Gaiás, unha galería de arte ao aire libre

M. G. Iglesias SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Manuel G. Vicente

Obras de Franciso Leiro, Manolo Paz e Alicia Framis ligan o complexo ao Camiño

12 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non só un paseo polo interior, senón tamén polo exterior. A arte na Cidade da Cultura transcende máis alá das paredes dos seus edificios. Ás visitas a exposicións temporais do Museo Gaiás, como a de Faraón. Rei de Exipto -que está na súa derradeira semana-, Galicia futura e a de arte contemporánea Os brancos segredos do seu ventre, engádenselle un bo número de pezas que se poden atopar ao longo das súas zonas verdes. Deste xeito o complexo convértese tamén nun museo ao aire libre con creacións de destacados artistas como Francisco Leiro, Manolo Paz, Alicia Framis e Clara Montoya, entre outros. Estas intervencións artísticas e paisaxísticas que a Xunta de Galicia está promovendo nos espazos exteriores están ligadas co feito xacobeo e con Compostela como destino de peregrinación, aproveitando deste xeito o vencello visual coa Catedral e que a Vía da Prata bordea a ladeira do monte.

Manuel G. Vicente

As obras

«Zapatos no Camiño», de Francisco Leiro. A obra realizada por un dos escultores galegos de referencia, Francisco Leiro, está situada na cima da ladeira do monte que se abre a Santiago e conformada por tres pezas que representan os zapatos do peregrino: un realizado en granito, outro en formigón e outro en ferro fundido. Cada un deles ten dous metros aproximadamente para poder contemplarse desde a distancia. Os zapatos convértense nesta creación de Leiro en obxectos humanizados que simbolizan o esforzo e a vontade do camiño percorrido. Ademais, chaman á interactividade cos visitantes, xa que poden ser empregados como obxectos de descanso por parte do público.

Manuel G. Vicente

«Espellos», de Manolo Paz. Está creación situada no Bosque de Galicia está composta por dous grandes cilindros de pedra -teñen 3,5 metros de alto por 3,8 de ancho e pesan doce toneladas- e funciona como un gran fiestra desde a que contemplar a capital galega desde unha perspectiva única. A construción en pedra obtida da cantería compostelá de Lamas de Abade remite aos numerosos valados dos sendeiros interiores das rutas xacobeas. Ademais, Manolo Paz, xunto a Leiro un dos artistas máis persoais e imaxinativos da escultura galega, utiliza na configuración o dobre arco característico do románico. Por último, Espellos alude aos castros celtas.