Unha publicación divulga en 3D as obras de Domingo de Andrade en Bonaval

SANTIAGO

Sandra Alonso

As imaxes tomadas por Juan Feáns recollen os elementos máis salientables da intervención do arquitecto barroco

15 ene 2021 . Actualizado a las 04:55 h.

A publicación «Andrade en Bonaval» ofrece unha nova forma de achegarse a San Domingo de Bonaval e, máis concretamente, aos traballos realizados nel polo arquitecto Domingo de Andrade. Inclúe vinte e catro imaxes en 3D tomadas polo fotógrafo Juan Feáns, que permiten apreciar de xeito diferente desde o claustro ata a icónica escaleira helicoidal, ademais de escudos e motivos ornamentais, entre outros elementos. O libro chega acompañado dunhas gafas para poder apreciar esas imaxes tridimensionais. Pero para aqueles que non as poidan ver correctamente, tamén conta coas mesmas fotografías en formato bidimensional, planos de edificio, debuxos de diferentes elementos arquitectónicos, ademais de citas de varios autores en relación a cada un das obras fotografadas. O traballo complétase cun texto introdutorio obra de María Xosé Fernández Cerviño.

«A técnica 3D é unha técnica que vai moi ben para situarnos nun espazo un pouco máis real a través dun libro, xa que habitualmente dan unha imaxe plana. Entón, engadir o tema da profundidade e do relevo para gozar dunha vila ou dunha arquitectura parecíame moi interesante», explica o fotógrafo Juan Feáns, que tamén é o encargado da edición de «Andrade en Bonaval», que acaban de publicar o Consorcio de Santiago e o Museo do Pobo Galego con motivo da conmemoración do Día das Artes Galegas 2020, impulsado pola Real Academia Galega de Belas Artes, dedicado ao arquitecto, entallador e imaxineiro Domingo de Andrade.

Para Juan Feáns non é esta a primeira publicación de imaxes 3D. No 2019 xa editara un libro con imaxes de Santiago utilizando esta técnica, «Santiago 3D». Explica que toma dúas fotografías, con certa distancia entre elas, para despois mediante un programa informático completar o proceso que vai permitir velas en tres dimensións. Feáns comezou co libro en febreiro pero, debido ao confinamento, tiveron que deter a toma de imaxes en Bonaval. O traballo prolongouse ata o outono, incluíndo o deseño e a maquetación.

Aínda que destaca que estas imaxes tridimensionais permiten unha perspectiva diferente da obra, o obxectivo que persegue é que o público acuda a Bonaval. «É certo que coas imaxes do libro podes deterte en elementos que se estás ‘in situ’ poderían pasar máis desapercibididos. Sen embargo, eu sempre digo que este libro está feito para que a xente vai alí, porque estar na ubicación real non é comparable», afirmou Feáns, que ten unha vinculación especial con Bonaval porque estudou nese espazo fotografía. «É unha gozada facer fotos nesa calma», detalla este profesional que agora traballa cun proceso antigo de revelado e non descarta levar a cabo algunha exposición con ela.

O libro non son só fotografías, senón que tamén recolle textos obra de María Xosé Fernández Cerviño, que lembra que a vinculación de Andrade co convento de San Domingos de Bonaval veu da man do frade dominico Antonio de Monroi e Híjar, arcebispo de Santiago entre 1685 e 1715, que lle encarga a grande obra de remodelación de Bonaval, xunto á ampliación do recinto conventual.