O Museo das Peregrinacións estreita lazos cos santiagueses no 70 aniversario

M. G. Iglesias SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

O centro programa máis dunha quincena de actividades ata novembro

18 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A finais de 1951, con Manuel Chamoso Lamas como principal artífice, nacía o Museo das Peregrinacións e de Santiago co obxectivo de ofrecer unha visión do nacemento e evolución da cidade compostelá e do fenómeno da peregrinación en canto a xerador de urbe. Agora sopra as 70 candeas cun obxectivo primordial: aproximarse aínda máis ao público. Con esa intención, a entidade dependente da Consellería de Cultura programou máis dunha quincena de actividades ata novembro que se caracterizan pola súa diversidade: visitas guiadas, conferencias, obradoiros e concertos. Unhas propostas que comezaron onte cun itinerario teatralizado coa compañía T.E.P. para viaxar á Compostela dos anos 50 desde a Casa Gótica -a primeira sede do centro e onde se mantén a parte administrativa- ata a praza de Praterías -onde está a súa sede expositiva desde o 2015-.

«Historicamente, desde que abriu o museo ao público, sempre tivemos máis visitantes estranxeiros, peregrinos e xente de fóra de Santiago ca da propia cidade. Entón, desde que abrimos a nova sede en Praterías, o que fixemos foi intentar reforzar as actividades fóra desas épocas nas que hai máis xente foránea para que o museo fose máis coñecido en Compostela e que os nosos veciños participen das nosas actividades», explica a directora do centro, Esperanza Gigirey. Un amplo abano de actividades coa que abordan temáticas vinculadas cos propios fondos do museo, desde a ligazón da música á peregrinación ata o acibeche e a ourivería. «Buscamos que fose atractivo para diferentes públicos, tanto da propia cidade como de fóra, aínda que nesta época chegan menos», engadiu.

Sandra Alonso

Nesta recta final de setembro, o Museo das Peregrinacións organiza visitas guiadas as súas instalacións. Do 21 ao 24 serán ás 18.00 horas, mentres que o sábado haberá dobre sesión, ás 12.00 e ás 18.00 horas. En outubro as propostas comezarán o día 2 con un obradoiro de acibeche co artesán Ricardo Rivas e outro de ourivería con Julio Lado, así como unha demostración dos oficios aberta ao público. O venres 8, o auditorio acollerá a conferencia «Vida de músico na Galicia medieval», de Francisco Luengo. O sábado 16, nos soportais do museo, desenvolverase un obradoiro infantil de xoguetes co artesán e luthier Xaneco. Pechará o mes o concerto de cuarteto de clarinetes da Banda Municipal de Santiago o día 23.

Novembro comezará con novas visitas guiadas entre os días 2 e 6. Tamén nesta última xornada, ás 18.30 horas, o arquitecto Manuel Gallego Jorreto ofrecerá a conferencia «A construción do Museo das Peregrinacións e de Santiago» na que explicará os retos aos que tivo que enfrontarse para adaptar o edificio do antigo Banco de España para sede expositiva. O mércores 17 unha nova charla, nesta ocasión, a cargo de Fernando Reyes sobre as músicas de Santiago. O peche será o sábado 20 co concerto de música antiga de Resonet. Para asistir é preciso inscribirse previamente por teléfono ou por correo electrónico. A estas propostas engadiránselle sesións de contacontos con Celso Fernández Sanmartín en residencias da terceira idade de Santiago e en Agadea.

Tres exposicións

Estas actividades completaranse con tres exposicións que complementan a colección permanente. A primeira será Próxima Parada, unha mostra que sairá á rúa en outubro na que o escultor Álvaro de la Vega homenaxea ás mulleres que fan o Camiño a través dunha ducia de tallas en madeira. En novembro chegará Destino, de Manuel Valcárcel. Trátase dun proxecto fotográfico e audiovisual sobre catro peregrinacións -Tibet, Senegal, México e Santiago-. Xa cara o 2022, o museo xestionado pola Xunta acollerá Chacona. O canto de Santiago na construción de Europa, comisariada por Fernando Reyes.

