Melide conmemora a asemblea que pediu o voto en Cortes para Galicia

A vila celebra hoxe o quinto centenario dun encontro de nobres e prelados


melide / la voz

Melide ten hoxe un motivo para a celebración. Histórico. O 4 de decembro de hai cincocentos anos, a vila acolleu unha xuntanza de nobres e prelados na que se adoptaron decisivos acordos para o, por aquel entón, Reino de Galicia. A máis importante das dezaseis capitulacións asinadas solicitaba a recuperación do voto en Cortes, unha reivindicación rexeitada con evasivas polo rei Carlos I, a pesares da fidelidade que formalmente lle manifestaron os cabaleiros, acordando manterse alleos ao conflito comuneiro aberto en Castela contra o monarca. «Por fidelidade ao rei, os señores deben impedir calquera levantamento, pero tamén, e sobre todo, por interese propio, pois non queren ter que enfrontarse a uns novos Irmandiños», conta Pegerto Saavedra, catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago (USC), no artigo que escribiu para o especial co que Consello da Cultura Galega colaborou na difusión da significativa data.

O contexto histórico e as claves da chamada «Asamblea de Melide» son os aspectos nos que afonda Saavedra na colaboración que firmou para o especial que pode consultarse na páxina web da institución cultural que preside Rosario Álvarez. Os dous intervirán esta tarde na mesa redonda que acollerá, o centro sociocultural Mingos de Pita, no marco dos actos que organiza o Concello de Melide para conmemorar a efeméride. Unha recepción oficial na sede consistorial, e a interpretación do Antigo Himno do Reino de Galicia ao pé do cruceiro máis antigo da comunidade serán as cerimonias que precedan as intervencións. O alcalde melidao, Xosé Manuel Pérez, e o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, serán quen se encarguen de abrir e de pechar a mesa redonda, na que exercerá de mantedora Cristina Vázquez Neira, do Museo Terra de Melide. A galería etnográfica da comarca é outra das entidades que colaboran de xeito activo na divulgación da asemblea de 1520. Foi quen primeiro puxo o foco sobre a súa importancia, reivindicando a celebración do quinto centenario. Na reportaxe asinada dende culturagalega.gal para o especial do Consello da Cultura Galega preséntase, de feito, a «Asamblea de Melide» como «unha xuntanza singular que pasou ao esquecemento».

Outras colaboracións

O xornalista e escritor Manuel Gago coordina a publicación dixital da institución, á que Alfredo Presedo, da Universidade de Vigo, aporta outro dos artigos que contextualizan a xuntanza dos poderes estamentais galegos. Na súa colaboración, Presedo conta quen foron os vinte nobres, e os catro membros do alto clero que participaron nunha asemblea que reuniu «unha mostra moi axeitada da nobreza galega dos inicios da Idade Moderna».

O especial do Consello da Cultura Galega contén, igualmente, un artigo de Ofelia Rey, da USC, que aborda a consecución dunha das poucas peticións ás que accedeu Carlos I: a creación na cidade da Coruña dunha «Casa de Especiaría». De interese para poder participar no incipiente e próspero negocio comercial coas Indias, «foi o resultado da presión política, exercida a cambio de fidelidade e de manter a Galicia fóra da revolta das comunidades de Castela», explica. O ansiado voto en Cortes para Galicia non se conseguiría ata un século despois: no 1622, baixo o reinado de Felipe III.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Melide conmemora a asemblea que pediu o voto en Cortes para Galicia