Unha ruta teatral co móbil rescata a memoria de Vite

SANTIAGO

Cedida

O proxecto do Centro Dramático Nacional, do Centro Dramático Galego e de Chévere estréase o domingo

10 jun 2021 . Actualizado a las 04:55 h.

O teatro sae do escenario para recuperar a memoria de Vite co proxecto «Dramawalker», un paseo audioguiado que permite mergullarse nas historias dos anos 70, 80 e 90 deste barrio compostelán. Trátase dunha iniciativa do Centro Dramático Nacional (CDN) desenvolvida en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG) e co grupo Chévere na que o punto de partida foron os testemuños recollidos entre membros de distintos colectivos e persoas de Vite para a partir de aí configurar cinco ficcións sonoras escritas por tres dramaturgos e dúas dramaturgas de Galicia. A estrea será este domingo, día 13, momento desde o cal as pezas estarán dispoñibles a través dunha plataforma tecnolóxica do CDN. Para presentar este iniciativa, representantes do CDG, Chévere e do equipo artístico acompañarán un percorrido guiado desde o Salón Teatro ata Vite e tamén explicarán o proceso.

«Dramawalker Vite» forma parte dunha iniciativa do CDN coordinada por Fernando Sánchez-Cabezudo coa pretensión de crear ficcións sonoras xeolocalizadas. Nesta primeira edición, ademais de Santiago, haberá propostas en Madrid (Cañada Real) e Barcelona (Poblenou). Tanto desde o CDG como desde Chévere non dubidaron en responder á chamada desta coprodución. «Era un proxecto moi potente e moi necesario. Nós sempre imos tentar colaborar», afirmou o director da compañía pública galega, Fran Núñez.

Pero, por que elixiron Vite para explorar a memoria urbana? «Parecíanos que en Santiago, cunha actividade turística importante, do que se trataría era de derivar parte da atención a outras zonas da cidade que están en certo modo silenciadas ou que permanecen na escuridade, xa que semella que solo temos a parte histórica. Entón, parecíanos unha boa oportunidade de buscar outro tipo de historia», explica o responsable da coordinación artística, Xesús Ron, de Chévere, grupo que con anterioridade xa traballara coa realidade de Vite, como aconteceu pola Capitalidade Europea do 2000.

Cinco historias

Durante os tres primeiros meses do ano, empezaron o proceso de documentación e de recollida de historias para o que contaron coa participación e colaboración da xente do barrio e do seu tecido asociativo, como o colectivo veciñal Polígono de Vite, a Coordenadora do Barrio de Vite, Vite Arquiva e a Asemblea de cooperación pola Paz, entre outras, e tamén moitos particulares. Partindo desa base, tocou a posta en común para elaborar a dramaturxia. Paula Carballeira, Manuel Cortés, Esther F. Carrodeguas e Carlos Santiago, ademais do propio Xesús Ron, foron os encargados de transformar eses testemuños en ficcións sonoras. «Son cinco historias, pero algunhas delas teñen varios capítulos e están localizadas en dez espazos», detallou o responsable da coordinación artística.

A primeira das pezas conectará o centro da cidade histórica con Vite, facendo un relato de como se foi construíndo o barrio. Trátase da máis longa con media hora de duración. Noutra das propostas de «Dramawalker Vite» reivindícase a loita veciñal para conseguir melloras para o barrio en diferentes ámbitos. Tamén se recupera a memoria da Ponderosa, onde existiu un poboado con barracóns para aloxar a veciños doutras partes das cidades que quedaron sen casa. Non faltará tampouco outra peza inspirada moi libremente na historia de Toni e Toné, que conseguiran superar as súas adiccións e integrarse na comunidade, pero a xustiza lles impoñía un castigo que chegaba tarde, así como outras pequenas historias do barrio. «Aínda que nos achegamos na peza inicial á posguerra para explicar a orixe, a maioría está ambientada nos finais dos 70, 80 e 90, xa que a construción do barrio foi no 75», explica Xesús Ron.

Para estas pezas sonoras, contaron cunha decena de voces de actores e actrices: Patricia de Lorenzo, Miguel Varela, Ricardo de Barreiro, Arantza Villar, Daniel Baamonde, Eduardo Rodríguez Cunha «Tatán», Manuel Cortés, Xron, Mónica García e Miguel de Lira. Do deseño de son encargouse Xacobe Martínez Antelo.

Dúas horas de percorrido

A ficción sonora que reconstrúe a historia de Vite prolóngase durante dúas horas. «Aínda que se pode escoitar desde a casa cun ordenador cando se queira, a idea é que a xente o faga paseando», explica Ron. Así, na plataforma do CDN tamén haberá un mapa interactivo cos percorridos e as xeolocalizacións.

«Foméntase a dramaturxia galega e aténdese a historia veciñal», resalta Fran Núñez

 

 

O director do CDG, Fran Núñez, destacou a importancia do proxecto «Dramawalker» da man do CDN e de Chévere. «É interesante porque fomentamos a dramaturxia contemporánea galegas, abrímonos á colaboración co Centro Dramático Nacional e, ademais, atendemos a nosa memoria veciñal», afirmou. Nese senso, resaltou que o traballo permite investigar sobre a nosa historia más recente. «É arqueoloxía contemporánea, son pegadas que quedan de hai 30-40-50 anos que desaparecen». Ademais, indicou que tentarán proseguir colaborando co CDN.

Tristán Ron

Inscrición aberta para o paseo inicial audioguiado

 

 

A estrea de «Dramawalker Vite» será este domingo cun paseo no que participarán representantes do CDG, do grupo Chévere e do equipo artístico a partir das 12.00 horas. Partirá do exterior do Salón Teatro para achegarse desde aí a Vite. Para participar, xa que as prazas son moi reducidas, é preciso rexistrarse previamente a través do número de teléfono da Agadic 881 996 077. Os asistentes deben conectarse co seu móbil e cascos á plataforma do CDN, onde atoparán a narración dramatizada que os acompañará durante máis de dúas horas, xa que o peche está previsto ás 14.30 horas.

Tristán Ron