Marco García, novo decano de Xeografía e Historia: «A facultade do futuro, por definición, tenlle que corresponder á xente nova»

Borja casal SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

O novo decano de Xeografía e Historia, Marco García Quintela, aposta por mellorar a política de comunicación do centro
O novo decano de Xeografía e Historia, Marco García Quintela, aposta por mellorar a política de comunicación do centro Sandra Alonso

O recén nomeado responsable do centro asume o cargo cunha aposta clara polas reformas, a comunicación e o relevo xeracional

02 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Marco García Quintela cumpriu 63 anos o pasado 14 de abril (día da República), unha data ben acaída para quen vén de tomar posesión como novo decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC. Este catedrático de Historia Antiga, que xa foi escollido para o cargo en novembro, asume a xestión do centro cunha aposta clara polas reformas, a comunicación e, sobre todo, o relevo xeracional do persoal docente.

-Que o levou a dar o paso para converterse en decano?

-As razóns que me moveron a presentar a miña candidatura foron fundamentalmente tres. A primeira foi non renderme, non rendernos como institución pública fronte ao virus. Rebélome contra a enfermidade e creo que temos que seguir adiante. A segunda razón vén pola constatación dunha pirámide de idade moi envellecida nesta casa. Temos que facilitar a entrada do profesorado máis novo, que o ten moitísimo máis difícil do que o tivemos nós no seu momento. Dou o paso para buscar unha renovación, aínda que as miñas capacidades como decano non sexan moitas, pero si que podo facilitar que os máis novos formen parte de órganos de dirección e sexan relevantes na toma de decisións.

-E a terceira razón?

-Esa ten que ver cos retos sociais que nos afectan: a dixitalización, a igualdade e o cambio ambiental. A Universidade fixo un investimento fortísimo en elementos tecnolóxicos e cando remate a situación covid temos que ser quen de imaxinar situacións onde seguir usando todo isto, por exemplo convidando profesores de Buenos Aires ou Cambridge grazas á tecnoloxía. Antes unha conferencia, entre uns gastos e outros, podía custar mil euros, pero agora todo pode ser máis fácil. Logo está a igualdade e aí non caben pasos atrás. Hai pouco vin que entre os decanos e directores había unha paridade completa, pero iso pode querer dicir dúas cousas: ou ben que acadamos a igualdade, cousa que me atrevo a sospeitar que non, ou que o posto de decano non é tan relevante [di entre risa]. Isto hai que telo presente tamén nos plans de estudos e nas actividades que organizamos. O terceiro é o cambio ambiental, que condiciona a constitución do espazo e a forma de estar a través do tempo. Para entendelo temos que dirixirnos cara ao pasado desde as preguntas do presente e iso ten que ser clave nos nosos plans de estudo.

-Na súa toma de posesión afirmou que a Universidade ten que rebelarse para «construír unha realidade nova». Que realidade é esa?

-A realidade nova que buscamos pasa por levar a cabo reformas na titulación, en materia de igualdade e apostar por ese relevo xeracional. Non hai que prescindir dos vellos; temos que facer moitas cousas, a primeira facilitar esa renovación, e logo seguir coas nosas carreiras e investigacións. O meu equipo está moi por debaixo da idade media do persoal docente e investigador. A facultade do futuro, por definición, tenlle que corresponder aos novos. Por outro lado, temos que seguir atraendo talento estranxeiro; recuperar xente que marchou e contar con investigadores que veñen de fóra, que é algo que centros como o noso, non só os científicos, xa estamos facendo.

-A transferencia de coñecemento é outro dos grandes retos, sobre todo para os graos humanísticos.

-Para nós pasa pola definición dunha política de comunicación de facultade. Non podemos comunicar que damos aulas de 10 a 14.00; o relevante é que producimos coñecemento investigando o pasado coas preguntas do presente. Os nosos proxectos de investigación teñen que chegar, aínda que chegar a todo o mundo é unha quimera. As colleitas no século XVI non lle van interesar a toda a xente, pero focalizarnos en determinados sectores si que é posible. Ademais, somos unha facultade relevante e de referencia para toda Galicia, cunha biblioteca de 120.000 volumes. O ano que vén celebramos o centenario dos estudos de Historia e quero que sexa unha data importante. Hai que unir as dúas cousas: esa mirada cara ao pasado pero con proxección de futuro.

-Xunto con todos eses retos, tamén está o do curso e a covid.

-O que levamos de curso está indo ben e iso hai que subliñalo. O traballo do comité covid da Universidade e do meu predecesor, Paco Durán, e o seu equipo foi moi bo. A vida na Universidade, e isto hai que repetilo, é segura e todos os casos que tivemos foron contaxios en contextos alleos ao centro.

-Que poden aportar os seus estudos nun momento como o actual?

-Coa xeografía e a historia vemos que non hai situacións que sexan inamovibles. Un exemplo é o desequilibrio territorial de Galicia. Ourense é a provincia máis despoboada, pero os castros máis importantes estaban alí. Agora vemos movementos cara a costa, pero ser conscientes de que a situación actual non é unha maldición é importante. A historia e a xeografía poden aportar iso; ver que algo non foi sempre así é unha forma de axudar a reverter esa situación.

«Somos un veciño máis e queremos que o centro sexa un espazo aberto»

O centro que agora comanda García Quintela ocupa un espazo privilexiado no casco histórico compostelán. E o decano remarca que «a facultade non é case un monumento; é un monumento, sen o case».

-Que opinión ten da peonalización de Mazarelos?

-Estamos contentos, pero queremos máis. A primeira entrevista formal que tiven como decano foi coa asociación de veciños do casco vello e coincidimos na importancia de avanzar nesa liña. Cando vas polo mundo estas cousas están resoltas. Se hai dificultades determinadas, como os accesos ao mercado de Abastos, haberá técnicos especialistas para solucionalo. Se hai un problema é para solucionalo, non para deixalo estar e non facer nada.

-O día a día sen coches é ben distinto, non si?

-As cuestións espaciais, e iso aprendémolo dos compañeiros de Xeografía, son importantísimas. Quitar a barreira física dos coches, simbolicamente, é extraordinariamente importante para facer fluír eses camiños de entrada e saída da facultade. Fisicamente parece que Filosofía e mais nós somos unha especie de illa no casco histórico, pero hai unha barreira simbólica que temos que derrubar precisamente para subliñar a nosa inserción na vida social da cidade.

-Ese xa sería outro reto: abrirse para a veciñanza.

-Somos un veciño máis e queremos que o centro sexa un espazo aberto. Unha das cousas que queremos facer é tratar de xuntar máis os horarios de docencia cara a mañá e principio da tarde, para ter as tardes libres pensando nos estudantes e nos veciños. Se facemos un acto cultural ou unha conferencia ás seis ou sete da tarde queremos estar abertos a que a xente veña. Xa llo trasladamos ao Concello e o reitor tamén se manifestou neste sentido. Imaxinaremos todo o posible cumprindo coas precaucións.