Compostela reivindica a Carvalho Calero como o «palco do seu talento»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O Auditorio, o Parlamento e o Museo do Pobo ofrecen valiosas exposicións

12 dic 2020 . Actualizado a las 22:20 h.

Unha exposición sobre Carvalho Calero que se pode ver no Auditorio de Galicia dedica unha das súas partes centrais a Compostela palco do seu talento. Permanecerá até marzo, como outra mostra que está no Parlamento de Galicia. E no Museo do Pobo Galego tamén se pode visitar outra, até inicios do próximo mes.

Son tres actividades moi valiosas para coñecer a relación coa cidade; e a biografía, traxectoria, produción e pensamento da figura a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas deste ano. Carvalho é honrado hoxe cunha homenaxe da Real Academia Galega, ás 12.00, no Paraninfo da USC, onde exerceu como primeiro docente, e despois catedrático, de lingua e literatura galega.

As tres exposicións permiten coñecer valiosa documentación, cartas, fotografías e outros elementos, que axudan a comprender esta figura; alén de estudos sobre el. No Parlamento está o documento de socio do Seminario de Estudos Galegos e dúas cartas de Otero Pedrayo, entre outro material pertencente ao seu arquivo e biblioteca, depositados na Cámara lexislativa desde 1997.

A profesora Pilar García Negro conseguiu reunir todos os libros de Carvalho, pois a súa familia quixo conservar os que el tiña. Nese arquivo tamén se nota a ausencia de documentos que testemuñen a súa actividade nos anos anteriores a 1936. Esta biblioteca é moi visitada por investigadores e este ano forneceu numerosos materiais para diversas actividades organizadas para as homenaxes das Letras, afirma Fernando Negueruela, o bibliotecario da institución.

A exposición do Auditorio insiste en dar a coñecer as opinións de Carvalho sobre diferentes cuestións a través da súa voz gravada e testemuños recollidos en coñecidas publicacións de conversas, ou procedentes dos seus estudos e escritos literarios.

O Concello de Santiago, a Xunta e a Associaçom Galega da Língua promoven esta actividade, que se adapta aos diversos locais que visita, e ten unha versión máis breve, que estivo en outubro na biblioteca pública Ánxel Casal. Carlos Quiroga insiste en que «resultou moi dificultoso facer unha proposta de bonsai representativa dos aspectos que poden dar conta dun dos maiores xigantes da cultura, da política, da lingua, da literatura, do ensaio, da historiografía e outros ámbitos da sociedade galega. Non hai ninguén da súa envergadura. Procuramos o equilibrio e favorecer a súa palabra, pois tamén foi un bo representante desa escola de atraer pola palabra oral», indica. Esta exposición está previsto que visite outros espazos galegos e mesmo do exterior.

A mostra do Museo do Pobo Galego foi feita a partir dos seus propios fondos. A bibliotecaria, Rosa Méndez, destaca unha carta de Carvalho a Antonio Fraguas; unha das tres que conservan, datadas entre 1941 e 1943, onde Carvalho, que tras saír do cárcere como perdedor da Guerra de 1936 estaba en situación de liberdade provisional, pide axuda para conseguir a habilitación para a docencia privada, como xa fixera Fraguas.

Elías Torres, decano de Filoloxía: «É o primeiro Día das Letras dedicado a alguén do centro»

Ricardo Carvalho Calero «foi pioneiro en diversos ámbitos da lingua, a literatura, a cultura e mesmo a política galega»; e tamén «este é o primeiro Día das Letras dedicado a alguén do noso centro», afirma Elías Torres, decano de Filoloxía. Valora que é «unha das poucas figuras decisivas das elites culturais galegas do século XX. Elaborou unha Historia da Literatura Galega que aínda é fonte de análise e documentación, e serviu, dada a función da literatura, para lexitimar a propia galeguidade e o galeguismo. O mesmo acontece coas sucesivas edicións da súa Gramática do galego. E polo impulso que a iso deu como profesor na USC. Tamén é moi relevante por ter feito unha proposta de orientación lingüística que aínda hoxe está en debate. É un referente de prestixio comunitario pola súa produción, o noso presente sería máis precario sen ela», acrecenta. Para Torres «Carvalho, como intelectual de vangarda, respondeu a cada paso aos desafíos con que a vida e as circunstancias do país o interpelaban, con coherencia até o final dos seus días, recollendo a tradición do pensamento galeguista, o seu saber e sensibilidade, sempre con honestidade e profundo sentido de responsabilidade». Salienta «o seu traballo por Galicia, propondo solucións de porvir e futuro. A súa produción coloca a Carvalho na máis selecta pléiade de artífices imprescindíbeis do noso ser colectivo, polo que é e polo que representa». Destaca así mesmo «a súa actitude respectuosa e elegante: foi un intelectual decisivo, que se dedicou á comunidade e traballou para a súa melloría. Na homenaxe do Día das Letras homenaxeamos a nosa existencia colectiva, o que el nos legou».