A Cidade da Cultura ponlle música e contos ao Nadal

M. g. Iglesias SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

CARLOS CORTÉS

O exterior do complexo do Gaiás xa loce iluminado con referencias á Vía Láctea e a árbore «Stellae» brillará no museo

05 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Cidade da Cultura xa loce imaxe de Nadal. A iluminación inspirada na Vía Láctea avanza entre edificios e rueiros para completarse cunha árbore lumínica no cumio do Monte Gaiás, no Bosque de Galicia, visible desde diferentes puntos do centro de Compostela. Unha decoración exterior que estará acompañada a partir do día 18 doutras iniciativas para poñer música e contos a estas datas, que sairán tamén do complexo a través de emisións a través da canle de YouTube para achegarse a un público máis amplo tendo en conta as restricións de aforo debido á pandemia. Tampouco faltará nesta programación impulsada pola Xunta un símbolo do Nadal no Gaiás: a árbore xigante situada no museo.

Grande árbore de Nadal

«Stellae», con música e iluminación interactiva. Será de novo un referente no Nadal do Gaiás desde o vindeiro día 18 ata o 6 de xaneiro no hall de tirantes do museo. Esta ano recibirá o nome de Stellae, en referencia á estrela que guiaba aos peregrinos ata Compostela. Deste xeito, o Ano Xacobeo terá presenza simbólica nesta programación da institución dependente da Consellería de Cultura, xa que tamén a iluminación exterior se inspira na Vía Láctea. Esta árbore é unha intervención deseñada pola artista visual Marta Verde e posibilitará que o público que se achegue ata o museo interactúe con ela. Os visitantes, a través dos seus dispositivos móbiles, serán os que decidan como iluminala así como as composicións que emanan dela. Así, segundo se enfoque coas lanternas, prenderán luces de cores diferentes e soarán distintas notas musicais, máis graves na parte baixa e máis agudas na alta.

Actuacións

Xesús Vaamonde e Xosé Lois Romero. Con vinte e catro instrumentos populares galegos interpretarán cantos de Nadal, panxoliñas, cantos de Reis... A primeira cita desta programación da Xunta de Galicia será o 26 de decembro, ás 18.00 horas, no Museo do Gaiás. Trátase dun espectáculo para todas as idades, divertido e didáctico e no que non faltarán tampouco doses de bo humor.

Sole Felloza & Ensemble ConcertArt. O día 28, ás 18.00 horas, a recoñecida narradora oral ofrecerá un conto típico de Nadal acompañada dun cuarteto de corda. O espectáculo Axóuxeres e panxoliñas de Nadal fará as delicias non só do público infantil senón tamén dos máis maiores.

Uxía Lambona e a Banda Molona. E para darlle a benvida ao 2021, o día 4 de xaneiro, tamén ás 18.00 horas, a formación de música infantil ofrecerá un concerto no que versionará a ritmo de rock e música urbana clásicos populares galegos. Así, non faltará A Carolina rapedada ou O jato rockeiro, así como moitos outros temas tradicionais, todos eles moi dinámicos, para facer partícipe ao público. Os que asistan poderán bailar, xogar e non faltarán as sorpresas.

As entradas para estes tres concertos son de balde pero é preciso retirar previamente o convite a través de ataquilla.com. Estarán dispoñibles desde unha semana antes da actuación. Ademais, as tres actuacións serán retransmidas en directo a través da canle en YouTube da Cidade da Cultura para compensar a limitación de prazas dispoñibles polas restricións da pandemia sanitaria.

Audiovisual

Nadal en Súper 8. A programación completarase cunha instalación audiovisual na que se proxectará unha peza creada con gravacións caseiras e familiares do Nadal feitas en fita Súper 8 nos anos 70. Na peza de oito minutos recompílanse eses anaquiños entrañables de vida destas festas de hai máis de catro décadas. Esta peza provén do Museo Online de Cine Autobiográfico (MOCA). Hai que lembrar que no Gaiás tamén se pode ver a mostra Cinema e emocións, con filmes que marcaron a infancia de distintas xeracións.

Unha vídeo-felicitación das festas a través dun canto de Reis

As medidas pola covid-19 non só obrigaron a reaxustar actividades á Cidade da Cultura nesta época do ano, senón que fai que o tradicional concurso de postais de Nadal se transforme nun convite a través das redes sociais para que a cativada envíe vídeo-felicitacións destas festas a través dun canto de Reis. Onte Xesús Vaamonde -que xunto a Xosé Lois Romero abrirá as actuacións da programación especial destas datas no Gaiás o vindeiro día 26 de decembro- lanzou a través das redes a proposta de canto de Reis para que agora a rapazada se grave interpretando esta peza de menos dun minuto de duración para logo compartila coa súa familia. Tamén animan a facela chegar á Cidade da Cultura para crear entre todas as que reciban unha grande felicitación-mosaico e colectiva que será compartida nas contas de Facebook, Twitter e Instagram do Gaiás entre os días 24 e 25 de decembro. Os interesados en participar nesta iniciativa da institución dependente da Consellería de Cultura poden facelo a través do enderezo en liña onlinecidadedacultura@gmail.com. O prazo para remitir as gravacións co canto de Reis remata o día 18 ás 14.00 horas.