Xavier Ferreira: «Alteraremos os calendarios docentes se cambia a hora do toque de queda»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

O xerente da USC valora de xeito «moi positivo» o desenvolvemento dos exames

27 ene 2021 . Actualizado a las 05:46 h.

A Universidade de Santiago pecha esta semana os exames do primeiro cuadrimestre e prepara xa o segundo coa vista posta nas decisións sanitarias. Se no caso de volver ao confinamento xa desde principios de curso hai previsto un escenario de docencia telemática, cuestión diferente son os posibles cambios no toque de queda. O responsable covid e xerente da USC, Xavier Ferreira, detalla que esta mesma semana manterá novas reunións para prepararse para un adianto.

-Que valoración fan do desenvolvemento dos exames con moitos deles de xeito presencial?

-A valoración é moi positiva polo comportamento do alumnado que foi, con carácter xeral, excepcional; gardando as distancias, sen aglomeracións... Digo con carácter xeral porque houbo un número elevado de exames e, obviamente, sempre xorden circunstancias. Hai algúns onde concorren 300-400 alumnos e, sen prexuízo de que se fixeron quendas para secuenciar o acceso, os momentos de exames sempre son de nervios, hai costumes adquiridos e a práctica habitual é que a xente chega antes. Ese foi o tipo de incidencias que se produciron, non outras. Son incidencias que, ao mellor, deberiamos ter evitado, pero creo que é practicamente imposible evitar. Pero, non me canso de dicilo, o comportamento do alumnado foi excepcional, e tamén o do persoal PDI e do PAS.

-Dende o alumnado houbo peticións de que os exames foran telemáticos para evitar riscos de contaxios por esas aglomeracións e tamén nos traxectos.

-Nos espazos de titularidade universitaria, os nosos conserxes se encargaban de advertir aos estudantes. As fotos que hai son en vías públicas e, obviamente, nós podemos ter cota de responsabilidade, pero non é nosa. Pero, insisto, non creo que debamos facer un xuízo dunha reprobabilidade alta sobre isto. Advertimos en varias ocasións que isto debía de evitarse. Non tiveron consecuencias na propagación do virus, como nos din os datos da incidencia da USC. Por outro lado, a demanda de exames telemáticas é lexítima, pero non se corresponde cos acordos tomados tanto pola conferencia de reitores como pola Xunta. Con carácter previo aos exames, mantivemos unha reunión cos conselleiros de Educación e Sanidade na que acordamos manter a presencialidade. Non digo en todos os casos -porque a avaliación continua tamén garante calidade- pero, para moitos docentes, unha garantía de calidade, universalidade e igualdade a reporta o exame presencial. Non sería comprensible para a sociedade que pasásemos a unha forma non presencial no ámbito universitario, con alumnado maior de idade e responsable, e que, sen embargo, mantiveramos a presencialidade noutros niveis de ensino.

-Adiantaron o peche das instalacións ás 21.30 horas polo toque de queda.

-Sendo esta hora, non trastornou. Distinto é se se decide facer un toque de queda ás oito. Xa mantivemos reunións e temos medidas previstas se iso se produce, incluso en termos de exames. Non parece previsible que suceda antes do luns ou martes, e o mércores e xoves son moi poucos os exames que se realizarían.

-¿Cal é a máxima preocupación do comité covid da USC ante a terceira onda?

-Obviamente, a onda e a posibilidade de que se produza un confinamento total da poboación, que nos levaría a un escenario como o do pasado marzo, para o que estamos preparados, pero sempre é complexo facelo dun día para outro. A segunda preocupación é o cambio da hora do toque do queda. Nós xa temos a programación para o inicio do segundo cuatrimestre feita e hai moitas clases que rematan ás oito ou nove da noite. Se se produce un cambio no toque de queda, a nosa decisión é non forzar a presenza de PDI, PAS e alumnado en horas de toque de queda, senón que, co fin de colaborar en que ese toque de queda poida ter efecto, alterar os calendarios docentes para evitar a presenza de alumnado e persoal a esas horas. De feito, esta semana imos ter unha reunión cos responsables das facultades para prever isto. Esta situación tamén nos abre unha reflexión, que creo que debemos facer como institución, de tratar de revisar os nosos horarios con carácter xeral e adecuarnos a unha realidade máis frecuente noutros países, que é intentar rematar a nosa actividade docente máis cedo, o que probablemente esixa un esforzo por parte de todos, tanto de infraestruturas como de planificación. Xa hai facultades que o intentaron, e o teñen feito, como en Filoloxía, pero creo que deberiamos estender este modelo á institución.

