Camila Bossa: «Aínda hoxe na rúa chámanme Lindiña ou Melindre, e a min encántame»

A popular actriz galega, ligada desde os 20 anos a Santiago, amosa con números o escaso traballo dende que comezou a pandemia: «Dende marzo pasado só fixen un anuncio, un vídeo musical e un papel para unha serie de Amazon»

A actriz nacida en Bogotá asentouse con 20 anos en Compostela. «Ao chegar facíame graza que me preguntasen se era da zona nova ou da vella. Agora sei que son desta última e tamén, de Belvís ou da Alameda», admite dende a zona do parque onde loce a  estatua do Lorca teatral
A actriz nacida en Bogotá asentouse con 20 anos en Compostela. «Ao chegar facíame graza que me preguntasen se era da zona nova ou da vella. Agora sei que son desta última e tamén, de Belvís ou da Alameda», admite dende a zona do parque onde loce a estatua do Lorca teatral

Santiago de Compostela

É unha das caras máis coñecidas do audiovisual galego, unha actriz de longa traxectoria á que a pandemia tamén pasa factura. «Teño compañeiros que están traballando, pero o groso da profesión está in extremis. Só queremos actuar, que para min é o mellor do mundo», subliña con paixón e un sorriso espontáneo Camila Bossa. Colombiana de orixe, aclara que foi en Santiago, a cidade da súa familia materna, onde atopou a súa vocación. «A infancia paseina en Bogotá, de onde era meu pai. Aos oito anos trasladeime a Madrid xunto a miña nai e unha irmá. O cambio foi tremendo. Chegamos na movida. Pasei uns anos duros, pero tiven que espabilar», recoñece.

En 1993, con vinte anos, e trala volta da súa nai, a recoñecida actriz Pilar Pereira, á súa cidade natal, aséntase con ela en Compostela, onde atopa moitos estímulos. «Hoxe en día parece incrible pero neses anos había un ambiente moi vivo, con actuacións en tódolos pubs», lembra con nostalxia. «Metínme no teatro universitario para aprender a falar galego. Un ano despois, mentres estudaba Historia da Arte, vin un casting para unha curta de Alfonso Zarauza. Aí xa coincidín con Luis Tosar. Eramos uns pipiolos», resalta risoña. «Picoume o becho de actuar e xa non tiven remedio. Comecei tamén na TVG, onde estiven, por exemplo, en Luar. Facía de Rosalía cazaautógrafos, unha histérica que se tiraba enriba de Enrique Iglesias ou Jesús Vázquez», comenta sen deixar de rir. «Aprendín e divertinme moito. Era como ir á guerra, sen micrófono. Serviume para quitar o medo e ser caradura. Son tímida, pero tamén curiosa. Gústame a xente, falar con ela. E tamén observar. Escoitar conversas e pensar en historias», encadea.

Eu teño 47 anos. Non te imaxinas o que se escoita a miúdo. Unha cantinela é: ‘‘é que tes unha idade tan difícil...''

En 1998 súmase no papel de Belinda a Mareas Vivas, a icónica serie que namorou a toda unha xeración. «Foi unha loucura. Aínda hoxe na rúa chámanme Lindiña, que era como se refería a min Petróleo (Luis Zahera), ou Melindre, que foi como me rebautizou Currás (Miguel de Lira), e a min encántame ao ver que se acordan de ti por algo que fixeches. Lembro incluso que, cando vivía na rúa Concheiros, unha veciña me dixo que como era nova, cando quixese saír, lle podía deixar a nena, referíndose á filla que tiña na ficción. É marabilloso ver como pensan en ti polo teu papel», remarca agradecida ao afondar nuns anos que tamén a ligaron ao pub Atlántico. «Ata pasados os trinta aniñei alí», aclara divertida. «Faciamos de todo. Aí descubrín o entroido», enfatiza sobre as súas festas temáticas. «Cando Tosar empezou a triunfar, sempre gozabamos cos Goya. Parecía como o anuncio de Vivamos como galegos. Todos con comida e bebida. Estabamos emocionados. Despois nos acostumamos. A familia atlántica ten moitas ledicias por ese lado», destaca sen esquecer os seus tres galardóns Mestre Mateo. «Alegreime moito pero para min o importante é saber que se te nominan é porque antes traballaches», insiste ao clamar por máis papeis femininos adultos. «Eu teño 47 anos. Non te imaxinas o que se escoita a miúdo. Unha cantinela é: ‘‘é que tes unha idade tan difícil...''. Eu síntome máis plena, son mellor actriz. O que faltan son historias de mulleres con aspecto da súa idade», lamenta sobre unha barreira á que se engade a crise actual. «Dende marzo só traballei nun anuncio, nun vídeo musical para o grupo Aparato, que é duns colegas, e agora nun pequeno papel na serie Un asunto privado, de Amazon, que se roda aquí», explica mentres incide no decisivo que é que actores galegos teñan oportunidades de peso.

 

Xa no eido persoal admite que sempre ten algo en mente. «Antes da pandemia os luns cantaba no coro de Mr. Cool, como se coñece á miña parella. A música é unha terapia moi recomendable», defende. «Tamén sigo pintando, algo que fago desde nena. Cando vivía en Belvís debuxei tazas e láminas para unha Festa da Primavera, e ¡tiveron boa acollida! Fixen supernais», sostén con emoción antes de evocar que en febreiro se cumprirá un ano do pasamento da súa. «Acórdome dos nosos paseos. Pareciamos as dúas Marías», apunta.

Camila Bossa e a súa nai, Pilar Pereira, nunha foto de arquivo do ano 2008
Camila Bossa e a súa nai, Pilar Pereira, nunha foto de arquivo do ano 2008

«Non esquezo tampouco os seus últimos aniversarios, que quería facer na rúa, e todo o mundo acudía», engade. «Marchou cando tiña que marchar. Alguén tan vitalista como ela isto non o levaría nada ben», conclúe con cariño.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Camila Bossa: «Aínda hoxe na rúa chámanme Lindiña ou Melindre, e a min encántame»