-Fálase da importancia da ética.
-A intelixencia artificial ten moito potencial e moitas implicacións nas nosas vidas, polo que ten que estar moi ben deseñada para que responda aos intereses das persoas e a poder ser do interese común. Aí entra a universidade un pouco como salvagarda. As empresas non é que non se preocupen polo bo uso da IA, pero responden a outros intereses e á presión do mercado. Teñen outras urxencias que nós non.
-Daquela, hai que lexislar?
-As cousas máis relevantes na vida das persoas, como vai ser esta, teñen que estar reguladas polos Estados e non polos mercados. Moitas empresas parece que se preocupan pola ética, pero debemos estar alerta porque ese discurso pode vir ben para que estes temas queden no terreo da ética e non no da lexislación de obrigado cumprimento.
-Como ve a investigación tecnolóxica en Galicia?
-A lectura en clave galega é positiva e hai un bo nivel investigador. Nos últimos anos fomos referentes no conxunto do Estado. A primeira sociedade de capital risco para empresas que nacen da universidade creouse aquí hai dúas décadas. Unirisco foi o primeiro inversor de Situm, que dá tecnoloxía para a terminal T4 e que no 2019 levantou tres millóns de euros en inversións.
-Cada vez hai máis empresas saídas da propia universidade.
-Nese sentido, por exemplo, o Citius é modélico. As empresas que saíron del nos últimos cinco anos dan hoxe máis traballo que o persoal estable do centro. Toda esa transferencia de coñecemento fai máis competitivo o tecido empresarial, pero tamén as nosas Administracións. Elas teñen que apoiar eses proxectos porque o capital público non pode estar ausente da aposta inversora.