Sandra Alonso

Mostra permanente articulada en tres eixos temáticos

A sede expositiva situada na praza de Praterías acolle unha mostra permanente que está articulada en torno a tres grandes eixos. O primeiro é a peregrinación como fenómeno universal, profundando nel e abordando outras existentes no mundo. Un segundo bloque está vinculado ao Camiño de Santiago, centrándose na tradición xacobea, incluíndo dende a figura do Apóstolo ata símbolos e rituais ligados aos peregrinos. Por último, outro dos apartados pon o foco na propia cidade de Compostela, incidindo tanto na Catedral como no desenvolvemento urbanístico e económico que levou aparellado.

Desde a Casa Gótica en 1951 á nova sede na praza de Praterías

O Museo das Peregrinacións creado en 1951 asentouse na Casa Gótica, na Rúa San Miguel, despois de adquirir o Concello de Santiago o inmoble. Posteriormente, cede o uso o edificio á administración central para que a Dirección Xeral de Belas Artes se fixese cargo do centro. O cambio de titularidade culminou en 1964, pero no 1995 transferiuse a súa xestión á Xunta. Abriu as súas portas no 96 pero foi no 99 cando o museo iniciou a súa programación expositiva coincidindo co ano santo -con anterioridade só se abrira ao público co gallo de dúas mostras conmemorativas dun ano santo, o de 1965 e o de 1976-. No 2007 chega outro paso importante: publícase o real decreto que o regulaba e constitúese como museo nacional. No 2015 amplíase o centro cunha sede expositiva na praza de Praterías. Desde 1999 desenvolvéronse 70 mostras e neste agosto recibiu máis de 4.000 visitas, recuperándose pouco a pouco o ritmo de visitas. Durante a anualidade do 2019 foran preto de 50.000 persoas.

Unha ampla colección que vai desde restos arqueolóxicos á arte contemporánea

O Museo das Peregrinacións é moito máis que as pezas que poden verse en Praterías e das actividades culturais que organiza dirixidas a todos os públicos. O seu valor tamén está na ampla colección que atesoura, que se caracteriza pola súa variade xa que vai desde importantes coleccións de escultura, pintura, acibeche, gravado e artes decorativas en xeral ata bens arqueolóxicos, elementos etnográficos e fondos documentais e bibliográficos, así como pezas de arte contemporánea ligadas á peregrinación. «É moi variada a colección do museo, porque se dedica á peregrinación como fenómeno universal, a Santiago, a cidade de Santiago... Entón, temos un pouco de todo: fondos documentais, artísticos, arqueolóxicos...», lembra a directora, Esperanza Gigirey, resaltando que tamén son os receptores dos fondos arqueolóxicos recuperados tanto no municipio compostelán como na área de influencia.

Nesta colección destacan pola súa ampla variedade os fondos relativos á iconografía xacobea, con representacións da figura do apóstolo Santiago procedentes de distintas zonas da Península e doutros países. Outras das singularidades son a colección de acibeche así como un fondo bibliográfico antigo sobre o culto xacobeo e a Orde de Santiago. Tamén sobresae a biblioteca, aberta aos investigadores e público en xeral, con máis de 12.000 volumes especializados en historia, arte museoloxía, arqueoloxía e unha colección de catrocentos títulos de publicacións periódicas, catálogos de poxas...

Exhibición da virxe do Sar

Cales son os próximos obxectivos do museo? «Seguilo dinamizando, que se coñezan os seus fondos e toda a historia que se desprende deles. Tamén nos temos que lembrar que ten proxección internacional e intentar achegalo a canto máis público mellor, así como ampliar a colección», responde Esperanza Gigirey. Entre as próximas accións previstas está unha pequena reestruturación na zona expositiva de cara o vindeiro ano incorporando novas pezas en algunha das salas. E, a virxe atopada no Sar o ano pasado? «A nosa intención é xa incorporala este ano. Estamos preparando un pequeno proxecto expositivo», di.