José Manuel Castro Tubío, biólogo: «Manexando mellor a nosa vida podemos reducir os riscos de cancro»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

O investigador do Cimus é unha referencia en tumores e estuda tamén agora os xenomas da covid-19

22 nov 2020 . Actualizado a las 10:34 h.

«Hoxe curan o 55 % dos cancros, algúns con máis facilidade que outros. O 99 % dos de mama detectados e tratados a tempo curan; noutros, como os de páncreas ou o mieloma múltiple, as probabilidades de éxito son moi inferiores, aínda que polos avances dos últimos anos agora os pacientes viven máis anos e con mellor calidade de vida», afirma José Manuel Castro Tubío (Santiago, 1978), biólogo e director do grupo de xenomas e doenzas do Centro de Investigación en Medicina da USC (Cimus). O día 18 falou na biblioteca Ánxel Casal sobre «Todo o que se debe coñecer do cancro para tentar evitalo».

-Como chegou a investigar sobre o cancro?

-Antes de finalizar o doutoramento traballei un tempo no servizo de Hematoloxía do Hospital Clínico, onde entrei en contacto coas leucemias, linfomas, mielomas e outros cancros. Iso fixo que me interesase e orientei a formación posdoutoral, en centros de Barcelona e Inglaterra, a traballar no xenoma dos cancros de mama, de próstata e outros.

-Como se evita o cancro?

-É moi importante a prevención. Hoxe coñecemos como se poden reducir os riscos de moitos cancros cun bo estilo de vida. Hai que procurar non fumar, ter relacións sexuais con protección, non abusar das carnes vermellas e preparar ben os alimentos, ou que as mulleres teñan fillos máis cedo. Un 15 % dos cancros son causados por virus, e algún deles, como o virus do papiloma humano, que causa cancro de cérvix ou colo de útero, é máis frecuente en mulleres que se relacionan sexualmente con varóns que teñen moitas relacións sexuais con outras mulleres; aínda que ultimamente tamén se detecta máis en varóns que teñen prácticas homosexuais de sexo oral con outros.

-Hai unha vacina para o virus do papiloma humano, ten eficacia contra ese cancro?

- Si, polo que se aconsella a vacina contra ese virus para as mulleres e tamén para os homes. Manexando mellor a nosa propia vida podemos evitar ou reducir moitos riscos e factores que causan cancro.

-Pertence ao Consorcio Internacional de Xenoma do Cancro, que significa iso?

-Ese é un proxecto enorme, no marco do cal se desenvolveu o denominado proxecto Pan-Cancer, onde estamos involucrados máis de mil investigadores de 20 países co obxectivo de buscar solucións máis avanzadas para os cancros.

-En que solucións traballan como máis prioritarias?

- Unha liña de traballo está orientada para a prevención, en promover unha vida máis saudable, que é na que se debería insistir máis, e tamén no diagnóstico precoz a través de mamografías, colonoscopias e outras probas. Hai outra liña central que trata de mellorar os tratamentos e esa resulta máis custosa economicamente e é a actuación final. O máis importante é traballar ben a prevención.

-Traballa en proxectos sobre cancro e covid-19, ou ten pensado dedicar esforzos proximamente nese ámbito?

- Sobre a relación concreta de cancro e covid no noso grupo non investigamos, aínda que si temos un proxecto para estudar as cepas da covid-19.

-En que consiste ese proxecto sobre o novo coronavirus?

-Estamos a ver como evolucionan as cepas da covid-19. No noso grupo fomos pioneiros en traballar neste tema en Galicia. Estamos no consorcio SeqCOVID, que tenta caracterizar as cepas da covid en España para comprender como evoluciona; e nós, en coordinación con outros grupos galegos, temos a encomenda de secuenciar os xenomas do virus en Galicia.

«Manter o meu grupo custa máis de 300.000 euros ao ano»

José Manuel Castro Tubío estudou Bioloxía na USC, onde tamén se doutorou cun estudo sobre o mosquito da malaria. Ampliou a súa formación en Barcelona e en Cambridge (Inglaterra) e regresou a Galicia hai catro anos, cun breve período na Universidade de Vigo antes de se asentar no Cimus.

-Este ano o seu grupo conseguiu notoriedade internacional por descubrir un novo mecanismo de mutación que está na orixe do cancro, os retrotransposóns. Que significa ese avance?

- Os retrotransposóns, aos que tamén chamamos xenes saltaríns, son secuencias de ADN con capacidade para saltar dun punto a outro do noso xenoma e que están involucrados moi claramente no cancro. Poden ser causa sobre todo de tumores de esófago. Difundimos ese traballo na revista Nature e conseguimos, a partir desa publicación, moita visibilidade e un financiamento de 300.000 euros da Asociación Española contra o Cancro (AECC), ou que a Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (Aseica) me distinguise co premio como mellor investigador xoven.

 

-Algúns estudos falan de que hai máis de 200 cancros diferentes, xa se coñecen todos?

-Hai moitos cancros, algúns moi pouco frecuentes. Os estudos sobre a expresión dos xenes están a descubrir novos tipos de células, iso significa que tamén revelarán novos cancros que non se coñecen.

-En que liñas traballa prioritariamente o seu grupo?

-Neste momento estamos a renovar as liñas de investigación e unha das prioridades será estudar o xenoma do cancro nas tres dimensións, porque o noso xenoma é un material flexible que flota no núcleo das nosas células e interacciona nas tres dimensións e en diferentes rexións do noso xenoma entre si. Chegamos á conclusión de que é moi importante estudar esas interaccións 3D para saber máis do cancro.

- Como é o seu grupo do Cimus?

- Somos 25 investigadores, 5 estudantes e 20 especialistas en Bioloxía, Enxeñaría Informática, Bioquímica, Física e outras disciplinas. Agora estamos nun cambio de ciclo. Os últimos catro anos conseguimos case tres millóns de euros de financiamento, o que nos permitiu ser competitivos internacionalmente con grupos de España e doutros países mellor dotados economicamente. Manter un grupo como o noso custa máis de 300.000 euros ao ano, por iso a prioridade agora é conseguir polo menos dous millóns de euros para os próximos 5 anos, se non, podemos deixar de ser competitivos.