Fernando Buide: «É un reto preservar musicalmente a vis cómica do texto de Quico Cadaval»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Compón a súa segunda ópera para a Filharmonía: «Será completamente diferente»

12 ago 2021 . Actualizado a las 00:08 h.

Unha das estreas da nova temporada da Real Filharmonía de Galicia terá de novo como protagonista ao compositor Fernando Buide (Santiago, 1980), que lle poñerá música a un texto dun dos referentes da escena en Galicia, Quico Cadaval. Trátase da súa segunda ópera. A primeira, que tamén soou da man da orquestra compostelá, foi A amnesia de Clío, no 2019, con texto de Fernando Epelde e baixo a dirección escénica de Marta Pazos. «Esta nova é completamente diferente. A primeira o ton é fantástico, onírico, e aquí múdase por unha atmosfera cómica», relata o compositor, que leva traballando xa varios meses nesta segunda obra na que «é un reto preservar musical musicalmente toda esa vis cómica e vivacidade que teñen os textos e os diálogos de Quico Cadaval».

Esta ópera bufa formará parte dun programa dobre. Na primeira parte, soará A serva padrona, de Pergolesi, e, inmediatamente despois, os mesmos cantantes serán os encargados de estrear a nova composición. «Imos facer como unha versión actual desa ópera cómica do século XVIII. É un texto novo e unha música nova, pero con certa inspiración nesa de Pergolesi», explica Fernando Buide. Así, esta nova fará referencias a situacións do día a día actuais. «De feito vai suceder no despacho dun político, polo que vai ter referencias á actualidade», avanza sobre a trama.

É máis doada esta segunda ópera ao xa ter experiencia? «A primeira vez que afrontei a encarga foi un reto tremendo, porque non é só compoñer unha obra nova, senón facer que un texto teatral funcione musicalmente. A segunda vez que se fai segue dando respecto, pero un xa sabe cales son os riscos e os problemas aos que se enfronta, xa coñece o terreo. Iso si, segue habendo ese respecto polo que supón poñer as mans sobre un texto que non é teu para que despois de poñerlle música siga sendo válido literariamente ou non perda a súa coherencia», responde. Así, engade que a complicidade se incrementa en relación a obras sen texto, xa que se nestas hai que pensar só en como vai ser percibida polo oínte, na ópera «ademais hai que ter en conta que a música axude á narrativa, que nunca se perda o texto». Para lograr esta conxunción entre texto e música Fernando Buide e Quico Cadaval -«unha persoa con longa traxectoria non só dramatúrxica, senón tamén de comedia e de humor»- levan meses intercambiando propostas.