-Como prevén o novo cuadrimestre? Seguirá a combinación de clases presenciais e telemáticas?

-Si, a idea é continuar como tiñamos organizado. A experiencia do que levamos deste ano é que, máis alá das decisións que tomamos, o importante é a capacidade de reacción. O que logramos é traballar en tempo real, é dicir, que se un día se adopta unha decisión [as autoridades sanitarias], ao día seguinte o noso obxectivo é estar adaptados a esa realidade. Por agora, conseguímolo. E iso foi grazas a dispoñibilidade absoluta das autoridades académicas, membros do comité de xestión e, principalmente, á capacidade e resiliencia dos nosos alumnos que se adaptan a esa realidade. En canto se manteña a oferta presencial, imos manter tamén o traballo presencial.

«Pediron o cambio de data de exame 400 estudantes»

A USC canaliza todas as cuestións vinculadas á pandemia na Oficina Covid.

-Cal é incidencia de casos?

-Quero ser moi, moi prudente cos datos. Os que temos recibidos na nosa Oficina Covid dannos un resultado inferior ao 50 % de incidencia que hai neste momento na cidade. Nós temos agora de incidencia acumulada nos últimos 14 días 270 casos; e a incidencia dos últimos sete día está en 120. Son datos moi, moi inferiores á media en Galicia e no Estado español, pero quero ser prudente porque me resisto a crer que o feito de ser membro da comunidade universitaria nos fai inmunes ao coronavirus. Pode haber algunhas persoas que, sendo membros da comunidade universitaria, non no lo comunican porque non teñen actividade docente ou exames, entón, pódense escapar casos. O que nos preocuparía moito é que a incidencia fora superior. O que temos garantido é que no espazo universitario non se produciu ningún gromo derivado da actividade laboral.

-Houbo moitas peticións de cambio de data de exames?

-Si, houbo unhas 400 peticións de alteración de datas de exames. Tramitáronse todas e non quedou ningunha resolver. Obviamente, nun volume de 25.000 non é un número moi elevado.

-E os desta semana?

-Tamén porque temos a previsión de pechar as actas con posterioridade. Pero mércores e xoves xa hai moi poucos exames. Xa fixemos esa previsión e o volume alto de probas remata o martes. O xoves xa case non hai.

«Non hai sancións, as advertencias están funcionando ante os eventuais incumprimentos»

Dende a USC varían continuamente os protocolos para adaptalos ás novas condicións sanitarias, en ocasións, con diferenzas entre Santiago e Lugo: «Unha orde das doce da noite, ás oito da mañá xa a temos», di Ferreira.

-Pecharon o edificio Cactus esta semana durante tres días despois de catro positivos. Iso provocou a revisión dalgún protocolo?

-Decidimos pechalo nós voluntariamente. A autoridade sanitaria o único que nos dixo é que había que proceder a facer un cribado de todo o persoal, sexan ou non contaxios directos, e proceder á desinfección. Nós, por prudencia, entendemos que o máis positivo para todos -e así o recomendou o noso servizo de prevención, que está tendo un traballo excepcional- era manter pechado o edificio ata ter o resultado do cribado. O resultado foi de 71 persoas só houbo un positivo, que era contacto directo. E non foi necesario revisar protocolos, o único que fixemos foi incidir na necesidade de cumprilos. Como nos advertiu a autoridade sanitaria, hai que ter moita precaución cando se quita a máscara. Isto confirma que os nosos espazos son moi seguros, máis que os domicilios.

-Houbo sancións debido ao incumprimento de normas?

-Houbo moitas advertencias. Por agora as advertencias funcionaron ante os eventuais incumprimentos. Este luns visitarei un centro para ver que medidas tomamos respecto a moi pequenos incumprimentos. O comportamento de todo o mundo está sendo moi correcto e non consideramos necesario pasar a outra fase de máis dureza, que consistiría en denunciar ás autoridades sanitarias os incumprimentos porque desde a USC non temos potestade para sancionar.

-Hai novas obras en marcha para adaptar espazos?

-Nestes momentos as obras que temos en marcha son a adaptación do salón de actos de Medicina, que vai permitir ter un espazo seguro e adaptado á nova realidade tecnolóxica para 400 persoas se non houbera covid e 150 prazas con distancia. Rematamos as obras en Dereito, que nos van permitir ter unha sala de lectura 70 prazas con distancia covid, así como unha serie de aulas que van posibilitar que os alumnos de Farmacia se poidan reubicar e manter a súa docencia teórica de forma unida. Despois, temos obras pendentes de aprobación do orzamento da Xunta. A USC correspóndenlle 4,1 millóns, que imos destinar, fundamentalmente, á Cidade da Saúde.