Catro días en torno ao patrimonio sonoro en Santiago: das gravacións en pedra de 1900 ao novo espectáculo de Faia

La Voz

SANTIAGO

BASILIO BELLO

Compostela acollerá do 24 ao 27 concertos, charlas e talleres sobre creación a partir de arquivos

09 mar 2021 . Actualizado a las 04:55 h.

«O que non se escribe». Ese é o título das xornadas que entre o 24 e o 27 de marzo se desenvolverán en Santiago para abordar a creación contemporánea a partir dos arquivos sonoros. Talleres, encontros, charlas e espectáculos en vivo servirán para achegarse á experimentación sobre o patrimonio galego sonoro, ademais de conformar un punto de posta en común dos proxectos máis actuais arredor da música tradicional.

As xornadas, que están organizadas por Luneda Producións co apoio do Concello e a Xunta, comezarán o día 24, ás 18.00 horas, no Consello da Cultura cunha escoita comentada por Xosé Ramón Pousa e Cristina Pujales sobre a Colección de Lousas do Arquivo Sonoro de Galicia. As 700 gravacións en pedra reflicten o patrimonio sonoro galego desde 1900 ate finais dos 50 con gravacións históricas galegas e producións sonoras impulsadas pola emigración.

Ao día seguinte, o Museo do Pobo acollerá o encontro «A creación contemporánea a partir dos arquivos tradicionais». Intervirán Faia Díaz, Xosé Miguélez, Mercedes Peón e as Tanxugueiras. Despois, ás 20.00 horas, no Teatro Principal, representarse o espectáculo de danza e música «Sa Mateixa», que xorde da experimentación a partir de recollas nos anos 50 en Baleares.

O venres 26 un novo encontro analizará o mercado profesional para os proxectos de creación das músicas tradicionais. Despois, ás 20.00 horas, Faia presentará o seu novo espectáculo, no que a escena servirá de casa. O peche será o día 27 cun obradoiro sobre a recolla do patrimonio musical, que será impartido por Xulia Feixóo, e unha charla de Carlos Martorell. As entradas para asistir aos dous espectáculos poñeranse á venda a partir do día 22 en función dos aforos vixentes nese momento.

Ademais destas actividades, estará dispoñible ata o 4 de abril un paseo sonoro que guiará aos participantes por diferentes puntos da cidade de Santiago nos que se poderán atopar tesouros sonoros. Cada lugar agochará un código QR para escanear e escoitar un anaco dunha recolla de música tradicional.