Fernando Lacaci: «A covid forzou un paso adiante na redución de ratios, e volvemos atrás»

O.P. Arca SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

Considera que é o factor que explica o resultado positivo do curso pasado

05 sep 2021 . Actualizado a las 22:33 h.

Fernando Lacaci é presidente da Federación de Anpas de Santiago. No segundo inicio de curso en pandemia, cómpre a súa visión.

-Toca convivir coa covid nas aulas?

-Estamos convivindo cunha situación excepcional que se vai prolongar case dous anos e medio cando remate este curso. É moi importante diferenciar unha medida sanitaria normalizada, que teremos que admitir, con medidas excepcionais sistemáticas que non temos tan claro que se correspondan coas que se piden para a sociedade en xeral. Non o dicimos por ser partidarios dunha menor esixencia, senón no senso de que o alumnado ten tamén unha vida aparte das aulas. É moi complicado explicarlle a un alumno por que se lle prohiben actividades xa normalizadas na vida social, ou mesmo na vida académica ten que permanecer a 1,2 ou 1,5 metros segundo estea dentro ou fóra da aula. Máis que unha crítica é unha exposición da problemática obviada dun colectivo como o alumnado que está sendo tratado de xeito moi excepcional, coa mellor intención pero para o mellor facilitamento da xestión, pensando ‘aínda que poñamos algunha traba de máis non pasa nada'. Quizais este curso xa sexa un pouco rizar o rizo.

-Algunhas medidas reláxanse.

-A rebaixa de medidas en infantil ou o establecemento amplo dos grupos de convivencia estable en primaria parece que avanzan nunha convivencia máis fácil, que sen embargo se dificulta en secundaria, na que o único que se reduce é a distancia na aula para que caiba máis alumnado. Debemos aceptar o discurso sanitario que haxa, pero salientamos as distorsións que del se fai en función das necesidades orzamentarias. Se nós viramos unha coherencia de todas as medidas, aínda que dixeramos que a excepción dura demasiado tempo, teriamos poucos argumentos para manter esa idea. O problema está en que as medidas son segundo o gasto que produzan.