teatro Principal, Luiz Caracol, que presentará o seu último traballo, «Só.tão». Despois chegará a primeira actuación en Bonaval, ás 21.30 horas, da man do recoñecido e polifacético artista Albert Pla, con máis de 25 anos de traxectoria na música, que trae «¿Os acordáis?. Reflexionará con ironía sobre o impacto que a crise do coronavirus tivo a nivel mundial.

Pero antes de que soe a música, e para abrir a trintena de propostas, a multi instrumentista e activista brasileira Bia Ferreira conversará sobre feminismo e a súa loita contra a violencia de xénero con Jessica Azevedo e Monse Vilar Figueirido na librería Lila de Lilith (17.30 horas).

Repaso a 15 anos

Como previa, onte presentouse un documental que repasa as catorce edicións de Cantos na Maré en Pontevedra e a do ano pasado en Santiago. A cinta, de 35 minutos de duración, conta co apoio do Fonde de Proxectos do Xacobeo 21 facendo un percorrido por este encontro de artistas do mundo da lusofonía. Ademais de Uxía, directora do festival; o seu promotor, Vítor Belho, de Nordesía; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recóllense intervencións de artistas que pasaron pola cita, como Chico César e Aline Frazão.