Xosé Miguéns: «Algunhas mudanzas que viñeron pola covid van continuar no ensino»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

O profesor e director do colexio de Lamas de Abade, que se xubila o día 31, insiste en defender que se habilite un campus non universitario para 3.000 estudantes desa zona da cidade

24 dic 2020 . Actualizado a las 03:11 h.

Para Xosé Miguéns, docente no colexio público de infantil e primaria de Lamas de Abade hai 16 anos, e director nos últimos 11, hoxe é o último día de traballo no ensino, pois o 31 é a súa xubilación. Onte recollía xa cousas: «Sei que ao principio botarei de menos o colexio», afirmaba.

-Como foi esta etapa profesional en Santiago?

-Vin para Lamas de Abade no 2004. No segundo ano comecei a exercer como xefe de estudos coa anterior directora, Cruz Vázquez. E Mar Rodríguez, que é xefa de estudos comigo hai cinco anos, vai ser quen me substitúa.

-O colexio aumentou e mudou moito, é agora suficiente?

-Houbo un importante incremento de alumnado, xa debemos ser o segundo colexio con máis escolares de Santiago, 548, con 3 aulas nos seis cursos de primaria, excepto en cuarto en que temos 4 aulas; e 2 aulas nos tres cursos de infantil. A zona de influencia aumentou moito, e continúa o crecemento. A ampliación do edificio de infantil parecía unha solución hai 2 ou 3 anos e agora xa non parece tan claro. E tamén está vindo alumnado doutras zonas.

-E nos servizos?

-Conseguimos consolidar o comedor no CIFP Compostela, e comezar con outro novo para infantil, iso foi importante. Ou ofrecer actividades de conciliación todo o ano, menos en agosto, excepto estes dous últimos anos polas obras de ampliación do novo edificio de infantil e pola covid. E o laboratorio de idiomas, a mellora da biblioteca, a radio... agora mesmo temos máis servizos que noutros colexios.

-Como se conseguiron?

-Inflúe a xestión levada desde o centro, en colaboración coa ANPA, que significou un complemento importante para o plan de actuación en madrugadores, no comedor ou nas actividades; dan un servizo de conciliación que doutro xeito sería inviable.

-Defendeu que se faga un campus non universitario en Lamas de Abade, mantén esa idea?

-Sempre falei diso, e vexo como agora o asume máis xente, mesmo en institucións. Aquí están un CIFP; un instituto de ESO, unha escola infantil, un centro de educación especial, o noso de primaria, e o Ramón Cabanillas está próximo. Hai uns 3.000 estudantes que se moven na zona e sería bo que se dotase de servizos apropiados e de mellor mobilidade. Penso que é o espazo de Santiago con máis alumnado non universitario e a especificidade dun campus sería positiva.

-Teñen relación os centros da zona?

-Si que a hai. Comezamos a celebrar o entroido entre todos hai 8 anos; e nós tamén temos relación co CIFP polo comedor e polo ciclo de educación infantil; co instituto, polo ciclo de peiteado; con Raiola, porque o seu alumnado ten como referencia o noso centro... aproveitamos recursos e hai confluencia, que se quere fomentar porque beneficia a todos.

-Exerceu nun instituto e regresou a primaria, como foi esa mudanza?

-Fixen unha especialidade nova a finais da década dos 90, Audición e Linguaxe, que me permitiu concursar para Lamas de Abade. Notei unha diferenza grande, aínda que resultou positivo vir para aquí e colaborar para mellorar a situación do ensino.

-Como valora os meses da covid?

-Penso que nin eu nin ninguén pensaba que puidese acontecer algo así. Este é un curso moi diferente, o máis difícil. Comezamos con medo a ter que pechar o colexio por causa dos contaxios e houbo poucas incidencias. Vemos a necesidades de recuperar a anterior normalidade para moitas cousas; porén, mudanzas que viñeron pola covid van continuar, como as organizacións das entradas e saídas do centro; ter máis recreos; ou os dúas quendas no comedor. Até dunha situación tan negativa se poden conseguir algunhas solucións positivas.