Cinco artistas crearán en Numax unha obra-homenaxe a Xela Arias

La Voz

SANTIAGO

BASILIO BELLO

Desenvolverase desde este mes ata outubro

04 abr 2021 . Actualizado a las 04:55 h.

A libraría Numax pon en marcha «Intemperiadas. Correspondencias interartes con Xela Arias», unha proposta na que cinco artistas actuais dialogarán coa obra da autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Deste xeito, Laura Tova (ilustración), Io Morales (téxtil), Jóia Rara -Acacia Ojea e Marga Gilino- (música), Verónica Vicente (fotografía) e Paula Pereira (cerámica) desenvolverán cadansúa obra-homenaxe a partir dos versos da escritora.

As cinco citas celebraranse na propia libraría Numax entre abril e outubro durante o horario de apertura ao público. A primeira das actividades será o vindeiro sábado, día 10, coa ilustradora Laura Tova. O proxecto está comisariado por Charo Lopes e ten como alicerce activar a pegada de Xela Arias. «A sororidade instintiva, a desobediencia fronte un equilibrio inxusto, a creatividade e a experimentación coa palabra son a base para que novas artistas dialoguen hoxe coa poeta falecida no 2003», destacan desde Numax, que contará co apoio da Deputación da Coruña nesta actividade.

Ademais, coa intención de crear e abrir liñas de participación, Numax tamén levará a proposta ás redes sociais. Propón que todas as persoas que o desexen publiquen a súa creación homenaxe a Xela Arias baixo o hashtag #intemperiadas en Instagram, Twitter e Facebook. O formato é libre. Ao final, unha selección deles formarán parte dunha exposición.