Carcacía pesca as últimas lampreas

A tempada, que no Ulla en Padrón acaba o 8 de maio, está sendo regular


padrón / la voz

Aos seus 81, 72 e 70 anos, respectivamente, Modesto Rivas, Jesús Campos e Servando Duro manteñen viva a pesca de lamprea nas tradicionais pesqueiras do río Ulla ao seu paso pola parroquia de Carcacía, no concello de Padrón. Pasadas as sete da mañá, percorren un camiño de cabras polo monte para baixar ás antigas construcións no río e levantar as redes que botaron a tarde anterior. Estes días están levantando algúns exemplares, cando apenas quedan dúas semanas para que peche a tempada habilitada (será o 8 de maio).

«Algo está habendo, pero pouca cousa», conta Jesús Campos, que é o que levanta as redes do río coa axuda de Servando Duro. Este ano non puideron botar os aparellos nalgún oco do río debido ao alto caudal, aínda que estes días o canal está bastante ben. «Non damos pasado a pé para botar todas as redes», di Modesto Rivas, que tamén apunta aos cambios do tempo como parte decisiva para que haxa capturas ou non.

Os días de atrás, coa choiva, aínda houbo unhas cantas pero, ao cambiar o tempo, «a lamprea non se move polo que pode haber un día moitas e pasar dúas ou tres semanas sen case nada», sinala o veciño de Carcacía. Así o corrobora tamén o seu compañeiro Jesús Campos, que fala de que a campaña resultou «regular; foi habendo algo, pero nada que ver co que había outros anos». Tampouco foi boa a tempada no tramo do río en Herbón, no que se rexistraron moitas menos capturas das esperadas.

En Carcacía, a pesca de lamprea no río Ulla é, para algúns, heroica pola dificultade de chegar ás construcións do Ulla a través dun camiño empinado de monte, polo que baixan e soben do río, cun percorrido de case tres quilómetros, ida e volta. Carcacía é, xunto coas pesqueiras de Reis, en Teo, o último tramo aberto debido a que pesca tamén empeza máis tarde porque a lamprea chega máis tarde a esta parte do Ulla. Os pescadores de Carcacía defenden a calidade da súa lamprea, precisamente debido ao esforzo que fai o peixe para remontar todo río.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Carcacía pesca as últimas lampreas