Javier Turnes: «Improvisar na música é adaptarse ao momento, igual que pasa nas clases»

O docente acaba de lanzar o seu último disco, gravado a dúo na Borriquita de Belém

Javier Turnes compaxina o seu novo proxecto coas aulas e os concertos da Bakin? Blues Band
Javier Turnes compaxina o seu novo proxecto coas aulas e os concertos da Bakin? Blues Band

santiago / la voz

«Non hai problema en que unha clase de filosofía acabe como un concerto de rock». Javier Turnes (Portomouro, 1976) colle a frase dun dos seus autores de cabeceira, Gilles Deleuze, para deixar claro que o traballo nas aulas e no escenario teñen moito que ver. Ademais de profesor de Filosofía no IES Rosalía de Castro, Turnes leva anos sobre as táboas coa Bakin' Blues Band. Agora vén de publicar Fidelio 85, un álbum gravado en directo na Borriquita de Belém hai un ano co seu proxecto Turnes & Casquero.

-En que se parece unha clase de Filosofía a un concerto de rock?

-Na aula hai uns tempos, unha interpretación e unhas intensidades. Hai que encontrar as miradas e pasamos por momentos de concentración, de risa e de tensión, como nun concerto. E nos dous casos hai xente que se xunta para que suceda algo.

-A música ten moito de improvisación. Pasa igual no instituto?

-Improvisar é adaptarse ao momento, igual que pasa nas clases. Partes dunhas indicacións que tes que ter claras e logo buscas e vives experiencias. Sobre elas, a Filosofía constrúe conceptos e o alumnado entra completamente niso. Eu sempre lles pregunto: «Do que viviches ata agora, que aprendiches por ti?». O problema do presente, xa o dicía Walter Benjamin, é que a experiencia se nos extirpa porque nos din como nos temos que sentir. A filosofía e a música serven para darlle forma a todo iso, ás voces que soan dentro e ás que veñen de fóra e que che atravesan.

-E como se sente a rapazada?

-Noto certa docilidade. Teñen que loitar contra un inimigo complicado, que é o que levan dentro. Teñen tal cantidade de esixencias que pensan máis no día de mañá que no de hoxe. Están tan pendentes do futuro que se lles complica o presente.

-A responsabilidade que ten o profesor non é pouca.

-Dicía Deleuze que o mestre non é o che di fai coma min, senón fai comigo. A maioría do alumnado que teño en Cine e Filosofía, de 2.º de Bacharelato, non sabía nin o que era unha claqueta. Aí atrás fomos á Numax e propúxenlles que visen a película como realizadores, non como espectadores. Despois de enredar coa materia, a experiencia foi outra, e iso é importante para eles.

-Para experiencia a de sacar un disco en directo agora que tanto se botan en falta os concertos.

-Ale [Casquero] e mais eu viñamos tendo unha residencia mensual na Borri e isto gravámolo a finais do 2019. Logo veu a pandemia e xa o tomamos con calma, pero ao final saíu agora e tamén ten o seu sentido. A presenza do público, máis alá dos aplausos, nótase. Fomos tocando e parando para preguntarlle á xente se facíamos un tema dunha forma ou outra e toda esa experiencia modulou o resultado final.

-Despois de tantos anos tocando cunha banda chegou un disco a dúo. Piano, guitarra e voz.

-Ten moito de diálogo. Cando toco con xente busco profesionalidade, pero sobre todo complicidade. Iso é algo que teño con Alejandro. Dáme moita seguridade porque é un músico estupendo e con quen teño unha relación de amizade que saíu fóra da Bakin'. Os nosos concertos teñen a mesma temperatura que cando tomamos un café na casa. Mesturamos amizade e vivencias e temos visto xente que vén aos concertos para encontrar iso.

-Cales serán os seguintes pasos?

-Para nós é un disco ponte cara a un proxecto futuro de nós os dous, que seguramente ampliemos, e onde xa faremos máis temas propios, non só versións. A idea é buscar un son do presente, noso, co que nos sintamos a gusto e teña recorrido aquí e fóra.

-É un momento complicado para músicos e salas. Como viviu estes tempos pandémicos?

-No persoal serviume para volver escoitar música como cando era adolescente. Foi un pouco como cando Lennon deixou de dar concertos porque xa non se escoitaba. A nivel organizativo creo que poden quedar cousas boas, que falta nos fai. En Santiago ás veces hai cinco concertos nun metro cadrado e iso non pode ser. Programar doutra forma sería bo para todos. Temos que darlle máis sentido á proposta global, que haxa un sentido de pertenza e distribución.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Tags
Comentarios

Javier Turnes: «Improvisar na música é adaptarse ao momento, igual que pasa nas clases»