Sánchez Bugallo: «Temos unha gran sorte de que na saída desta crise estea o bienio santo»

rosa martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

O alcalde de Santiago sostén que a oposición non quere recoñecer o avance nos temas estratéxicos

13 jun 2021 . Actualizado a las 10:58 h.

Este martes cúmprense dous anos da constitución da actual corporación, coa que o socialista Xosé Sánchez Bugallo (Teixeiro, 1954) recuperou a alcaldía. O mandato chega ao seu ecuador marcado pola pandemia, aínda que a cidade comeza a recuperar pulso. «Afortunadamente saímos con eficacia a responder á emerxencia que tiñamos», di da etapa máis dura, aínda que tamén foron duras, puntualiza, as recaídas de setembro e xaneiro. E non oculta a «satisfacción» do seu goberno de «ser quen de responder a esa emerxencia social e económica e ao tempo ser capaz de manter a folla de ruta que tiñamos trazada en canto aos temas esenciais».

-Aínda que sen aglomeracións, o Obradoiro comeza a parecerse ao de sempre...

-Efectivamente. Está claro que está recuperándose a bo ritmo certo nivel de normalidade. Empezamos a ter atascos de tráfico polas mañás, hai moita xente pola rúas, no Obradoiro... Non é o volume de hai dous anos, pero si notable sobre o de hai uns meses.

-Empeza a verse a luz?

-Si, creo que estamos vendo con claridade a luz da saída do túnel. Ten moito que ver co nivel de vacinación e, aínda que non se pode descartar algún desgusto, se a vacinación avanza como o está facendo podemos intuír que a situación ten que ir a mellor e a finais de verán se debe acadar o nivel de inmunidade do 70 %.

-Tivo que facer algunha renuncia programática pola crise?

-É obrigado que unha crise coma esta se convertese en prioridade absoluta e iso ten efecto sobre outras cousas, pero renuncia programática, ningunha. De feito, estou moi contento de como fomos capaces de ir avanzando en moitas cousas: a estación do AVE en licitación; a EDAR en proceso de adxudicación; o biopolo avanzando, con moito sufrimento porque cada paso está custando moito máis do que podiamos prever; e a administración electrónica, en marcha, aínda que está custando moitísimo.

-Agora toca administrar o escenario de crise que deixou a pandemia. Prioridades?

-Hai unha fundamental. A recuperación do tecido económico. Pensamos que a hostalaría vai ter recuperación rápida e sostida. Co comercio temos unha preocupación maior, porque hai novos hábitos comerciais, que chegaron para quedar, e hai que responder a eles: a compravenda on line é algo que non vai desaparecer e nos preocupa especialmente. Preocúpame que o comercio sexa quen de adaptarse. Ese é o reto. E despois está a industrialización, que era unha prioridade antes e segue sendo agora.

-Nesa recuperación, axudará o bienio santo, non?

-Si, temos unha gran sorte de que na saída desta crise estea o bienio santo. A decisión do Vaticano de prorrogar o ano santo, que é extraordinaria, é unha axuda enorme para Santiago, Galicia e para centos de poboacións atravesadas polos múltiples camiños de Santiago en España, en Portugal, en Francia. Dános unha ferramenta moi potente e útil.

-Haberá operación Peleteiro neste mandato? Parece que o chamado motor do Ensanche encalla.

-Ben, o Peleteiro é unha operación importante para o Ensanche, aínda que a máis estratéxica é a intermodal, que é a que lle permite ocupar unha posición central na cidade, non lateral, e iso é un cambio cualitativo. En canto ao Peleteiro, hai un cambio de enfoque. No 2003 había consenso de que o Ensanche precisaba un motor e todos entendiamos que o Peleteiro era ese motor. As propostas que hai agora sobre a mesa e que son viables obrigan a matizar ese concepto. Deben permitir cicatrizar unha ferida que está no corazón do Ensanche, mellorar as dotacións da zona e aportar un espazo público dinamizador vivible e viable.

-Pero perdería algún tren esa zona se non sae agora?

-É difícil contestar a iso. Nós queremos sacar, dentro das posibilidades reais que hai a día de hoxe, unha operación de boa calidade urbana. Se resulta que iso non é posible e temos que optar entre o mal menor, haberá que escoller o mal menor, e agora mesmo é difícil saber cal é o mal menor. De momento os esforzos están centrados en buscar unha solución que sexa boa e o goberno está facendo un gran esforzo. O goberno xa axustou a súa posición 120 graos e necesitamos que outros tenten achegarse 60, para que poida haber unha solución aceptable para todos.

