Manuel Salvado: «O que queira unha rendibilidade do negocio non monta unha librería»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O copropietario de Gallaecia Liber di que le «moito, un pouquiño de cada libro»

01 mar 2021 . Actualizado a las 23:56 h.

Todo baixou á metade nas librerías no primeiro ano pandémico. Ao menos é o que indica Manuel Salvado Costa (Lavacolla, 1963), titular de Gallaecia Liber xunto ao seu irmán Fernando. «Somos como un corredor de fondo ante tanta penuria. Temos moitos clientes nun radio de vinte ou trinta quilómetros, pero cos peches perimetrais non poden vir á librería. Quedamos coa metade dos clientes, o ano pasado as vendas caeron un 40-50 %, a mesma porcentaxe que descendeu a produción dos grandes grupos editoriais», tal como explica Salvado. Malia que se recuperou o horario comercial nestes días, ao estar pechada a hostalaría «baixa moito o fluxo de viandantes», engade. Ademais de meter «as tesoiras» a todo o posible para recortar gastos, tamén «cómpre» aprazar o pagamento a provedores. «Todo o mundo está implicado. As editoriais son sensibles a demorar algún vencemento. Nós chegamos a acordos para pasar facturas de sesenta a noventa días, por exemplo», conclúe.

A librería da rúa de Ramón Cabanillas abriu en 1996, en maio cumprirá 25 anos. Hoxe posúe un fondo de 40.000 referencias e vende un pouco de todo. «Aquí faise tertulia e soe haber algo de ambiente con clientes, coñecidos e amigos; acaba sendo unha especie de centro sociocultural, porque facemos desto a nosa casa», sinala o libreiro, que antes de abrir o seu propio negocio traballou noutras acreditadas librerías da cidade, como González -«para min un santuario, o seu soto da Rúa do Vilar semellaba un escenario das películas de Harry Potter», precisa-, Carballal, Abraxas, Encontros e O Toural, todas desaparecidas. Unha das características de Gallaecia é a súa permanente reposición de ofertas e promoción de coleccións descatalogadas, libros que se ofrecían coa prensa, etcétera. «Todo un mundo que ten o seu público», apresúrase a dicir o veterano libreiro. En canto á literatura galega, Salvado lamenta que non estea nun rango superior de vendas, porque, na súa opinión, a súa supervivencia obedece aos libros e manuais que prescribe o mundo educativo. A poesía ten o seu recanto «permanente» nos andeis do centro e un público «minoritario», agrega.

«O futuro das librerías pasa por libreiros con amor aos libros»

«O futuro das librerías pasa por libreiros con amor aos libros, o que queira unha rendibilidade do negocio non monta unha librería. Eu creo que o amante dos libros non é cliente de Amazon. Quere ir á librería e furgar, ver, sorprenderse, descubrir e mesmo charlar co libreiro. A arte de mercar un libro non é ir ao pecé e facer un clic», indica con vocación o comerciante. Preguntado que le el, responde: «O libreiro le moito, pero un pouquiño de cada libro. Gustaríame ter máis tempo, porque me gusta todo. Mesmo estes poemas que teño na man de Joan Margarit, que acaba de falecer, ou poemas como aquel que dicía "Encheremos as velas / coa luz náufraga da madrugada", de Manuel Antonio».

Manolo Salvado, acostumado desde cativo a ver pasar os peregrinos por Lavacolla, tamén é presidente da asociación de veciños da parroquia xacobea. «Para min é triste dicilo, pero levamos anos pelexando. O Camiño de Santiago na Lavacolla é das zonas máis feas que poden ver os peregrinos, é o tramo peor tratado. Non será porque non teñamos atractivos: alí houbo un campo de concentración de prisioneiros, dúas fábricas de curtidos e era o lugar onde se lavaban os peregrinos para presentárense limpos diante do Apóstolo. É unha vergoña que non estea rehabilitado este espazo, onde debería figurar un panel informativo desta tradición en varios idiomas. Son as administracións competentes as que teñen que corrixir estes déficits», di o líder veciñal, que tamén denuncia ausencia de «auga municipal e alcantarillado» en San Paio, a primeira aldea da parroquia que cruzan os peregrinos e que conserva a súa estrutura medieval.

O personaxe.

 O personaxe. Iniciouse no mundo do libro con 16 anos, «da man» de Severiano Carballal Lema. En maio celebrará 25 do seu propio establecemento, titularidade empresarial que comparte co seu irmán Fernando. «Somos como un corredor de fondo», indica Manolo, que mantén a ilusión polo negocio e a paixón polos libros.