A pegada da pandemia en 38 retratos con mensaxe

La Voz

SANTIAGO

Sandra Alonso

O Museo do Pobo acolle a exposición «Cambio de fase», un ensaio fotográfico de Xoán Crespo

14 ene 2021 . Actualizado a las 04:55 h.

Coñecer a pegada da pandemia en cada persoa para dar unha imaxe colectiva, como sociedade. Iso é obxectivo que está detrás de «Cambio de fase», o ensaio fotográfico de Xoán Crespo, que desde onte ata o vindeiro 14 de febreiro pode verse no Museo do Pobo Galego. Para iso, o fotógrafo non só retratou ás persoas, senón que as invitou a escribir unha mensaxe sobre a situación.

Todo xurdiu durante o confinamento decretado. «Cando estabamos na casa había moitas opinións, moito ruído en redes..., pero eu quería saber que estaba pensando a cidadanía», explica o autor. Así, para materializar esa proposta, saíu coa cámara por distintos espazos de Santiago de Compostela entre o 16 de maio e o 14 de xuño, parando ás persoas e explicándolle o seu proxecto, que incluía unha mensaxe e a imaxe con ela. Iso si, sen darlle ningún tipo de consigna para elo, nin no caso da mensaxe nin á hora de posar.

Finalmente, a mostra está conformada por 38 imaxes no que persoas de diferentes idades -buscou que houbera un equilibrio- deixan mensaxes moi distintas. «Poñer os coidados no centro da vida». «La salud no es un instrumento político». «Lava as mans». «O virus + perigoso e social». «Nada vai ser o mesmo. Vivir na incerteza». Esas foron algunhas das reflexións que compartiron os retratados con Xoán Crespo para ofrecer como resultado un «mapeo emocional, de sensacións, de pensamentos, de reflexións ao redor da pandemia pola covid-19».

Emocións a flor de pel

Crespo explica que quixo axustar o desenvolvemento deste proxecto ao período da desescalada de xeito que as persoas aínda tiñan «a flor de pel» as sensacións e as vivencias, o que permitía «medir mellor o estado emocional». O fotógrafo explica que aínda que a el lle interesa o retrato, nesta ocasión tamén lle dou protagonismo á cidade, neste caso, Santiago de Compostela, aínda que podería ser calquera. Unha cidade que toma entidade presentándose nunha dualidade, como «un espazo concreto que nos acolle e encérranos á vez».

Na mostra, Xoán Crespo aposta por retratos cun mesmo encadre de xeito que «mensaxe que cada un dos protagonistas nos fai chegar teña a mesma importancia que o anterior. Relevancia que se outorgan uns a outros en canto se complementan e vannos cargando de emocións e recordos, soportando así, entre as palabras dunhas e outros, o recordo deste mal soño que é a covid-19».