Dos primeiros contos de Xela Arias ao compromiso social na mostra da Biblioteca de Galicia

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

A exposición, que abriu onte, poderá verse ata finais de agosto

15 may 2021 . Actualizado a las 04:55 h.

Máis de medio cento de documentos conforman a exposición coa que a Biblioteca de Galicia, situada na Cidade da Cultura, conmemora o Día das Letras Galegas dedicado a Xela Arias. O percorrido arranca co relato «Xeliña fala galego» que o seu pai, Valentín Arias, escribiu para o programa de festas de San Xoán de Sarria de 1968, e co conto «A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia», publicado en La Voz de Galicia o 3 de febreiro de 1974 e co que gañara un premio literario. Despois, o percorrido expositivo mergúllase na súa chegada a Vigo e nos seus primeiros versos publicados. Tamén se inclúen os seus libros de poemas. Non se esquece tampouco a mostra das outras facianas da autora, reflectindo o seu traballo de editora e Xerais así como a faceta de tradutora —co libro Amor de perdición, de Castelo Branco, polo que recibiu o premio de tradución da Sociedade da Lingua Portuguesa—. A exposición conclúe resaltando o compromiso social que sempre mantivo Xela Arias, así como coa súa achega a outras artes, como a música.

A mostra «amosa a capacidade de Xela para conectar con diferentes ámbitos», sinalou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. No acto estivo acompañado por Xulio Gil, que foi parella de Arias. «Era unha muller a un libro pegada», sinalou Gil, indicando que a autora pretendía seguir profundando na narrativa. «Non te amola era un adestramento», asegurou. A exposición da Biblioteca de Galicia poderá visitarse ata finais de agosto e conta tamén con paneis ilustrados por Rebeca Varela.