Xosé Constenla: «O novo disco foi como unha vía de escape no confinamento»

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O quinto traballo discográfico do cantautor, «O globo vermello», está formado por nove temas e un relato

17 nov 2020 . Actualizado a las 04:55 h.

O globo vermello, o quinto traballo discográfico de Xosé Constenla, xa se pode escoitar. Iso si, para gozar del en directo seguramente haxa que agardar ata a primavera. «Queremos ser cautos», di o cantautor compostelán, que tivo que aprazar a presentación prevista o pasado día 31.

-Que se atopa o público en «O globo vermello»?

-Trátase dun disco elaborado durante a primeira vaga de confinamento. É un traballo feito en abril, na casa e por min mesmo. Tanto toda a instrumentación como a produción foi miña aproveitando ese momento de encerro. Son oito cancións e unha historia porque unha das pezas, pola súa lonxitude e natureza, convértese nunha pequena historia. Neste caso, optei por non sacar un formato disco tradicional, senón que é un libro que inclúe un relato que escribín no confinamento, «O botones do Majestic», que está ambientado en México DF e tamén hai cedé para quen o queira. En canto ao significado do disco, a verdade é que naqueles días de confinamento un miraba pola fiestra e vía as cidades un pouco desertas, sen a vida habitual, entón, conviña imaxinar que, detrás de todo aquilo, ía vir un panorama máis alentador, que eu identifico nese globo vermello, que se ía achegando aos poucos con novas historias, utopías, ilusións, con forzas renovadas... Hai cancións descartes doutros discos que foron renovadas, e outras compostas durante o confinamento. Naceron un pouco como reacción a aqueles días de peche.

-Entón, está moi impregnado do que tocou vivir agora.

-Pasoume que este disco foi como unha vía de escape. Como aqueles días eran unhas xornadas tan longas, para min era como un balón de osíxeno poder sentarme diante dos instrumentos. Por iso está tan impregnado desa etapa, aínda que tamén buscas narrar unhas sensacións, transmitir que diante da adversidade aínda se poden construír espazos que falen de forzas renovadas, de ánimos renovados, de novas ilusións...; é aquilo de dar un paso atrás para despois dar dous cara adiante. Isto tamén está recollido no disco.

-No anterior disco dera un xiro cara o folk-rock americano. Continúa esa liña ou mergúllase noutros ritmos?

-É a primeira vez que me encargo da produción completa do disco. Entón, creo que segue a tradición da canción popular máis vinculada á canción do autor. Pero no disco aparece o blues, unha bossa nova, hai algo tamén canción galega...

-Algunhas salas de música xa anunciaron o seu peche pola pandemia. Como ve o futuro no eido musical?

-O momento é tráxico. Chegamos a este momento despois de anos nos que moitos músicos levabamos advertindo que había que coidar máis o tecido cultural, que había que preocuparse máis da música de proximidade. Creo que se puxo moita preocupación nos festivais e macroconcertos sen decatarnos de que as salas pequenas non sempre contaban co apoio merecido. Polo tanto, isto que agora sucede como un tsunami tan brutal, xa se viña detectando e advertindo. Agora, igual que dicimos que hai que coidar a natureza, temos que ter en conta que a cultura é parte de nós. Se somos unha especie «sapiens», capaces de deixar rexistros culturais, témolos que coidar e pensar que iso é innato. É algo indispensable na nosa especie, entón, hai que chegar a unha forma de reactivación ao mesmo nivel que as outras esferas da nosas vidas.