Marcos Dono: «Debemos mudar o discurso belicoso sobre a actual ameaza da pandemia»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

Defende que se establezan «uns máximos morais para toda a sociedade»

21 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Nun clima de crispación política, como acontece cando todos os partidos se culpan uns aos outros sobre a pandemia, ou cando se reforza un discurso sobre a vixilancia ao cidadán porque a xente incumpre as normas, iso contribúe a percibir que unha ameaza como a da covid está causada porque outros violan as normas e iso aumenta moito o monopolio da verdade e dificulta a solución da situación», afirma Marcos Dono, quen esta semana se doutorou en Psicoloxía social na Universidade de Santiago. Investigou asuntos como os extremismos políticos.

-Como se pode solucionar iso?

-Debemos mudar o discurso belicoso e de vixilantismo sobre a actual ameaza da pandemia por outro de cooperación, de solidariedade; enmarcar a pandemia como unha ameaza sobrevida, e que todos podemos colaborar para minimizar o seu impacto.

-Que entende por monopolio da verdade?

-Que unha persoa pense que as súas ideas son as mellores, do punto de vista obxectivo e moral, para ela e para os demais. Iso está apoiado polo que se chama realismo inxenuo: tender a pensar que a nosa percepción da realidade é obxectiva, un fiel reflexo do que existe; cando non é así, pois a realidade de todo o mundo é construída. O monopolio da verdade pode axudar a predicir, explicar e comprender moitos comportamentos das persoas.

-Como inflúe no modo de actuar?

-Pensar que a propia percepción da realidade é a correcta leva a pensar que as ideas que se teñen son obxectivamente correctas. Iso levaría a querer impor esas ideas, pensando que é para o ben da sociedade. Esta aproximación é unha novidade en parte aos extremismos.

-Por que unha novidade?

-Porque se pensaba que todo o que tiña que ver con moral dificultaba o extremismo, cando ten un compoñente violento, pois pensar na moral parecía que dificultaba este comportamento. De feito hai unha teoría denominada a desconexión moral. O que propón a miña investigación é que, cando se activa o monopolio da verdade, é cando as persoas se poden involucrar en comportamentos extremistas, pensando que o fan ben. Se ven lexitimada a súa acción como moralmente loable, iso fai que o comportamento teña moitas máis probabilidades de ocorrer e de se manter.

-Como se explica, pois, unha ideoloxía extremista?

-Cando hai moita polarización, as persoas utilizan para percibir a realidade unhas anclaxes que pertencen ás súas identidades políticas, ás súas identidades politizadas, que guían a súa percepción da realidade. Iso favorece que neguen unha idea cando perciben que procede doutro polo ideolóxico, aínda que a sustente a evidencia científica. Así acontece por veces coas vacinas, ou co cambio climático: se unha persoa de dereitas percebe que o discurso do cambio climático é unha estratexia das esquerdas, pode tender a interpretar a realidade desde a súa identidade politizada e rexeitar a evidencia científica, aínda que esa evidencia diga que o cambio climático se debe á influencia humana.

-Achega solucións para iso?

-Penso que necesitamos establecer con claridade uns máximos morais, para toda a sociedade, que todos debamos asumir, que serían os dereitos humanos. A moralidade é unha guía de conduta que depende da nosa cultura ou do noso grupo. Existen certos absolutos, como por exemplo a condena en todas as sociedades dun asasinato a sangue frío, que se deben aplicar para establecer límites que non se podan superar.

«Identidade, eficacia e inxustiza motivan a acción colectiva»

José Manuel Sabucedo e Mónica Alzate, docentes de Psicoloxía da USC e do grupo de investigación Cosoypa (Comportamento social e psicometría aplicada, integrado no centro de singular de investigación interdisciplinar en tecnoloxías ambientais Cretus) orientaron a Marcos Dono, desde abril de 2017. Traballou cun contrato de investigación estatal. Agora espera a resolución das bolsas posdoutorais da Xunta e, se lle conceden a que pediu, continuará vinculado coa Facultade.

-Como foi esta experiencia de traballo como investigador?

-Continuei unha liña de traballo sobre a participación na acción colectiva, os motivos que levan á xente a protestar, á mobilización. Había o concepto da obriga moral, definida como a motivación para un comportamento de acordo cos valores morais propios. Na miña tese avanzamos nese tema e traballamos nun modelo predictivo que inclúe a obriga moral e os que se coñecen como marcos da acción colectiva.

-Que marcos da acción colectiva?

-A identidade, a eficacia e a inxustiza, que veñen a ser as motivacións da acción colectiva que recollen máis apoio empírico na literatura sobre o tema.

-Teñen relación cos extremismos?

-A procura dos motivos que levan á xente a participar levan tamén a actuacións que non son tan positivas para a sociedade, de índole máis violenta e, en concreto, o extremismo político, agora mesmo en auxe, en parte porque o extremismo se ve favorecido polas crises sociopolíticas. Aconteceu así nos anos 30 do século pasado, e deu lugar a toda a configuración ideolóxica que detonou na segunda guerra mundial; comezou a pasar coa crise do 2008, e aumentou cando se solapou coa actual crise da pandemia. Iso está detrás, por exemplo, do asalto ao Capitolio nos Estados Unidos.

-Que aplicación ten a súa investigación para a actual pandemia?

-Comprobamos como canto maior é unha ameaza máis posibilidades hai de que se active o monopolio da verdade. E o máis importante son as emocións que esa ameaza levanta. Hai unha emoción especialmente problemática que é a ira. Cando se sente ira en base a unha ameaza percibida, o monopolio da verdade aumenta moito, e iso leva ao extremismo.

-Como explica iso?

-Nesta pandemia estamos a ver discursos como relacionar a ameaza da covid con violacións normativas. Desde o momento en que se asume unha óptica negativa, de que a xente incumpre as normas, críticas directas e actitudes semellantes, toda esa crispación, ese constante repetir que as normas están sendo violadas é o que xera máis ira, e así aumenta o monopolio e por conseguinte a posibilidade do extremismo.