María Xesús Nogueira: «Agardamos que Xela Arias teña máis presenza agora que a obra é accesible»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

ALBERTO LÓPEZ

«Xela Arias. A literatura e a vida, por elección» recupera textos poucos coñecidos, afirma a coordinadora do libro publicado pola USC

05 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ofrecer unha visión «o máis plural e ampla posible» sobre Xela Arias. Esa foi a pretensión da profesora da Universidade de Santiago María Xesús Nogueira Pereira á hora de afrontar o libro dedicado á autora homenaxeada polo Día das Letras Galegas, Xela Arias. A literatura e a vida, que foi editado polo Servizo de Publicacións da USC. Un traballo que ao longo das súas páxinas recolle múltiples achegas para abordar as diferentes facetas da escritora, pero no que tamén se recompilan textos pouco accesibles e coñecidos e se reflicte a pegada que tivo nas seguintes xeracións de poetas.

A obra recolle achegas de Xulián Maure, Ana Iglesias, Ramón Lorenzo, Xosé Lois Gutiérrez, Montse Pena Presas, Dolores Vilavedra e a propia María Xesús Nogueira -a quen a USC lle encargou a coordinación do traballo- para abordar o labor editorial, os anos de estudante e a súa relación coa USC, a súa vinculación coa revista Dorna, unha aproximación desde o punto de vista artístico á obra Tigres coma cabalo, e a súa produción en prosa, entre outros aspectos.

Pero se algo tamén destaca neste libro de homenaxe da USC é a recompilación dos poemas publicados na revista Dorna e a reprodución de textos en prosa pouco coñecidos «e que non eran accesibles ou estaban dispersos». Entre eles atópanse un relato erótico, prosas de non ficción que estaban en revistas e outros textos que fixera para a oralidade, así como un guión dun programa de televisión. Queda aínda moito por descubrir? «É posible que quede algunha obra e textos soltos, sobre todo pensados para a oralidade, como podería ser un pregón. Tamén hai obra inédita que a autora non quixo que vise a luz, caso de dous libros, a pesares de que un deles foi finalista do Premio Esquío», afirma María Xesús Nogueira. Nese senso, agarda que aparezan máis textos en revistas, principalmente en publicacións de menor difusión, «pero obras de extensión xa semella máis difícil».

Por outra banda, no libro da USC tamén se avalía o impacto que tivo nas novas xeracións de poetas a homenaxeada este ano nas Letras. «Xela Arias foi unha poeta que sempre se cuestionou a xeración á que pertencía, pero tamén foi moi reivindicada e que interesou ás voces novas», afirmou María Xesús Nogueira, que decidiu preguntarlle a Susana Sánchez Aríns, Olga Novo, María Reimóndez, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, Antía Otero, Oriana Méndez, Andrea Nunes Brións, Lara Dopazo Ruibal, Alicia Fernández e Berta Dávila como coñeceran a obra de Xela, en que medida entendían que abrira camiño e se se sentiran influenciadas por ela. «Sorprendeume un feito que xa sospeitaba de antes: todas as autoras -con algunha excepción-, non coñeceran a Xela a través do ámbito educativo, o que indica o pouco estudada que estaba e a súa ausencia no ámbito do ensino», dixo a profesora, que resaltou o impacto que tiveron este ano as Letras Galegas en ámbitos máis alá dos institucionais. «Houbo unha serie de iniciativas que amosaron que a súa figura é capaz de interesar a un público amplo», engadiu. Precisamente, en relación con esta proxección asegurou: «Agardamos que Xela Arias teña unha maior presenza agora que se deu a coñecer a súa figura e que a súa obra está accesible. Agardo que as Letras servisen para iso».

Se algo destaca María Xesús Nogueira da traxectoria de Xela é «a modernidade e singularidade do seu proxecto poético, aínda que tamén desenvolveu a tradución e a narrativa. É un proxecto innovador, que amosa unha vontade de actualizar a poesía galega e de buscar novos camiños». Ela xa empezara a estudar a súa obra hai anos e recompilou a súa poesía. «Levaba tempo descatalogada, inaccesible, e non era posible reivindicar unha voz que non se podía ler», afirmou.