«A miña lealdade política sempre vai estar con Ucha»

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A nova edila de Cultura co PP defende a súa continuidade no grupo socialista

01 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A socialista e número dous da candidatura do 2019 de Santa Comba, Cristina Fajín, vén de ser nomeada concelleira de Cultura baixo a alcaldía do PP de María José Pose. O seu nomeamento sorprendeu só máis alá das fronteiras xalleiras, xa que neste Concello non hai mandato sen moción de censura e gobernos que semellan impensables, como a fichaxe desta concelleira recén chegada á política e tamén á militancia no PSOE, no que segue.

-Como explica o seu nomeamento e entrada no goberno?

-Hai moitos puntos de vista. Eu comparo isto como cando estabamos gobernando con Compromiso por Galicia. Eran dous partidos diferentes no mesmo equipo de goberno.

-Entón non descarta deixar o grupo socialista?

-Mentres o PSOE non me expulse, seguirei cos meus compañeiros de partido. Eu xa fora concelleira de Cultura no anterior goberno e vou facer o mesmo traballo que facía antes, un traballo que me gusta, pero iso non implica que pase a formar parte do PP. Eu sigo mantendo a fidelidade con que me trouxo á política. E se me botan do PSOE, eu seguirei traballando polo pobo.

-Iso implica fidelidade con José Antonio Ucha ou co PSOE?

-Eu entrei no Concello e no PSOE por Ucha, porque me gustaba a súa maneira de facer política. A miña decisión de entrar no goberno foi moi meditada porque non a podía tomar á lixeira, e non a tomei sen falar con el. Consulteille, pero non lle pedín permiso.

-Nuns días o goberno do PP vai presentar os orzamentos. Cal vai a ser o sentido do seu voto?

-Eu entrei no Concello e no PSOE por Ucha, e a miña lealdade política sempre vai estar con Ucha, e mentres estea no grupo socialista, tamén co PSOE. E se Ucha decide que non vai apoiar os orzamentos, o meu voto tamén vai ser non.

-O seu cargo como concelleira vai estar retribuido?

-Aínda non o falamos. Neste momento non está decidido.

A executiva provincial do PSdeG pide a Ferraz que expulse a Ucha e a Fajín por firmar a moción

Despois da moción de censura que en xuño lle deu a alcaldía ao PP co voto de Ucha e Fajín e a abstención do resto de representantes socialistas, a dirección do partido anunciou a apertura dun expediente do que nada se soubo. De feito, o propio Ucha recoñecía onte que non tiña recibido notificación algunha ao respecto. Pero que agora Fajín pase a ser concelleira do grupo de goberno do PP si provocou a reacción do PSdeG. Así, o partido reclámanlle que renuncie á súa acta. Tamén a executiva provincial dos socialistas pide a Ferraz a expulsión de Fajín e tamén de Ucha Velo por firmar a moción de censura, xa que a potestade para a expulsión corresponde a dirección estatal do PSOE. Ademais, o PSdeG pregunta publicamente a Diego Calvo, responsable provincial do PP, se o seu modelo político é o de Baltar.

En plena polémica, o propio Ucha Velo recoñeceu que el tamén recibiu unha proposta para formar parte do goberno popular de María José Pose. Sen entrar a valorar o paso que deu Cristina Fajín, que respecta, no seu caso sinalou que, sexa cal sexa a decisión que tome o PSOE sobre a súa persoa, o seu espazo político neste mandato non vai ser outro que estar «na oposición».