José Fernánez Alborés: «Temos xa oito empresas interesadas no polo biotecnolóxico da Sionlla»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

José Fernández Alborés, presidente de la Asociación Área Empresarial do Tambre
José Fernández Alborés, presidente de la Asociación Área Empresarial do Tambre PACO RODRÍGUEZ

Na Asociación Área Empresarial do Tambre, que preside, confían en comezar as obras en breve e que funcionen a finais do ano 2022

19 ene 2021 . Actualizado a las 01:00 h.

«O obxectivo do Polo de Innovación en Biotecnoloxía na Sionlla contempla tres liñas principais: promover que se instalen novas empresas dese sector que se constitúan en Santiago; consolidar as que hai, favorecendo que medren; e atraer outras de fóra para que veñan para ese espazo. Para iso haberá un ecosistema que fomente, facilite e axude a investigación, infraestruturas, servizos especializados, persoal e outras necesidades, para conseguir ese obxectivo. Estamos dispostos a iniciar os traballos de inmediato, mover terras nun mes. Os edificios programados teñen que estar finalizados no verán do 2022 para que comecen a funcionar as empresas a finais do próximo ano», afirma José Fernández Alborés, presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre.

-En que situación está este proxecto?

-Comezamos no ano 2015, para impulsar a industrialización de Santiago, e en xaneiro do 2016 os principais axentes socioeconómicos asinaron o Acordo da Sionlla. Nos tres anos seguintes, coa colaboración do Clúster Tecnolóxico Empresarial de Ciencias da Vida (Bioga) deseñamos o Polo de Innovación en Biotecnoloxía, implicando a dúas consellerías da Xunta, o Concello, a USC e a Cámara de Comercio, e o proxecto está avanzado.

-Como de avanzado?

-Dispomos dunha reserva de solo a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) de 63.000 metros cadrados; e dunha parcela municipal, da que estamos pendentes que nos próximos días finalice a tramitación para pór a disposición do proxecto inicialmente 14.000 metros cadrados máis. Eses terreos poderán aumentar, de ser necesario. Neles irán as dúas fases iniciais.

-Como son esas fases?

-A primeira, na parcela municipal, contempla un edificio con laboratorios de 50 metros cadrados e outras dotacións para que se instalen, e medren, empresas biotecnolóxicas como as que emerxeron da USC ou da investigación sanitaria de Santiago e que nestes anos se dispersaron por varios lugares. Na Sionlla poderán colaborar e avanzar para a súa consolidación. Esta fase é público-privada: o Igape financia 4 millóns de euros e traballamos para conseguir outro millón máis da iniciativa privada.

-E a segunda fase?

-As dúas fases prosperarán ao mesmo tempo. A segunda prevé un edificio para espazos industriais para empresas consolidadas, con naves duns 500 metros cadrados, que deseñarán segundo as súas necesidades. A situación será no solo reservado do IGVS. Esa fase será totalmente privada, prevé un investimento duns 18 millóns de euros.

-Onde están os terreos?

-Están situados ao fondo do polígono da Sionlla, próximos á entrada do novo orbital e da conexión coa autoestrada.

-Como se xestionará todo iso?

-Unha empresa construtora vai pór de acordo as diferentes partes, para edificar; e hai unha entidade xestora do proxecto, que é Sionlla Biotech S. L., onde participan a nosa asociación, o Concello coa USC, e a Cámara de Comercio. Temos tamén un Consello Científico asesor.

-Participa a Deputación?

-Esperamos que se sume, como anunciou o seu presidente.

-E hai empresas interesadas?

-Si, hai varias interesadas na primeira fase, e oito que asinaron expresións de interese na segunda fase e están pendentes das condicións. Temos contactos para que veña algunha multinacional, pois pensamos que serviría de atractivo para outras, e que así potenciarían máis o polo.

«O máis complicado foi pór de acordo a todas as partes»

O presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, co secretario Ramón Lois e o xerente José Manuel Beceiro avanzaron esta semana con Roberto Graña e Pablo López, da consultora que asesora á entidade neste proxecto «na posibilidade de atraer algún macroproxecto singular con financiamento europeo, dos que agora se están a proxectar», afirma Fernández Alborés.

-Como queren que sexa o futuro desta iniciativa biotecnolóxica?

-O futuro que imaxinamos é que dentro de 10 anos haxa empresas biotecnolóxicas que ocupen os dous edificios e o resto do espazo das dúas fases iniciais que arrancarán este año. E habería unha fase posterior, no entorno da Sionlla, fóra desas infraestruturas, para empresas que veñan instalar unha nave industrial, para aproveitar as sinerxías e posibilidades que ofrecerá o biopolo. E hai unha segunda parte, que contempla acrecentar industrias da madeira, outro sector en que Galicia ten recoñecemento e que conta en Santiago cunha empresa tractora, que é Finsa.

-Por qué un proxecto así?

-Porque viamos que o polígono da Sionlla se estaba enchendo de empresas basicamente comerciais e de servizos, e pensamos que se debía facer algo para potenciar a industrialización. Con Bioga, están involucrados outros clústeres, como os da alimentación, a saúde ou a madeira. A investigación, a biotecnoloxía e a madeira son fortalezas que teñen Santiago e Galicia, das de máis potencial; este proxecto transcende a Santiago. Como acontece co polo da automoción en Vigo, o das TIC na Coruña ou o aeroespacial en Lugo.

-Como dialoga este polo tecnolóxico coa realidade da cidade?

-Na investigación biomédica, en centros como o Ciqus ou o Cimus, e outros, traballan 1.200 investigadores. Teño amizade hai tempo con Ángel Carracedo, e o seu grupo é máis grande que a maior parte das empresas de Santiago. Son persoal moi cualificado, que custa moito formar e que debemos reter, que non se vaian para fóra. Temos que reverter a situación e conseguir que moito persoal cualificado, que se tivo que ir, poda regresar. O polo será unha oportunidade para profesionais e empresas que xa temos.

-Que foi o máis difícil até agora?

-O máis complicado foi pór de acordo a todas as partes, a representantes políticos de partidos diferentes, necesitamos que todos se movan e apoien; e implicar a todas as institucións e entidades. Máis da metade das empresas biotecnolóxicas galegas están radicadas a un máximo de 60 quilómetros, Santiago ten que aproveitar esta posibilidade.