A Cidade da Cultura reforza o uso da tecnoloxía para difundir a súa actividade

M. G. Iglesias SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

ÓSCAR CORRAL

Aumenta as propostas virtuais e implanta as visitas por videoconferencia

18 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A adaptación da Cidade da Cultura ás restricións da pandemia vai máis alá da redución de aforo, novos protocolos de acceso e de implementar medidas de protección. A institución dependente da Consellería de Cultura está reforzando o uso da tecnoloxía para achegar os seus contidos e manter a conexión co público de xeito que as limitacións por criterios sanitarios non impidan acceder ás súas propostas. As iniciativas impulsadas abranguen desde o desenvolvemento completamente virtual da Maker Faire Galicia -que se celebrará desde hoxe ao día 22-, ata as visitas didácticas por videoconferencia, sen esquecerse das numerosas iniciativas por streaming e as visitas temáticas dispoñibles en vídeo.

Exposicións

Visitas telemáticas e propostas interactivas. Nesta estratexia dixital do Gaiás para difundir os seus contidos pese ás restricións sanitarias destaca, precisamente, a posta en marcha dun programa pioneiro en Galicia de visitas didácticas en liña co que levar as súas exposicións aos centros de ensino. Así, o equipo de guías conecta mediante videoconferencia co alumnado para abordar a exposición Galicia, de Nós a nós. Ata o momento xa teñen reserva para estas visitas máis de 2.000 estudantes de secundaria, pero aínda hai quendas libres para reservar ata o 15 de xaneiro. «Non é o mesmo esta visita por videoconferencia que a presencial, pero tamén é interesante porque permite complementar a experiencia con outras sensacións, como pode ser a música ou incluír unha película na que actúa Castelao, que non sería posible se estiveran ‘in situ'», explicaba recentemente Paula Toimil, guía destas visitas didácticas en directo xunto a Xoán Escudero. Engadía que este formato permitía achegarse á mostra a estudantes que doutro xeito seguramente non se desprazarían a vela a Santiago por estar moi lonxe.

 

Tamén no eido das mostras, e debido as limitacións de aforo para as visitas temáticas conducidas por expertos, a Cidade da Cultura decidiu trasladalas á esfera virtual. Os percorridos por Galicia, de Nós a nós, son gravados e, posteriormente, ofrecidos na Rede.

Por outra banda, nas exposicións, continúan incidindo no emprego de tecnoloxía interactiva en base a sensores de presenza de movemento. Así, en Galicia, de Nós a nós, hai a posibilidade de mergullarse no campamento romano de Aquis Querquennis ou de indagar na iconografía e contidos de Nós.

Eventos

Maker Faire Galicia, toda en liña. A adaptación da programación cultural e doutros eventos ás novas condicións impostas pola pandemia ten un claro exemplo na Maker Faire Galicia, que comeza hoxe e se desenvolverá por primeira vez integramente en liña. Argalleiros de seis países diferentes -España, Francia, Portugal, México, Colombia e Brasil- presentarán os seus proxectos a través dunha plataforma que recrea en 360 grados o Museo Centro Gaiás e na que as persoas asistentes poderán ver e interactuar con makers, ademais de participar en obradoiros e asistir a charlas.

 

Espectáculos

«In situ» e por «streaming». A Cidade da Cultura, para o desenvolvemento da súa programación escénica e musical, tamén se aproveita das novas tecnoloxías para incrementar o público que pode gozar das propostas tendo en conta as limitacións de espazos, xa que agora están en trinta persoas. Así, ao distanciamento para as persoas que gozan «in situ» dos concertos -como os recentemente incluídos no ciclo Magostos no Gaiás-, úneselle a retransmisión en directo por vía streaming. Esta reformulación da programación para seguir mantendo a actividade cultural na «era covid» tiveron especial protagonismo os grupos galegos, con Milladoiro, Sumrrá e Luar na Lubre como últimos exemplos.

Con todas estas iniciativas, desde a institución dependente da Consellería de Cultura, pretenden manter viva a oferta cultural neste outono-inverno e, á vez, que o máximo público poida gozar dela dun xeito seguro.

Programa de asesoramento para o sector cultural

A Cidade da Cultura puxo en marcha a raíz da pandemia un servizo de asesoramento dirixido a empresas e profesionais culturais no marco do plan de reactivación fronte aos efectos derivados da covid. A iniciativa, que desenvolve en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago, terá continuidade ata finais de ano. O obxectivo é dar resposta a todo tipo de dúbidas de carácter laboral, fiscal e mercantil relacionadas coas medidas postas en marcha para paliar as consecuencias económicas da crise sanitaria. Ademais de resolver as consultas, o servizo presta asesoramento sobre as diferentes axudas ás que poden optar, así como dúbidas sobre cuestións como os ERTE e aprazamentos de impostos, entre outras.