Unha padronesa teletraballa a diario nunha área recreativa á beira do Ulla

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN / LA VOZ

SANTIAGO

MERCE ARES

Belén Xestal cambiou o piso polo espazo natural e di que é calidade de vida

21 abr 2021 . Actualizado a las 23:17 h.

«Benvidos a miña oficina con vistas». Así saúda Belén Xestal Ares a quen se achega ata a área recreativa do Areeiro, en Carcacía, no concello de Padrón, á hora na que ela está teletraballando nese espazo natural á beira do río Ulla. Belén Xestal ten Ares 43 anos e é natural desa parroquia, aínda que na actualidade reside no centro urbano de Padrón.

Dende hai tres tempadas, é redactora do programa da TVG Fun polo aire e, dende marzo pasado, telebraballa dende o Areeiro. Sobre unha mesa de pedra do lugar, saca o seu ordenador portátil, o seu teléfono móbil e o seu caderno. «Aquí falo e escribo tranquila. Foi a mellor decisión que puiden tomar. Isto é calidade de vida. ¿Para que vou estar metida nun piso teletraballando se podo facelo neste espazo natural?», di a redactora, que confirma que «aquí a cobertura é fantástica».

Belén Xestal conta que a produtora para a que traballa, Ficción, optou pola modalidade de teletraballo en setembro do ano pasado, o que para ela foi unha decisión acertada, porque, explica, «o programa non parou e non tivemos incidencia de covid, salvo casos illados». Non obstante, a nivel mental non foi tan bo, segundo recoñece.

«O malo do teletraballo é a soidade, non ter contacto presencial con ninguén, polo que chegou un momento no que animicamente estaba moi afectada, metida no piso. Teletraballar dende o Areeiro cambioume radicalmente a vida; é terapia de saúde mental», asegura. «Recoméndollo a quen poida facelo que teletraballe fóra da casa, nun espazo natural, se pode ser», engade.

Terapia para ela e tamén, conta, para o seu can de oito meses, Coco, que a acompaña todos os días. Dende marzo, cando medraron os días e mellorou o tempo, os dous van a media mañá tras un primeiro rastreo de novas na casa. E marchan de volta sobre as 5.

Dona e mascota comen tamén no Areeiro. «Aquí estás máis concentrada», asegura, pese a que non se lle escapa nada do que acontece no espazo natural, dende a presenza de patos ou como medra a herba. E ao can tampouco. «Para el tamén é un alivio vir aquí todos os días; é calidade de vida para os dous» asegura.

Ademais de ser un espazo natural que namoraría a calquera, o Areeiro entronca coa infancia de Belén Xestal. Ela é natural dunha aldea situada non moi lonxe da área recreativa, polo que di que «é parte da miña vida. Aquí me criei e aquí aprendín a nadar con catro anos, polo que lle teño gran apego», confesa.

Tanto é así que na súa visita diaria ao espazo tamén ten tempo para recoller lixo que hai ciscado e que, ás veces, non é pouco xa que o espazo se está convertendo nun lugar de botellón, sobre todo as fins de semana, para pena dela e moitos máis veciños da parroquia.

Ela, ademais, é unha das persoas que cada ano acode a acondicionar a área recreativa, empezando por cortar a herba, para que estea lista para a tempada de verán. Son veciños da parroquia que, de mozos, se xuntaban no Areeiro. Conta que hai a quen non lle gusta que o fagan porque considera que é tarefa do Concello, pero para eles supón « unha oportunidade de xuntarnos e de compartir algo», como facían os seus antepasados, explica.

Belén Xestal non é a única que vai ao Areeiro a diario. Conta que, días despois de ir ela, empezou a ir tamén un grupo de operarios dunha empresa que está traballando no polígono de Picusa, en A Matanza, que descubriron o lugar e que van a mediodía para comer e a pasear un pouco.