Conta atrás para a histórica reinauguración da Catedral, rexuvenecida logo de 800 anos

P. C. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Coa apertura da Porta Santa, que marca o inicio oficial do Xacobeo 2021, o mundo coñecerá unha das maiores actuacións realizadas na última década para a recuperación dun monumento Patrimonio da Humanidade

18 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestes días ultímanse as obras iniciadas ao abeiro dun ambicioso plan aprobado no 2009 para a recuperación da Catedral santiaguesa. A basílica anda xa inmersa na conta atrás para a súa reinauguración, que terá lugar coincidindo coa apertura da Porta Santa. O 31 de decembro, como é tradición, non só dará comezo oficialmente con este acto o Xacobeo 2021, senón que tamén se amosará ao mundo unha das maiores actuacións realizadas na última década para a recuperación dun monumento do patrimonio universal. Será esta a posta de largo dun templo rexuvenecido, 800 anos despois da súa culminación e consagración, que se remonta a 1211.

A Catedral reinaugúrase deste xeito grazas a un traballo conxunto e coordinado, co fin de devolver o seu esplendor a un monumento que conta dende hai unha década co Plan Director do Conxunto Catedralicio. Aprobouse por resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, departamento dependente da Xunta de Galicia -que leva anos traballando co obxectivo de garantir a conservación da basílica-. Trátase dun documento que desenvolve un programa de actuacións dirixidas á súa conservación, restauración e posta en valor. As intervencións contempladas nesa folla de ruta clasificáronse en función da súa urxencia entre prioritarias, secundarias ou de remate; e organizadas por fases para que o templo puidera permanecer accesible o máximo tempo posible.

As primeiras obras ao abeiro do plan director, e polo tanto as máis necesarias, impulsáronse pola Xunta, a Catedral, o Consorcio de Santiago e o Goberno de España ese mesmo ano, o 2009. O proceso de conservación e restauración da Catedral recibiría, seis anos despois, un novo impulso coa sinatura en setembro dun importante convenio de colaboración entre a Administración estatal, a Xunta e maila Catedral, dotado con 17 millóns de euros. Esta inxección económica, vital para o avance das obras na basílica, foi un investimento que veu a complementar a outros, os xa executados e os previstos. Ademais, o Goberno autonómico asinou este ano 2020 un acordo de colaboración por 750.000 euros para dar continuidade a todas estas actuacións.

As intervencións dos últimos anos na Catedral son, polo tanto, o resultado dunha suma de vontades que se materializaron nese convenio, o cal permitiu levar a cabo unha das obras máis complexas e completas que se fixo nunca nun ben patrimonial.

Durante máis dunha década participaron neste proxecto equipos multidisciplinares do máximo nivel, supervisados e apoiados polos técnicos da Xunta. As obras e dirección facultativa as asumiu a Fundación Catedral, baixo o control de Patrimonio. Neste tempo e, de xeito complementario, executouse unha das restauracións máis importantes do século, a do Pórtico da Gloria.

Para chegar a o punto no que se atopa hoxe a basílica, foi clave o investimento comprometido no 2014 polo Goberno de Mariano Rajoy, que apoiou o rescate imperioso dunha catedral que se viña abaixo, entre goteiras e desprendementos polos problemas estruturais. Neste longo camiño cubríronse preto dunha vintena de actuacións e a maioría delas estarán rematadas antes de que acabe este ano. Pese a complexidade dos traballos, os cales incluíron obras de gran envergadura (que sobre a marcha deron pé a outras actuacións imprevistas que foi necesario asumir), a finais deste mes cumprirase un fito histórico en tempo e forma.