Noelia Márquez: «A restauración da Capela Maior foi o grande cambio para a Catedral»

A directora de restauración da basílica de Santiago chama á protección do patrimonio: «É identidade para un pobo»

a. garcía
carballo / la voz

Cóntanse por millóns as miradas do mundo que se pousan na catedral de Santiago. Este ano, algunhas menos, pola pandemia e o peche da cidade duns meses a esta parte. Son moitos, tamén, os que seguiron con interese as obras de restauración neste templo tan destacado: as do Pórtico da Gloria, xa un tempo atrás, e as da Capela Maior, máis recentemente. Detrás delas está a muxiá Noelia Márquez Grillle, formada na Escola de Restauración e Conservación de Pontevedra. En Quintáns ten a súa base e dende aí vai e vén cada día a Compostela. Directora de restauración da Catedral, son xa dez anos de traballo estable, «fixa», ao redor dela. «Nun edificio coma este sempre hai que facer», di. Noelia colleu unha grande época de obras e non faltan iniciativas. É pouco amiga de figurar, prefire o traballo calado, discreto. Só endurece algo a voz para reivindicar que é importante conservar o patrimonio e mentalizarse de que a restauración «non é repintar». Non fala xa de catedrais senlleiras, nin de grandes galerías, senón de obras en igrexas e ermidas. «O Camiño de Santiago, sen o seu patrimonio, perdería parte da súa esencia», manifesta.

-Como chegou á Fundación Catedral de Santiago? Impón traballar nun espazo así?

-Si, aínda que ao estar continuamente con proxectos, case non dá tempo a pensalo. Cheguei á Catedral porque antes de facer Restauración cursei técnico superior en escultura e, ese verán, tiñamos unhas prácticas de traballo aquí. Logo, cando xa traballaba como autónoma, fixen nela algunha obriña e ao final acabei vinculándome definitivamente, dende o 2010.

-Nalgún documento menciónana como experta en teas.

-Son restauradora en xeral, e especialiceime en escultura, aínda que cando cheguei á Catedral participei nun proxecto de restauración de tapices, unha colección de Goya, pasando logo xa ás ademais obras, o Pórtico, a Capela Maior... O dos tapices foi no meu tempo de autónoma, antes de forma parte da plantilla da Fundación Catedral, onde fixemos un equipo que se chama A Casa da Fábrica e no que, con carácter fixo, estamos un arquitecto, eu como restauradora e dúas aparelladoras. Pero como hai tantos proxectos e traballos, contratamos e externalizamos servizos, sobre todo proxectos de arquitectura.

-De cara ao visitante as obras non agradan, mais o resultado...

-Vale a pena, claro. Esta última obra, a da Capela Maior, foi a de máis complexidade. Incluía a restauración das pinturas da bóvedas, do baldaquín, o altar de prata... Creo que é o gran cambio para a Catedral: volveuse recuperar a luminosidade e a espectacularidade do Barroco, algo que estaba completamente perdido.

-Que traballo na Catedral a marcou máis nestes dez anos?

-Sen dúbida, a restauración precisamente da Capela Maior. Nunca esperei chegar a este punto. Cando empezamos esa obra sabiamos que era moi complexa, porque o estado de conservación, sobre todo das pinturas, pero tamén do baldaquín e da prata, era máis ca pésimo. Embarcámonos nunha grande aventura, pero o resultado é o grande cambio para a catedral de Santiago.

-Obras nun 2020 marcado pola pandemia, sen case visitantes nin peregrinos. Como o viviron dende a súa posición?

-Foi un ano peculiar, de ter que adaptarnos á situación. Pasar de ver Santiago e a Catedral con tanto movemento a non ver ninguén. Dende o punto de vista da restauración e das obras, claro, podes facer proxectos que con xente sería case imposible. Aínda así, o cambio é realmente enorme.

-E o Xacobeo 2021? Nótase?

-A min, que veño todos os días, sorpréndeme a cantidade de xente, santiagueses, que pasan para ver como quedaron as obras, sobre todo agora coa Porta Santa aberta. Son os propios visitantes da cidade, que seguramente coñezan a Catedral, pero recén restaurada, a imaxe é outra. Quizais con isto do peche de Santiago, é para eles un bo momento de vela: sen turistas, sen peregrinos.

-Que virá agora?

-Andamos con diversos proxectos de restauración. Algúns están xa case finalizados, pero na Capela Maior, por exemplo, aínda nos queda algún retoque. Facemos ademais estudos de pinturas que pode haber noutras capelas.

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
4 votos
Comentarios

Noelia Márquez: «A restauración da Capela Maior foi o grande cambio para a Catedral»