Costas ábrese a estudar usos nas Brañas de Laíño respectuosos co medio natural

Uxía López Rodríguez
uxia lópez DODRO / LA VOZ

SANTIAGO

MERCE ARES

O espazo está actualmente en situación de total abandono

27 may 2021 . Actualizado a las 22:08 h.

A presentación en Dodro do traballo As Brañas de Laíño, mudanzas impostas, dentro do proxecto de investigación-acción Laboratorio Ecosocial do Barbanza, promovido pola USC a través do grupo Histagra e pola Fundación RIA, promoveu un interesante debate sobre os usos que puidera ter ese espazo natural do concello, actualmente en situación de abandono total.

Entre as ideas aportadas polos veciños asistentes ao acto celebrado no pavillón polideportivo, está a de Manuel Lorenzo Baleirón, que falou que podería ser un parque natural, con aula de interpretación da natureza e lugares de observación, a un estilo das Fragas de Eume, que puxo como exemplo.

Lorenzo Baleirón puxo de manifesto dous dos condicionantes dos terreos das Brañas: «non son dos veciños, xa que foron arrebatados polo Estado», en base á Lei de Costas, dixo, ao tempo que asegurou que «o uso que tiveron no seu tempo non ten sentido agora», en alusión a que foron zona de abastecemento de herba para as vacas, ata o punto que Laíño foi unha potencia na produción de leite. «É máis fácil ver agora un león que unha vaca», dixo Lorenzo Baleirón.

Fronte a esta opinión, houbo quen cree que é posible un aproveitamento do terreo cunha actividade humana respectuosa co medio e, neste sentido, o alcalde apuntou á actividade dun gandeiro local que ten vacas de carne nas campías próximas ás Brañas. Xabier Castro asegurou que o seu goberno falou con Costas e que este organismo estaría aberto a estudar propostas que vaian nesa liña, cun aproveitamento sostible das Brañas, de modo respectuoso co medio e a súa condición de Rede Natura.

Outro dos veciños que opinou no encontro foi Anxo Angueira, quen fixo un claro chamamento a que «non podemos abandonar as Brañas». Así, o escritor asegurou que «o abandono total non é ecoloxismo» e que o uso debería estar «vinculado ao comunal». Engadiu que «calquera actividade humana respectuosa co medio sempre será beneficiosa antes que esta auténtica vergoña que é o abandono dun espazo comunal que sempre foi un orgullo para Laíño». Outro veciño aportou a idea de aproveitar as brañas de modo comunal, ao mesmo xeito que en Dodro se xestionan os montes das parroquias a través de comunidades integradas polos veciños.