Elisa Fernández Rei, profesora de Filoloxía: «O galego construímolo os falantes, non a Real Academia Galega»

Cinthya Martínez Lorenzo
cinthya martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

É creadora de Lingua Viva, unha plataforma que reunirá doazóns lingüísticas

09 jun 2021 . Actualizado a las 00:17 h.

Elisa Fernández Rei naceu en San Cibrao (A Mariña, Lugo), exerce como profesora de Filoloxía na Universidade de Santiago de Compostela e investiga no Instituto da Lingua Galega (ILG). As súas primeiras pescudas foron sobre o estudo da fonética, pero da entoación pasou ao contacto lingüístico. Comezou a interesarse por cuestións como a relación que existe entre as linguas e as ideoloxías, o contacto entre diversas linguas ou como os falantes manexamos o idioma nas nosas relacións e actividades cotiás.

De aí nace a súa última idea: Lingua Viva. Unha plataforma web que permitirá á cidadanía aportar o seu xeito de falar en galego. Nela poderán compartir as súas palabras, expresións ou coñecemento lingüístico en xeral, e consultar os resultados que darán todas as achegas. «A idea é dobre, por unha parte busca recoller información lingüística que permita facer investigacións sobre a lingua e, por outra, que a xente poida visualizar e valorar todo o que temos», explica Elisa Fernández.

A investigadora afirma que o fin da iniciativa non é mostrar o que xa se sabe e se adoita estudar na escola: que dependendo da zona de Galicia, a xente ten diferentes trazos dialectais. Trátase de amosar como, dependendo do contexto, utilizamos a lingua dunha maneira ou outra. Non falamos o mesmo galego coas amizades, coa familia ou no traballo. Nin a xente nova fala igual que a xente maior. «A iso ás veces poñémoslle un filtro purista e dicimos que non é galego, e non é certo. O galego construímolo nós, os falantes, e non a Real Academia Galega ou o Instituto da Lingua Galega», asegura a investigadora. Dende o seu punto de vista, temos que valorar o galego pola súa riqueza, variedade e versatilidade, e non por ideas «imaxinarias» e «puras».

Primeiro paso: financiamento

A plataforma Lingua Viva enmárcase dentro da lingüística cidadá, que é esa concepción colaborativa e participativa da linguaxe. Pero, para poder compartir nela as nosas expresións e palabras, primeiro hai que doar diñeiro: «Lingua Viva é unha idea que aínda non está desenvolta, porque primeiro necesita financiamento».

Para conseguilo, xa se encontra aberta unha campaña de micromecenado a través do programa Sumo Valor da USC, que está amparado polo Consello Social. O mínimo que se pode doar é un euro, e o máximo, 3.000 euros. Pero Elisa Fernández recalca que «calquera achega, por pequena que sexa, vai contribuír a que esta idea se poida materializar, e é tan útil e valiosa unha pequena achega como a difusión do proxecto».

Como precursora dunha plataforma que se chamará Lingua Viva, resulta evidente que Elisa cre no latexo da nosa lingua. Pero, segundo ela, que futuro lle espera? «É moi preocupante, todos podemos ver nos resultados das estatísticas esas porcentaxes tan pequenas de xente nova que o fala, especialmente en cidades».

A investigadora asegura que non se trata dunha cuestión de «actitude», porque moita xente valora «a riqueza, a pluralidade e o multilingüismo», e non comporta unha «actitude negativa» fronte a lingua, pero son persoas que case non teñen contacto co galego. «Xa que a situación é esta, polo menos debemos contribuír a visualizalo e a valoralo», manifesta. Por iso, insiste na importancia de iniciativas como Lingua Viva porque «sóese relacionar falar galego como algo ritual ou estraño, e non o é». Para ela é unha lingua «que está en todas partes, e serve para todo».

Entón, podemos ser optimistas coa situación do galego? Elisa teno moi claro: «Mentres estea presente en calquera de nós, a lingua seguirá viva».