Cruz Vázquez: «Nós non imos deixar que o rural de Santiago morra en silencio e esquecido»

Margarita Mosteiro Miguel
Marga Mosteiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

«Do Pacto polo Rural fálase nas eleccións e logo falta interese», apunta

21 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cruz Vázquez leva toda a vida vinculada ao movemento veciñal, e máis concretamente, ao asociacionismo rural. Dende Enfesta, unha das parroquias máis rurais do municipio de Santiago, a presidenta da Federación de Asociacións do Rural de Santiago (Ferusa) reclama «visibilidade para o rural de Santiago. Inversións para sacalo do esquecemento. Ferusa non deixa de pelexar polo rural, pero non hai respostas. Estamos enfadados, desgustados e moi decepcionados».

-Que pasou co Pacto polo Rural?

-Tiñámolo moi traballado. Todos os grupos tiñan claro que no rural hai moitas carencias, e o pacto era un paso para comezar a terminar coa discriminación. Non era unha cousa de meses, era un plan para oito anos. No 2020 non houbo avances nin reunións. Falta interese. Quedaban uns detalles, pero non houbo máis encontros.

-Teñen a sensación de que é un tema recorrente para os períodos preelectorais?

-Así é. O Pacto polo Rural é un tema de eleccións, que logo non se volve a tocar ata a seguinte cita coas urnas. Non é por falta de insistencia. Nós traballamos moito, non deixamos de insistir. Ferusa é razoable. Foi un ano complicado, pero ten que ser para todos. Se non escoitan a media voz, haberá que subir o ton.

-Imos refrescar a memoria. Cales son as demandas? Cales son as principais necesidades?

-Todas. Falo de saneamento, de auga potable, transporte, medio ambiente, mantemento de pistas, alumeado e fibra óptica. Non é o mesmo o rural do norte co do sur. Na situación actual as diferenzas entre a cidade e o rural perpetúanse, pero entre o norte e o sur aínda máis. No despregue da fibra óptica, financiado con fondos europeos, a discriminación é de vergonza.

-A que se refire?

-No plan quedaron fóra 43 núcleos de poboación do rural. Curiosamente, a maioría son do norte. Para máis detalle, na parroquia de Grixoa só está Miramontes, casualmente onde se atopa o vertedoiro. Cando preguntamos polo tema, dixeron que colleron a lista do INE, pero hai núcleos no INE que non están na lista. O concelleiro de Medio Rural non sabía nada. Non pode ser. A fibra é vital. Cando nunha casa hai dous teletraballando, un ten que marchar. Os nenos non podían asistir ás clases virtuais. Algúns tiñan que esperar ás doce da noite para mandar os traballos. É un horror. Absolutamente desesperante. Non só hai 43 núcleos excluídos, senón que as conexións dos que están tamén teñen problemas. O PXOM di que ten que ser subterráneo, e o Concello non dá licencias. Isto no rural é imposible. Na cidade búscanse alternativas, no rural abandónase. É unha discriminación. Nós chegaremos ata o final.

-Quen esqueceu os núcleos?

-Falamos cas empresas subcontratadas e dixeron que non se pediu, pero non é certo. No 2018 fíxose a petición. Hai unha subvención para o período 2010-2021, pero non hai interese. O eterno problema co rural.

-É todo un problema de cartos?

-Tamén, pero non só. Nós imos chegar ata o fin. Non pode ser que se dean cartos, e non fagan as cousas por desinterese. O Concello ten que estar encima. Agora é o tema da fibra, pero o mesmo pasa coas obras e servizos básicos. Nós pedimos que, polo menos, nos orzamentos se puxera unha partida para servizos no rural. A Bugallo dixémoslle que se non podía ser de 500.000 euros que fora de 200.000, pero que fagan algo para que vexamos que non se esquecen outra vez de nós. De que serve crear unha concellería de Medio Rural sen medios. O concelleiro Pichel atende ben, danos a razón, pero non se executa nada. Non hai avances, non hai cambios. Queremos un rural conectado, non o queremos baldeiro. É decepcionante a falta de interese.

«Sabemos cales son os problemas e temos as solucións»

Un dos argumentos máis veces repetidos polos portavoces das entidades veciñais do rural é que os políticos locais non escoitan as súas queixas nin atenden as posibles solucións. «A última vez que falamos do transporte, por exemplo, foi co anterior concelleiro, Duarte. Non sabemos en que quedou o tema».

-Que esperan do novo servizo de transporte urbano municipal?

-Boa pregunta. Mellor non digo o que coido que pasará, e me centro no que me gustaría.

-Que lle gustaría?

-Gonzalo Muíños quedou en chamar para falar do servizo. Nós queremos un transporte adecuado. Non queremos buses baldeiros polas pistas, queremos colaborar, porque os que estamos aquí todos os días coñecemos moito mellor as necesidades. Sabemos cales son os problemas e temos as solucións. Dixeron que chamarían despois do Nadal, pero non chamaron. Do rural non é suficiente con coñecer a súa xeografía, tamén hai que coñecelo por dentro.

-No tema da fibra, quedou claro que a xeografía tampouco a coñecen ben.

-Efectivamente. O rural é o gran esquecido dos gobernos locais.

-Cando quedarán resoltos os servizos básicos do rural?

-Coido que nunca. Ten que facerse un plan serio a longo prazo, dotalo de recursos e executalo. Sabemos que os recursos do POS [Plan de Obras e Servizos da Deputación] son para o rural, pero leva sendo así moito tempo. Xa sabemos que non chega. Este ano falaron de 900.000 euros. Dubídoo. O Pacto polo Rural é a solución. Unha planificación a longo prazo para que o rural de Santiago entre no século XXI.

-Non me falou do estado das estradas?

-Tes que pedir outra páxina. Hai pistas que non foron tocadas dende hai tempo. Rebachean. Tapan os buracos, e nuns días salta todo. Non resolven os problemas. O estado das estradas locais é terrible. Estamos moi enfadados e desgustados.

-Cal é a infraestrutura que falta no rural, ao marxe dos servizos básicos?

-Sen contar todas as que teñen que ver cos servizos básicos, hai unha na que queremos traballar. Son os centros de día para maiores. No rural, sobre todo no norte do municipio, hai moita poboación maior, e hai moitas carencias en atención ao maior. Coido que debería traballarse en dar atención directa, e no rural é prioritario un centro de día. É unha cuestión de calidade de vida.