-A oposición di que carece vostede de proxecto de cidade e que se escuda na pandemia para ocultar a falta de xestión.

-Iso é unha irrealidade. O único proxecto de cidade que hai aquí é o que se fixo por parte dos gobernos que eu presidín: é o que se plasma no PXOM que segue en vigor e no plan estratéxico 2010-2020, que é necesario corrixir. A oposición o que trata é de ignorar o que pasou nesta pandemia, como se a crise sanitaria, económica e social que todo o mundo recoñece como a maior dende a Primeira Guerra Mundial non tivera ningún grao de afectación. Pero o certo é que ao inicio do mandato todos os grupos consagramos os cinco puntos estratéxicos para o mandato e agora ninguén quere falar deles porque está claro que non só se fixo fronte á pandemia, senón que, nun escenario de gran dificultade, proxectos nos que se perderon oito anos, como a EDAR e a estación do AVE, hoxe están desbloqueados e en marcha, e iso non se quere recoñecer.

-Faga balance neste ecuador.

-Teño que manifestarme extraordinariamente satisfeito de estar á altura das circunstancias nun escenario tan complicado e difícil coma este. Creo que o Concello de Santiago estivo á altura nun escenario que condicionou 15 dos 24 meses de mandato e que aínda marcará os seis próximos, aínda que non probablemente na mesma medida

«Hai que recuperar a clientela dese potente hinterland»

Aínda que considera que as axudas aos sectores económicos afectados pola pandemia non foron moi elevadas en España, Bugallo defende que os municipios fixeron un esforzo, que en Santiago foi «extraordinario, sen parangón na nosa historia: levamos invertidos máis de 9 millóns en programas de dinamización, dos que 7,8 foron en axudas directas a colectivos, e non recibimos nin un euro de Europa, do Estado nin da Xunta. Si da Deputación.

-Haberá nova convocatoria de axudas para eses sectores?

-Espero que si. Estamos pendentes da Deputación e teremos que valorar neste novo escenario cal é a prioridade. Tivemos un enorme éxito co Prima 21, que naceu para quedar, e estamos plantexando a posibilidade de facer programas deste estilo un día ou unha fin de semana ao mes, para darlle continuidade. Iso vai requirir esforzo económico, pero nos parece moi importante para dinamizar e xerar atractividade cara Santiago. Un dos riscos importantes que corremos con esta pandemia, aparte das compras por Internet, e que o hinterland potente que mercaba en Santiago tivo que mercar no seu entorno próximo no confinamento, co que necesitamos facer cousas para recuperar esa clientela.

-Dentro de dous anos, nova cita coas urnas. Onde se ve?

-Non estou niso, agora non toca. Tempo haberá para abordar esta cuestión. A miña preocupación son estes catro anos e o que me ocupa é como superar esta situación, como facer fronte aos retos plantexados, á crise financeira das administracións que nos virá no 2023, que os proxectos estratéxicos saian e completar a regularización da relación contractual do Concello, na que estamos dando pasos. É fundamental para a mellora da prestación dos servizos públicos obsoletos: os de limpeza e transporte son do 2005.

-Ocúpalle tamén a división interna que parece haber no equipo de goberno?

-Non creo que sexa exactamente así. O equipo está funcionando e iso é o que a min me ocupa e preocupa. Dende logo non vou permitir ningunha división, non hai ningún incumprimento e non hai ninguén que non estea traballando, máis alá de que poida haber sensibilidades distintas.

«Traballamos para reunir o Padroado, pero non é fácil cruzar as axendas do rei e o presidente»

En pleno ano santo (o do bienio) e co do 2027 no horizonte, o Real Padroado segue sen se convocar.

-Para cando esa reunión?

-Estamos traballando cunha hipótese de data, pero neste momento non é doado cruzar a axenda da Casa Real e da Presidencia do Goberno. Pero é un tema que non está esquecido en absoluto, senón que é un tema no que estamos traballando activamente.

-O rei estará en Santiago este 25 de xullo. Sería unha data plausible, estase traballando nesa?

-A min calquera data en que se poida realizar vaime parecer fantástica e non podo contestar máis.

-Que hai na mesa de traballo para esa reunión?

-A aprobación do novo plan ata o 2032. Co anterior vencido, a folla de ruta do Consorcio vaise trazando ano a ano e necesitamos volver trazala a dez anos vista.