Isabel Rei Samartim: «Hai evidencias dunha tradición de guitarra galega desde a Idade Media»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

CATUXA PRIETO

Divulga agora nun libro a súa investigación de doutoramento defendida na USC

12 jul 2021 . Actualizado a las 09:09 h.

No ano 2000, Isabel Rei Samartim comezou a investigar sobre a guitarra, instrumento de que é profesora no Conservatorio Profesional de Música de Santiago. Dedicou os últimos sete anos a elaborar unha tese de doutoramento, orientada por Javier Suárez Pajares, catedrático de Musicoloxía da Complutense de Madrid, que defendeu en setembro do ano 2020 na USC, co título A guitarra na Galiza. Consta de tres tomos e máis de 1.700 páxinas. Agora publica Guitarra galega, un libro de divulgación dese traballo, de 180 páxinas. «Principiei a investigar cando era profesora en Cangas e contactou comigo Iago Santos, profesor da Universidade de Vigo e fillo de Luís Eugenio Santos Sequeiros, dicindo que quería mellorar o seu coñecemento da guitarra para interpretar as pezas do seu pai, quen vivía, a quen entrevistei e quen con 90 anos tocaba a guitarra. A partir de aí coñecín esa obra, e aínda en maio deste ano gravei un disco e inclúo dúas pezas dese compositor», afirma.

«O recente libro foi unha proposta de Teresa Moure, para a colección Alicerces, que ela dirixe na editora Através. É unha adaptación da tese de doutoramento para persoas non músicas, con linguaxe non académica. Trata de definir o que é a guitarra galega, que ven sendo o conxunto de documentos, partituras, intérpretes, compositores e compositoras, locais de actuación, escolas e todo tipo de espazos onde se fixo música para guitarra ou onde se interpretou o instrumento no noso país. Temos música de todo tipo, con sabor galego, como alboradas, muiñeiras, vilancicos e canzóns para guitarra só, ou voz e guitarra, ou instrumentos con guitarra; e tamén hai músicas de España, Portugal, Alemaña, Francia, Italia, inglesa e doutros países europeos; e de Latinoamérica», acrecenta.

A tese «foi un traballo colectivo, recibín moitos apoios de investigadores e guitarristas que coñezo. E de familias, como a de Valle-Inclán, pois na produción deste escritor está moi presente a guitarra. Como na familia de Marcial Valladares, da Estrada; nos Torres Adalid, da Coruña; os Barreiros, de Ourense; os Pintos Fonseca, de Pontevedra, e outras familias con excelentes guitarristas e melómanos». En Santiago cita Rosalía de Castro «pois tocaba piano, guitarra e frauta, e cantaba, que saibamos; hai testemuñas de que era excelente música e profesora, que lles ensinou tamén aos seus fillos».

Da súa investigación conclúe Isabel que «hai evidencia dunha tradición de guitarra galega desde a Idade Media. Cando nace a idea da guitarra española, no final do século XIX, e se fai hexemónica, hai guitarristas e outras persoas galegas que comezan a pensar que a guitarra non era xenuinamente galega, puido máis a propaganda española que a nosa historia. E tamén se perderon moios documentos. Porén, hai evidencias de que a guitarra é tan galega como a gaita desde a Idade Media. E continúa a ser un instrumento moi popular. Como exemplo disto podemos citar que hoxe é o segundo instrumento que máis se estuda no Conservatorio Profesional da cidade, despois do piano», manifesta Isabel Rei.

A guitarra dá para moito «mesmo desde o aspecto da iconografía, que permite ver a evolución das guitarras e das técnicas para interpretar o instrumento nestes séculos, penso que é un patrimonio moi valioso e que non desmerece o que se fai noutros países. Temos esculturas que permiten coñecer unha liña evolutiva desde o século XII con exemplos galegos: en espazos de edificios civís de Santiago, como o Hostal dos Reis Católicos ou San Xerome; e tamén en Pobra do Caramiñal, Samos, Monforte, Ourense, Betanzos, Carboeiro, Agolada e outros concellos», esclarece esta docente, intérprete, divulgadora, académica e feminista.