Obxectivo: cero desperdicio en Santiago

Patricia Calveiro Iglesias
p. calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

O proxecto Xerminando, que comezou como unha iniciativa individual, colle pulo coa implicación colectiva 

01 feb 2021 . Actualizado a las 09:29 h.

Onde outros ven só un pantalón vello que toca xa tirar ao lixo, Ester M. S. repara nunha cremalleira que pode servir para facer unha bolsiña onde gardar compresas de tea. Conta que sempre preferiu arranxar as cousas por ela mesma, antes de mercar unha nova, e dende pequena tiña esa inquedanza de crear a partir do que tiña pola casa. Agora, con 29 anos, esta veciña de Santiago impulsa un proxecto chamado Xerminando que consiste precisamente niso, en demostrar que o que moitos consideran como desperdicios pode ter unha segunda vida, transformándose en algo útil.

O proxecto naceu hai un par de anos. E, a partir das súas propiedades ou doazóns alleas de roupa, crea compresas reempregables «coas que reducir a produción de lixo e os custes da menstruación» (bautizadas como «comprestelas», facendo alusión a Compostela e ao material do que se fabrican), discos de lactación ou desmaquillantes, panos de papel, bolsas para a compra a granel, bolsiñas para gardar o cepillo de dentes, xabóns e mesmo calzóns inclusivos (adaptados ás compresas, pensando en quen rexeite o uso de roupa interior asociada ao xénero feminino). Todo, partindo da cultura da reciclaxe e de materiais non mercados, que se hixienizan para o seu novo uso. «A maioría son produtos de hixiene, porque son os máis complicados de adquirir doutro xeito», explica Ester.

«Empregamos moito a cultura da troca, tamén coa idea de beneficiar a todos», apunta, e tamén se ofrece a posibilidade de que as persoas aporten a súa propia prenda ou pertenza para convertelas nun determinado artigo, «útil e superpersonalizado», ao que sacarlle máis partido. Trátase, di, de «empregar o que xa hai e evitar caer no consumismo, favorecendo a economía circular».

O que comezou como unha iniciativa persoal e individual, aproveitando os coñecementos adquiridos no espazo de costura da Casa do Matadoiro, foi collendo unha dimensión colectiva. «Pensei que sería bo difundir o que facía para dar ideas á xente que comparte esta filosofía de vida, e foi cando creei en Facebook a páxina do proxecto Xerminando», sinala, á vez que comezou a organizar obradoiros. «A acollida foi mellor do esperado», afirma a alma máter de Xerminando, onde xunto ao ecoloxismo foron confluíndo outros valores como o feminismo e o transfeminismo. «Así é que agora somos un grupiño de persoas que formamos o ‘EcoLab', no que investigamos como facer cousas máis sinxelas, sostibles e inclusivas», indica.

Lixo de luxo, buscadores de tesouros abandonados nos contenedores

De forma paralela, Ester puxo en marcha outro grupo en Facebook, Lixo de luxo, con máis de 1.200 membros actualmente e inspirado no movemento dumpster diving, que consiste en rescatar tesouros abandonados nos contedores de lixo. Independentemente de que deberan estar alí ou nun punto limpo, os composteláns comparten nesta páxina diariamente un mínimo de tres fotos diarias, amosando os bens que consideran que poden servirlle a alguén. «Vense cousas en perfecto estado: mobles, somieres, colchóns, roupa... e moitas cousas para crianzas. Cando Filomena, houbo a época de xente pedindo calefactores e mantas e outras persoas do grupo ofrecíanllas», indica Ester. E, nalgún caso, asociacións coma O Paluso teñen recuperado útiles para as familias con menos recursos ás que axudan. Pecisamente vén de acordarse unha colaboración co Paluso, froito do primeiro proxecto dunha nova integrante de Xerminando, Alicia, e arranxaránse prendas para que se poidan donar ás persoas que son atendidas por Chus Iglesias e a súa rede solidaria.