As graduacións da Universidade de Santiago serán con aforo reducido e sen familiares

c. martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Os familiares e as amizades do alumnado non poderán estar no acto de maneira presencial, pero poderán seguilo no canle de YouTube da Universidade

05 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de meses de incerteza, confírmase que o alumnado da Universidade de Santiago de Compostela poderá celebrar os seus actos de graduación. Iso si, estes deberán cumprir unha serie de normas que esixe a institución. Entre elas, o uso obrigatorio de máscara, a redución de aforo e a imposibilidade de que asistan ao acto persoas alleas á comunidade universitaria.

Dende a Xerencia da USC recoñecen saber que «existía unha demanda por parte do estudantado para poder celebrar os actos de graduación» e que agardaron ata agora para tomar medidas «debido á notable mellora da situación sanitaria».

Desta maneira, as graduacións só poderán celebrarse nas instalacións da Universidade de Santiago de Compostela, e aqueles actos que se non se leven a cabo na mesma, non contarán coa consideración de «acto académico». Asemade, pasarán a ser responsabilidade das persoas organizadoras e titulares dos establecementos onde se celebren. 

Os actos, en horario de mañá

As frecuentes graduacións en horario de tarde terán que adiantarse este ano, xa que a institución só permitirá celebralas pola mañá. Dende a Xerencia da USC explican que se toma esta decisión «para non facilitar o incumprimento das medidas sanitarias».

En canto ao aforo, este non poderá ser superior a 150 persoas en lugares pechados e 300 ao aire libre. E en calquera dos dous casos, o número de asistentes nunca superará o 75 % da capacidade do recinto universitario.

Entre eles, non haberá ningunha persoa exterior á comunidade universitaria, polo que a familia e as amizades do alumnado que se gradúe non poderán estar no acto de maneira presencial. Aínda que si o poderán seguir a través da pequena pantalla. No caso de que o evento se realice nun lugar pechado, retransmitirase a través da ferramenta Microsoft Teams, mentres que se é ao aire libre, poderá visualizarse a través da canle de YouTube da universidade.

Ademais, a promoción 2019-2020, que debido a situación que todos coñecemos non puido celebrar este acto o ano pasado, poderá facelo agora cumprindo estas mesmas medidas.