Preto dun cento de actuacións animan o Xacobeo en Santiago e a súa área

m. G. Iglesias SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A Xunta impulsa citas coa música, teatro, danza, maxia e circo no verán

08 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Música de banda, baile tradicional, danza, maxia, novo circo, teatro e tampouco podía faltar o humor. E para todos os públicos, pequenos e maiores. Santiago e os concellos da súa área acollerán preto dun cento de actuacións neste mes e en setembro a través dos distintos programas e circuítos da Xunta de Galicia. Volven clásicos destes meses de verán, como Danza 3 e Cultura no Camiño, que suman nove e seis edicións, respectivamente, pero tamén se incorporan novas propostas, caso de Comicamente ou do ciclo de bandas de música. Con estas propostas o obxectivo do goberno autonómico galego é reactivar a programación cultural do Xacobeo 21-22 para reforzar o papel do ano santo como dinamizador da cultura e o crecemento desta industria.

Cultura no Camiño, que este ano incrementou orzamento e tamén os concellos adheridos, é o que máis actuacións deixará ata o próximo 30 de setembro. Entre as seguintes paradas na área compostelá están as de Circo Chosco en Touro este xoves 12 e a de Mamá Cabra en A Baña o venres. Tamén nesta semana actuará Caramuxo Teatro en Frades o sábado 14.

Ata o 30 de setembro serán máis de corenta as funcións programadas na área compostelá no marco desta iniciativa de Cultura no Camiño. As propostas maioritarias son de teatro, seguidas das de música e novo circo, pero tamén haberá a oportunidade de gozar de dúas funcións de maxia -en Brión-, e unha de danza, que será o 26 de agosto en A Baña da man de Vella Escola. Os concellos de Ordes, Teo, Negreira, Tordoia, Trazo, Padrón, Melide, Frades e Ames tamén contarán con actuacións de Cultura no Camiño. En Galicia son preto de 680 propostas.

Outro dos clásicos circuítos de cada verán é Danza 3, que está centrado na música tradicional. Neste caso, Cantigas e Agarimos e O Fiadeiro serán os protagonistas na área. Cantigas e Agarimos actuará o 21 de agosto en Negreira, mentres que O Fiadeiro farao en San Xián de Sales (Vedra) o 25 de setembro.

Unha das novidades deste ano é O País das Bandas. Son tres as actuacións que restan no marco desta iniciativa. A primeira chegará o vindeiro día 14 en Ordes, coa Banda de Música Popular de Moaña Airiños do Morrazo. Seguiralle o 17 de agosto a Unión Musical de Ponteledesma en Melide. Para rematar, a Banda Escola de Música de Visantoña ofrecerá un concerto o 4 de setembro en Boimorto.

A Consellería de Cultura pretende con estas iniciativas levar as actuacións ao maior número de lugares posibles, pero ademais busca contribuír á recuperación da actividade e preservar o emprego no conxunto do sector, tanto desde o punto de vista artístico como técnico. Outra das metas é recuperar a confianza do público na asistencia aos espectáculos, xa que as funcións se desenvolverán seguindo os protocolos sanitarios e respectando as medidas establecidas en cada concello.

O programa de dinamización lingüística «FalaRedes» recala en seis concellos

Outro dos circuítos clásicos do verán é FalaRedes. A décima edición do programa de dinamización lingüística programará actividades de lecer en galego en media ducia de concellos ata finais de setembro. Santiago de Compostela acollerá a primeira das citas no que resta do verán. Luchi Iglesias e Carlos Quintá presentarán o espectáculo A eira do paporrubio este mércores ás 12.00 horas na Cidade da Cultura. O vindeiro sábado será a quenda de Festicultores Troupe en Ordes (14.00 horas. Alameda).

Xa na seguinte semana, o día 19, FalaRedes regresará á Cidade da Cultura. Neste caso, actuará o mago Teto a partir das 19.00 horas. O resto de propostas desenvolvidas desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística xa chegarán en setembro. Carlos Quintá estará o día 3 na Praza de Macías de Padrón. Dous días despois, o artista, nesta ocasión de novo xunto a Luchi Iglesias, actuará na Carballeira de Santa Minia de Brión. O 18 de setembro será a quenda de Fantoches Baj en Teo (19.00 horas, Mediateca do Grilo). O peche á programación estival de FalaRedes chegará de novo con Carlos Quintá, que levará o día 19 o seu espectáculo Un rei e outros animais a Boqueixón (12.00 horas, Casa da Cultura). Deste xeito, o público familiar é o gran beneficiario neste verán das propostas que se desenvolven en concellos que están adscritos á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta.

O programa FalaRedes ten por obxectivo, segundo destacou recentemente o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, ampliar a oferta de lecer en galego e promover o uso e valorización positiva da lingua ao tempo que se apoia aos profesionais do sector da cultura no actual contexto de pandemia.

Respaldo para Maré Compostela e para o Festival de la Luz en Boimorto

A Xunta de Galicia patrocinará este ano trece festivais galegos baixo a marca Fest Galicia, entre eles atópanse dous que durante o que resta de verán se celebrarán na área compostelá. O primeiro deles será o Festival de la Luz, que celebrará a súa décima edición do 10 ao 12 de setembro en Boimorto. A organización da cita aínda non deu a coñecer as actuacións deste ano, anunciando que agarda a datas máis próximas. Pola súa parte, do 22 ao 26 de setembro celebrarase unha nova edición de Maré Compostela. O ano pasado a Maré chegou por primeira vez a Santiago despois de 15 anos en Pontevedra.

Xosé A. Touriñán, Carlos Blanco e David Amor estarán o día 29 na Cidade da Cultura

Un dos novos programas para impulsar a programación con motivo do Xacobeo que puxo en marcha a Xunta é Comicamente. Nesta primeira edición chega a doce concellos e fará a súa parada en Compostela o 29 de agosto. No espectáculo da Cidade da Cultura participarán Carlos Blanco, Xosé A. Touriñán e David Amor, tres dos referentes en Galicia de monólogos. Ademais DJ Russinha será a encargada da música en directo durante o espectáculo. A cita será a partir das 22.00 horas e as entradas pódense mercar desde 15 euros a través de Ataquilla.com.

A de Santiago será unha das últimas citas deste ciclo dedicado ao humor, xa que só restarán propostas en Lugo e en Lalín a principios do mes de setembro.