O libro «A Catedral dos Camiños», unha peregrinación pola traxectoria do templo

M. G. IGLESIAS SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

A publicación actualiza o coñecemento histórico-artístico da basílica

10 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ofrecer unha actualización do coñecemento histórico-artístico sobre a catedral compostelá e, ao mesmo tempo, que sexa unha publicación accesible para un público amplo é o obxectivo de A Catedral dos Camiños. Unha biografía da igrexa de Santiago, que foi presentada onte no pazo de Xelmírez. «Este libro invita a unha peregrinación no tempo porque permite facer un percorrido pola traxectoria histórica da Catedral», asegurou Xosé Manuel Villanueva, o coordinador do traballo. Unha idea na que tamén profundou o arcebispo, Julián Barrio, apuntando que convida a unha «peregrinación interior y en el tiempo. Metafóricamente se podría decir que el Apóstol nos espera también en las páginas de este libro».

A obra compilatoria da evolución do templo desde o século IX ata a actualidade e da súa relación coa cidade compostelá e o Camiño de Santiago contou co apoio para a súa publicación da Axencia Turismo de Galicia, que asinou un convenio de colaboración coa Catedral. Precisamente, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, incidiu durante o acto na calidade do libro. «É unha obra coral, moi potente, moi ben feita e que lle fai xustiza ao que quere explicar», afirmou.

O xermolo de A Catedral dos Camiños haino que buscar hai tres anos e medio a raíz da restauración do templo. Deste xeito, consideraron que era un bo momento para aproveitar para actualizar o coñecemento histórico-artístico da basílica tendo en conta que «ás veces, as pedras son máis elocuentes que as palabras» xa que permitían acceder ás profundades construtivas. Ademais, segundo subliñou Villanueva, querían ofrecer un texto «rigoroso e accesible para un público amplo». Nese senso, indicou que hai múltiples estudos sobre a Catedral pero, habitualmente, trátase dunha acumulación de monografías que permiten un grado de información moi amplo pero nas que o lector perde o fío de continuidade nese proceso.

Para a conformación desta publicación presentada onte, contouse con achegas de diferentes especialistas na materia, como Ermelindo Portela, Fernando López Alsina, Pegerto Saavedra, Manuel A. Castiñeiras, Alfredo Vigo, Pablo Costa, Fernando Pérez, Belén Castro, Ramón Yzquierdo Peiró, José Manuel García Iglesias e Ramón Yzquierdo Perrín. A partir dos seus estudos completos -que tamén foron reunidos nun traballo dun milleiro de páxinas- articulouse o volume que agora ve a luz para facilitar a súa chegada ao público xeral. «Trazouse unha trama argumental que explicara todo o proceso histórico, artístico e social», detallou o coordinar do libro.

Material gráfico

Para completar a publicación, aos traballos engadíuselle fotografías, ilustracións e recreacións, así como documentación, «para que o lector poida ter unha relación completa». Así, por exemplo, pódense ver recreacións virtuais do claustro gótico ou da fachada occidental mateana. «La peregrinación tenía un códice, y ojalá esta obra sea el Códice de nuestra Catedral», afirmou o arcebispo. No acto de presentación celebrado onte no pazo de Xelmírez, tamén interveu o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, que incidiu en que A Catedral dos Camiños contribúe a difundir «o espléndido traballo feito na Catedral».

Un percorrido desde o ano 830 que seguirá cun novo tomo sobre a restauración

A peregrinación pola historia da Catedral compostelá que ofrece a publicación comeza na terceira década do século IX, cando o ermitán Paio e os fieis da parroquia de San Fiz de Solovio deron noticia a Teodomiro, bispo de Iria, de certas experiencias visionarias que se producían nun bosque coñecido como Libredón, próximo a onde residían. O remate é en pleno século XXI despois de oito capítulos cronolóxicos: Os primeiros tempos (830-1075); A Catedral románica (1075-1211); Casa do Apóstolo, castelo do arcebispo (1230-1480); Santiago ata a metade da Idade Moderna (1480-1643); A Catedral na segunda metade da Idade Moderna: do esplendor barroco á orde académica (1643-1807); Do abatemento da Igrexa de Santiago ao redescubrimento dos restos do Apóstolo (1807-1891); O século XX: conceptos patrimoniais e resignificacións simbólicas; e, por último, O futuro: vía pulchritudinis, o camiño da beleza. O libro está dispoñible en galego, castelán e inglés. 

Os traballos no templo

A publicación A Catedral dos Camiños terá continuidade cun tomo centrado na restauración e conservación do templo, abranguendo o período entre o 2011 e o 2027, segundo está establecido no convenio asinado entre a Catedral e a Axencia Turismo de Galicia con carácter trianual. Neste novo traballo -tal e como figura no acordo para a elaboración dunha obra compilatoria «que axude a unha comprensión integral da Domus Iacobi»-, abordaranse cuestións como o Plan Director e as intervencións froito dos convenios de Goberno Central, Xunta e Catedral; cuestións ambientais; a restauración do aparello lígneo, pinturas e mármores; así como a recuperación do pórtico da Gloria ou o papel que xoga a luz no templo, entre outros.